“A nova emigración galega é unha grande descoñecida que precisa moita análise e recoñecemento”

O presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga © PSdeG

O PSdeG quere facer da nova emigración galega un dos seus aliados para modernizar Galicia se os socialistas chegan a liderar o Goberno galego despois das eleccións do 12 de xullo.

En conversa co podcast Té con Gotas, o presidente dos socialistas galegos e coordinador do programa electoral, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou que a experiencia profesional e os contactos feitos polos profesionais galegos no exterior nos últimos anos deberan ser “unha das palancas do desenvolvemento económico” de Galicia nos próximos anos.

Leiceaga é partidario de dar apoio desde a Xunta ás conexións entre galegos da diáspora e o interior, creando redes de profesionais que poidan colaborar e traballar xuntos.

“Queremos partir de experiencias de redes que xa existen no académico ou no social e que poñen en contacto capacidades que hoxe en día están dispersas polo mundo”, asegura o tamén senador por designación do Parlamento.

Xoaquín Fernández Leiceaga e Gonzalo Caballero, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA PSdeG

“Non sabemos que fan nin que pensan e ese traballo científico previo é fundamental para poder deseñar as políticas públicas”

Os socialistas galegos cren que antes diso é preciso facer un traballo de análise sociolóxica da nova vaga de emigración que comezou despois da crise financeiro de 2008 da que, di, “non sabemos practicamente nada”. “Non sabemos que fan nin que pensan e ese traballo científico previo é fundamental para poder deseñar as políticas públicas”, explica Leiceaga.

Na súa opinión, esta ausencia de información débese a un interese deliberado por parte da Xunta por non recoñecer o fenómeno migratorio dos últimos anos que, di,  evidenciaría a incapacidade do PPdeG para ofrecer un traballo en Galicia aos máis novos.

O PSdeG tamén propón no seu programa electoral a posta en marcha dun plan de retorno, que facilite o regreso dos emigrados máis novos, pero que debera ser feito de forma colectiva, non só incluindo as achegas das comunidades do exterior senón tamén do resto de partidos. 

Entre algunhas das medidas que ao seu xuízo debería incluir un plan así estarían a reducción das trabas burocráticas para os emigrados á hora de comezar os seus proxectos empresariais, a posta en marcha dunha rede de mentores que axuden a botar a andar estes proxectos na súa fase máis inicial e dar facilidades para acceder ao emprego público a aqueles galegos que hoxe viven fóra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.