0 Gardados para despois

Feijóo volve rescatar desde Andalucía a súa idea de prohibir os gobernos de coalición

Redacción | @prazapublica

Feijóo volve rescatar a polémica e insiste desde Andalucía en que debería gobernar "a lista máis votada" tras presumir nun mitin da campaña electoral andaluza que o PP é "o partido máis democrático" ao pasar "tres anos na oposición" no Parlamento autonómico andaluz malia ser a primeira forza en número de votos. O presidente da Xunta volve liderar así a ofensiva contra os gobernos de coalición, como fixera xa hai meses, propoñendo a súa formación mocións nos concellos e impulsando unha reforma electoral que finalmente adiou sine die

Feijóo presume de que o PP é "o partido máis democrático" ao non gobernar nalgúns territorios malia ser o máis votado

A reacción da oposición galega non se fixo agardar. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, rexeitou as súas declaracións, nas que se queixou de que o PP non poida gobernar algúns territorios como Andalucía malia ser o máis votado. "Xa sabemos ao que nos ten afeitos, que é ao dedazo permanente en calquera comunidade, en calquera concello; polo tatno, creo que leccións de democracia, poucas", dixo tras destacar que Feijóo "pasa cada vez menos tempo en Galicia" e que "é difícil seguirlle a pista". O presidente da Xunta participa na campaña andaluza e anunciou tamén unha próxima viaxe a Suramérica. 

Besteiro destaca o "dramático" que supón para o PP "a súa absoluta soidade" ao ser incapaz de "ningún tipo de alianza"

Ademais, Besteiro insistiu no "dramático" que supón para o PP que "nos últimos 30 anos" fose "incapaz de establecer ningún tipo de alianza con ningún espectro político". "Esa soidade vaina de ter da forma máis clara nas vindeiras municipais e xerais, nas que será incapaz de xerar ningún tipo de acordo ou consenso", engadiu. "Cando se quebra unha maioría nun proceso electoral, efectivamente se atopa na máis absoluta soidade, que é a que practica cando está a gobernar tamén", asegurou. 

Non é a primeira vez que unhas declaracións de Feijóo desde Andalucía causan polémica. Hai pouco máis dun ano, o presidente da Xunta apoiou tamén o candidato á Junta, Juan Manuel Moreno Bonilla, cunhas declaracións nas que asegurar que a Transición "non se completará ata que en Andalucía goberne outro partido"

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.