O número de votos de persoas inscritas no Censo de Residentes Ausentes (CERA), o coñecido popularmente como voto emigrante, será nas eleccións galegas do 12 de xullo o menor dende a implantación do actual sistema de sufraxio rogado, que dende 2011 implica que o electorado do estranxeiro que queira participar teña que solicitalo previamente. Os datos provisionais que vén de facer públicos a Oficina do Censo Electoral apuntan a unha caída de case un 40% das solicitudes con relación a hai catro anos, cando xa foran escasas, polo que a influencia deste noutrora transcendental electorado será agora aínda menor.
A crise do coronavirus, que agora azouta especialmente o continente americano, presentouse como atranco para as solicitudes de voto das persoas inscritas no CERA
As solicitudes tramitadas pola Oficina do Censo Electoral son, concretamente, 12.359, un 37% menos que as recibidas nas eleccións galegas de 2016, cando foran 19.784, se ben finalmente acabaran votando pouco máis de 10.000 persoas. Nas últimas semanas, foron diversas as voces dende a emigración que apuntaban á existencia de máis atrancos do habitual para realizar os trámites por mor da crise do coronavirus, que agora azouta especialmente ao continente americano, onde se atopa un maior número de votantes inscritos no CERA das circunscricións galegas.
Deste xeito, aínda que o CERA continuou aumentando nestes anos, nas urnas do 12X a presenza da emigración e os seus descendentes será aínda menor aínda que as persoas inscritas neste censo sexan un 3% máis que catro anos antes e xa superen as 460.000. Concretamente, na provincia da Coruña as solicitudes aceptadas son 2.190 menos, na de Lugo caen en 1.659, na de Ourense redúcense en 1.289 e na de Pontevedra descenden en 2.287. En total, 7.425 menos que nas anteriores eleccións.
Aínda máis testemuñal será o número de votantes residentes temporalmente no estranxeiro (ERTA). Son só 117 as solicitudes aceptadas (62 da Coruña, 11 de Lugo, 14 de Ourense e 30, de Pontevedra).
Sen influencia nos escanos
Ao contrario do acontecido nas históricas eleccións de 2005, cando o escano que determinou a maioría da esquerda -o último da provincia de Pontevedra- quedou pendente do voto CERA, nas seguintes eleccións galegas o voto exterior non moveu os escanos que quedaran asignados polo sufraxio interior. Así, por exemplo no ano 2016 o PSdeG quedara pendente do reconto exterior para saber se lograría o seu décimo quinto escano, unha posibilidade remota que acabou por non realizarse.
Naqueles comicios de setembro de 2016, a preponderancia do PP fora esmagadadora. Nunha participación da emigración e a súa descendencia xa marcada pola abstención (o 98% do censo CERA non votou), 5.200 votos dos algo máis de 10.000 que chegaran foran para o PP e a segunda forza neste censo, o PSdeG, apenas superara os 1.800.