O CERA decidirá se o PSdeG obtén un escano máis por Ourense

Sobres e papeleta das eleccións ao Parlamento deste 25S CC-BY-SA Praza Pública

O PSdeG-PSOE podería obter en Ourense o seu escano número 15, que desfaría o actual empate con EnMarea en asentos no Parlamento. Todo depende do voto exterior, que xa fixo mudar algún representante nas galegas de 1989 e 1997, ou nas europeas de 2004, sempre en favor dos populares. Neste momento o derradeiro posto corresponde ao PP por tan só 135 votos, un último escano que nos últimos momentos do escrutinio estivo bailando entre as dúas formacións. Os socialistas necesitan obter a terceira parte dos sufraxios exteriores que os populares teñan na provincia máis eses 135 votos, para manter a proporción entre o 9º escano que agora ten o PP e o 3º ao que aspiran o PSdeG-PSOE.

Os socialistas necesitan obter a terceira parte dos sufraxios exteriores que os populares teñan na provincia máis eses 135 votos

En Ourense os e as electoras censados no CERA enviaron un total de 3.955 solicitudes de voto (dun total de 98.932 persoas censadas no extranxeiro). Ese será o número máximo de sufraxios a contar, e pode que algunhas persoas que rogaran o voto finalmente non exercesen o seu dereito. De feito, en xuño houbo en Ourense 3.952 solicitudes e menos de tres mil votos.

Nas xerais de xuño, só participaron 2.874 persoas; o PP acadou 1.531 votos, seguido do PSOE, con 550. Nas xerais de decembro votaran 2.030, obtendo o PP 944 e o PSOE 428. Nas autonómicas de 2012 o número de votantes foi de 2.442 e o PP obtivo máis do 60% dos sufraxios, case que triplicando ao PSOE.

Nas xerais de xuño, só participaron 2.874 persoas; o PP acadou 1.531 votos, seguido do PSOE, con 550. O número total de sufraxios será semellante

Á vista destes datos, poden os socialistas facerse co seu escano 15? Podemos estimar que se manterá o número de sufraxios con respecto ao 26X (o número de solicitudes foi case idéntico) e trasladar os datos do escrutinio do CERA das dúas últimas xerais e das galegas de 2012. Se o PP repetise a porcentaxe de voto de xuño (53,27%), e obtivese uns 1.531 sufraxios, o PSOE debería acadar un terzo (510) máis 136 votos. Polo tanto, co resultado do 26X (550), non o conseguiría. Porén, en decembro o PP tivera só 944 votos (o 46,5%); se os populares repiten este rexistro roldarían os 1.336 sufraxios, polo que os socialistas necesitarían algo menos (445 + 136), pero aínda por debaixo das súas cifras das dúas últimas xerais.

O escrutinio de todas as papeletas terá lugar o vindeiro 3 de outubro ante as xuntas electorais provinciais

O escrutinio de todas as papeletas terá lugar o vindeiro 3 de outubro ante as xuntas electorais provinciais, nun proceso no que estarán presentes representantes das formacións políticas. En todo caso, semella que o desenlace final estará moi axustado, e pode que nel aínda entren xogo outras reclamacións e impugnacións.

 

Escrutinio do voto do CERA © España Exterior

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.