0 Gardados para despois

Feijóo incendia a política andaluza coa súa chamada a "completar" a Transición

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Xa o dixera hai máis de catro anos pero foi á segunda cando provocou maior indignación. A finais de 2009 Alberto Núñez Feijóo levaba apenas oito meses na Presidencia da Xunta e era o principal valor á alza dun PP aínda deprimido pola segunda derrota de Rajoy ante Zapatero. Neste contexto, o presidente galego acudiu a Sevilla para apoiar o daquela líder dos conservadores andaluces, Javier Arenas, a quen lle augurou un próximo ascenso ao Goberno andaluz, e sentenciou que a Transición española non ía estar "completa" ata que o PP se fixese co histórico feudo do PSOE. Este luns Feijóo recuncou e, de novo na capital andaluza, dixo exactamente o mesmo nun acto de adhesión a Juan Manuel Moreno, quen se dispón a asumir o liderado do partido nesa comunidade. E incendiou o escenario político andaluz.

Cunha estrela política menos luminosa que en 2009, cando era o único barón popular gañador, o titular da Xunta foi o primeiro líder territorial do PP en irlle aplaudir ao candidato sinalado por Rajoy contra o criterio de Dolores de Cospedal para tentar o enésimo asalto da dereita á Junta. Nun acto das Nuevas Generaciones Feijóo botou man dalgúns dos clásicos da casa para lembrar que se "formou como político" na oposición á coalición de "perdedores" do PSdeG e do BNG, unha fórmula de Goberno que a súa "ética" non lle "permite". Ao seu xuízo, os populares de Andalucía deberían seguir a estela da Xunta e tamén da "reconstrución" do PPdeG tras a marcha de Fraga.

Feijóo xa lanzara unha sentenza idéntica para apoiar a Arenas en 2009

Moreno respondeu o aval de Feijóo don dupla ración de eloxios. "Quero que saibas que para min é moi importante a túa presenza aquí porque es un referente e un modelo de xestión para min", afirmou, segundo informa a edición andaluza de El Diario. A Xunta é "un exemplo e un espello" no que se mira a diario porque Feijóo logrou "unhas cotas de progreso, de igualdade e de emprego, unha sociedade cada vez máis puxante". Mentres o aínda secretario de Estado de Igualdade multiplicaba as alabanzas o Goberno andaluz, a comezar pola súa presidenta, non deixaba as verbas de Feijóo no ámbito de partido, senón que as situaba no ámbito do desplante institucional.

Reaccións en Andalucía e Galicia

"Xamais irei a Galicia a insultar á democracia nin á vontade do pobo galego, manifestada libremente nas urnas", retrucou Susana Díaz na súa conta de Twitter. Acto seguido, o conselleiro da Presidencia da Junta, Manuel Jiménez Barrios, censurou o "novo ataque da dereita" e considerou "un insulto á intelixencia" dicir, como Feijóo, que "a democracia non estará completa ata que o PP non gañe en Andalucía". Dende o aparello do PSOE o seu secretario de organización, Juan Cornejo, lamenta que o PP permita "que dende o seu propio partido veña aquí ofender e difamar" e anima os conservadores a "asimilar que os andaluces apoiaron sempre maioritariamente a esquerda nas urnas".

Besteiro lamenta que Feijóo "vaia a Andalucía deixar quedar mal aos galegos" cunhas verbas "impropias dun presidente"

Tamén dende Izquierda Unida, socio de Goberno dos socialistas andaluces, saíu ao paso das reflexións de Feijóo, a quen ven "un pouco desnortado". O coordinador da coalición en Andalucía, Antonio Maíllo, ironiza con que o "problema" do presidente galego é que "quere dicir amor cando en realidade está querendo dicir sexo", porque apela a completar a Transición para "ocultar o seu desexo" de que o PP "chegue algunha vez" a controlar o Executivo andaluz. Feijóo, recomenda, debería dedicarse a atender os "problemas" de Galicia, a comezar polo "desmembramento" da sanidade pública.

Mentres, dende Galicia, José Ramón Gómez Besteiro lamenta no nome do PSdeG que Feijóo "vaia a Andalucía" para "deixar quedar mal aos galegos" cunhas palabras que o "avergoñan" por ser "impropias dun presidente da Xunta e dun galego", o PP andaluz esfórzase en defendelo. Segundo o líder da dereita en Cádiz, Antonio Sanz, ao PSOE e mais a IU provócalles "urticaria" que Feijóo diga o que dixo porque apelou á "alternancia", moi "saudable" nunha democracia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.