Feijóo promete en Arxentina acabar xa co voto rogado que pactaran PP e PSOE

Acto de Feijóo na Arxentina durante a campaña de 2009 © Crónicas de la emigración

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volve liderar a iniciativa para posibles reformas fundamentais nos procesos electorais. Durante a súa xira, primeiro aproveitou a súa visita a Andalucía para apoiar o PP na campaña electoral que goberne sempre a lista máis votada, presumindo mesmo de que o seu partido é "o máis democrático" por non gobernar nalgúns territorios malia ser a formación máis votada. Pouco despois, xa en Bos Aires, comprometeuse cos emigrantes para derrogar o voto rogado e que os galegos do exterior poidan exercer o voto "nas mesmas condicións que o resto dos españois". 

Feijóo promente ante os emigrantes derrogar o voto rogado e anuncia que a intención de Madrid é facelo xa para as vindeiras eleccións xerais

Así o asegurou Feijóo na convención do PP de Arxentina. Xunto ao presidente da formación no país austral, Alejandro López Dobarro, o presidente da Xunta apostou por que, unha vez garantida a seguridade e identificación do elector da diáspora, "non sexa necesario o voto rogado", unha figura que o Goberno central instaurou en 2011 tras un acordo entre PP e PSOE para evitar os habituais fraudes electorais no exterior pero que provocou unha caída brutal da participación exterior. Agora, os dous grandes partidos queren unirse para unha contrarreforma que xa teñen pactada e acordada.

De feito, Feijóo asegurou que o obxectivo é que o Congreso aprobe a nova lei electoral nos vindeiros meses para "poder exercer xa o dereito a voto directo en consultados, embaixadas e centros da colectividade nas próximas eleccións xerais". "Pedimos o consenso do PSOE porrque a lei sempre foi consensuada entre os dous grandes partidos", engadiu o líder do PPdeG. Non terá problema. O secretario xeral dos socialistas, Pedro Sánchez, prometeu a derrogación do voto rogado na súau visita ao Uruguai das últimas semanas. Falta agora por saber se este novo sistema de voto para a diáspora conta cos controis dos que careceu sempre. 

Pedro Sánchez (PSOE) anunciou tamén que impulsaría a derrogación do voto rogado

Foi ao final do derradeiro mandato de José Luis Rodríguez Zapatero no Estado, as Cortes Xerais aprobaran unha reforma da lei electoral orientada, entre outros aspectos, a evitar esta fraude no voto emigrante. Ademais do PSOE gobernante apoiaron a modificación o PP, CiU, o PNV e o BNG. Os principais cambios eran dous: a emigración ía deixar de participar nas eleccións municipais, as consideradas máis próximas á cidadanía e, sobre todo, implantábase o voto rogado, isto é, para participar nos comicios dende o exterior habería que solicitalo antes, ao xeito do voto por correo ordinario.

PP e PSOE pactaran un sistema de votación que agora queren derrogar pola baixa participación dos emigrantes

O resultado foi o que moitos xa agardaban. As persoas inscritas no CERA deixaron de recibir as papeletas de votación automaticamente na súa casa, pedírano ou non e sen comprobación previa de se seguían vivas. Nas eleccións municipais de 2011 xa non puideron participar e nas xerais de 2011 a súa participación caeu en picado. Daquela a circunscrición galega con máis participación do exterior, Lugo, apenas pasou do 5%, na Coruña subiu levemento do 4% e en Ourense e Pontevedra ficou en algo máis do 3%. Nas eleccións autonómicas de 2012 a tendencia mantívose e a abstención do CERA roldou o 96%. Nas europeas deste 2014 a participación non chegou nin ao 2%.

Nos anteriores comicios autonómicos emitiron o seu voto 101.708 dos 335.453 ausentes, isto é, sobre un 600% máis dos que o fixeran. A comparación das porcentaxes de participación tampouco deixaban lugar a dúbidas: o 3,2% de 2012 fronte ao 30,3% de 2009.

A participación da diáspora nas últimas eleccións europeas non chegou ao 2%

Esta baixa participación a causa da instauración de controis legais é, precisamente, a causa que alude o Goberno central para darlle a volta á reforma. Co apoio do PSOE, que agora tamén cre que aquela operación foi "un erro". Ademais, unha proposta do Parlamento de Galicia promovida en 2008 para estender o voto en urna entre o CERA serve agora de punto de apoio para darlle a volta á situación e pórlle fin ao sufraxio rogado. O voto do exterior vai poder, en definitiva, ser decisivo para os resultados globais no caso dun panorama electoral moi axustado.

Escrutinio do voto do CERA © España Exterior
Acto de Feijóo na Arxentina durante a campaña de 2009 © Crónicas de la emigración

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.