Sucedeu o esperado. O reconto do escaso voto exterior moveu o único escano que podía mover, o derradeiro de Pontevedra que na noite electoral o PSdeG conseguiu gañarlle ao PP por apenas 45 votos. Ese escano será finalmente para os populares, que logran manter 11 por esa circunscrición e suman un ao cómputo total da anterior lexislatura ata ter 42, tantos como Manuel Fraga en 1997, segundo comunicou o propio PP.
O reconto do voto CERA permite ao PP manter 11 escanos por Pontevedra e ter a maioría absoluta máis ampla dende a de Fraga en 1997
O PSdeG queda así con 14 escanos, os mesmos que nos últimos catro anos e suman só un por Pontevedra no canto dos dous máis cos que remataron o escrutinio da noite electoral. Ese asento será para o conservador Alberto Pazos Couñago, que xa foi deputado en anteriores mandatos, e non para Noelia Otero, que ocupou a sexta posición na lista socialista da circunscrición pontevedresa. Semella improbable que este resultado se mova en sentido contrario no escrutinio definitivo do voto interior, malia ás posibles reclamacións do PSdeG contra papeletas de mesas concretas ou por revisións de votos nulos aínda pendentes.
Os de Feijóo quedan deste xeito só un escano por baixo da que foi a maioría absoluta máis ampla do PP na historia da autonomía, a de 1993, cando Fraga chegar aos 43 escanos. Corenta e dous foi precisamente os que logrou Fraga en 1997, cando o segundo grupo da oposición foi tamén o BNG, pero con 18 escanos porque perdera o décimo noveno tamén tras o reconto do sufraxio exterior.
Aquel hemiciclo pechábao o PSdeG de Abel Caballero con 15 actas e agora faino o PSdeG de Gonzalo Caballero con 14. Por diante estará o BNG que encabeza Ana Pontón, cuxos 19 escanos o converten no grupo da esquerda máis numeroso dende os socialistas na etapa de Emilio Pérez Touriño.
Con esta mudanza, na provincia de Pontevedra fica equilibrado o número de escanos entre esquerda e dereita, un empate a 11. Nas tres restantes circunscricións o PP logra a maioría absoluta de representantes, con 14 dos 25 en xogo na Coruña, e nove de 14 en Lugo e 8 de 14 en Ourense.
Fica acreditado tamén, deste xeito, que nestas eleccións si foi clave a barreira do 5% para obter representación, imposta pola reforma aprobada polo PP en solitario en 1993. Así, aínda que a clave da maioría non variaría, se o limiar se mantivese no 3% -tal e como figuraba na redacción orixinal da lei de eleccións, en 1985, aprobada por ampla maioría-, o PP non tería 42 escanos, senón 40, xa que sumaría un menos pola Coruña e outro menos por Pontevedra, representantes que obtería Galicia en Común, formación que ficou fóra da Cámara.
O PP queda co 41% do escaso voto exterior
Alén do escano de Pontevedra, os resultados do escrutinio do coñecido popularmente como voto emigrante -aínda que máis do 70% das persoas integrantes deste censo non naceron en Galicia- revela a preponderancia do PP tamén nun voto exterior que, en calquera caso, neste 12X estivo marcado pola súa escaseza. Segundo puido confirmar Praza.gal, os escrutinios celebrados nas catro Xuntas Electorais dan como resultado máis de 2.000 votos do CERA para o PP (o 41%), co BNG en segunda posición, como no interior, con algo máis de 1.000 votos (o 20%). A continuación situouse o PSdeG, que queda por baixo do milleiro de sufraxios (18%) e tras el, Galicia en Común (9%) e Vox (6%).
Son, daquela, apenas 5.344 votos fronte a máis de 12.800 solicitudes de sufraxio rogado que foran formuladas. Nas últimas semanas diferentes fontes xa advertiran da dificultade para exercer o dereito ao voto dende o exterior, agravada desta volta pola crise do coronavirus, e unhas 4.000 persoas residentes en Cuba e Venezuela nin sequera chegaron a recibir as papeletas. Esas máis de 12.000 persoas son, non obstante, tamén moi poucas en comparación co total de inscritas no CERA das circunscricións galegas, que xa superan as 460.000.