As políticas de emigración da Xunta de Galicia levan asociadas ao político ourensán Antonio Rodríguez Miranda desde hai case oito anos, cando asumíu por primeira vez a secretaría xeral de Emigración.
Nunha entrevista co podcast Té con Gotas, Miranda bota a vista atrás e reflexiona sobre a acción exterior da Xunta de Galicia. Para o secretario xeral, as súas políticas estiveron historicamente centradas en estar “cerca dos galegos do exterior”. Iso traducíase nun apoio maior no eido cultural para a emigración europea e nun apoio máis social en América, onde as redes de servizos públicos son máis febles.
Pero Miranda recoñece que nos últimos anos comezaron a traballar máis nas políticas de retorno, tanto para descendentes da emigración galega, como para persoas que marcharon do país e queren regresar. Nesta campaña escoitouse a líderes do Partido Popular dicir que hai máis xente entrando en Galicia que saíndo, e que o retorno xoga unha parte importante neste resultado. Cuestionado polo feito de que a maioría deste retorno o conforme xente que non naceu en Galicia, Miranda afirmou que ao deseñar unha política “non se pode facer só para un determinado tipo de galegos que están no exterior” e atribuíu este resultado a que a maior parte da Galicia exterior compóñena descendentes da emigración á América.
Precisamente as redes do Partido Popular na comunidade galega en América estiveron recentemente de actualidade, cando un músico arxentino descendente de galegos lembrou nunha entrevista na Radio Galega cando lle pagaron 50 dólares por votar por Manuel Fraga. Para Antonio Rodríguez Miranda, estas acusacións “non responden á verdade” e dixo que recibiu mensaxes desde a Arxentina onde a “xente se sentíu profundamente ofendida”.
O político popular recoñeceu que o sistema de voto emigrante anterior “posibilitaba a fraude, pero era anecdótica”. A pesar de que o PP foi un dos impulsores do chamado voto rogado, Miranda afirmou que “o PP de Galicia sempre apoiou o cambio de sistema desde o momento no que se viu a súa ineficacia”. O secretario xeral amosouse partidario do voto en urna utilizando a rede de consulados e de centros galegos combinado co voto por correo para os lugares onde non se poida votar fisicamente.