"O cambio na Xunta é agora tanto ou máis necesario que en marzo"

Noelia Otero CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Noelia Otero, xornalista, traballou na Cadena SER, na TVG ou en Telecinco antes de que, a finais do pasado ano, pasase a coordinar o Laboratorio de Ideas impulsado polo PSdeG. Finalmente, deu outro paso máis na súa implicación política para formar parte da candidatura socialista na lista por Pontevedra, na que ocupa o número seis.

Cubriu varias campañas electorais como xornalista. Como se leva desde a outra beira?

É moi distinto. É esgotador porque cobres máis territorio, non paras... Pero é ilusionante tamén poder contactar coa xente, explicar as razóns polas que me embarquei no PSdeG... Ademais, viñamos do confinamento e, malia que na primeira semana o ambiente era máis frío, agora a cidadanía está máis implicada, con máis ganas de escoitar as propostas e máis concienciada de que o domingo toca ir votar.

"Houbo e hai unha estratexia desde a Xunta e do PP de desmobilización e desinformación"

Por que cre que había esa frialdade no inicio da campaña? 

Creo que ten que ver co que vivimos nos momentos máis duros da pandemia, con Feijóo omnipresente na televisión pero sen case referencia ás eleccións, como se quixesen que pasasen desapercibidas. Coido que era unha estratexia, a de coller a xente aínda afecéndose á nova normalidade, sen poder planificar. Agora, se cadra tamén polo que está a acontecer na Mariña, a xente estase decatando do importante que é ir votar. Noto un cambio de actitude, pero é certo que tamén noto medo.

Noelia Otero, no medio, con máscara vermella, nun acto electoral do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

Medo?

Pasounos hai pouco en Bueu e nótase sobre todo entre a xente maior, menos conectada ás redes. Sorprendeume que varias persoas nos preguntasen se poderían ir votar e se non ían ter que estar confinadas como na Mariña. Pero claro, Feijóo xa non sae tanto na TVG como saía antes; non lle interesa malia que agora si que tería que dar moitas explicacións. Hai moita desinformación e creo que ten que ver cunha estratexia do PP, un intento de desmobilización por parte da Xunta. Queren xogar co medo. 

"Nada do que pasas é casualidade: o PP quixo coller a esquerda despistada e coa estratexia montada a través da TVG e dalgún outro medio"

Hai tan só unhas semanas as eleccións parecían sentenciadas pero parece que agora a esquerda confía máis no cambio...

Nun principio foi complexo porque nos preocupaban os datos que prevían unha elevada abstención, ademais de enquisas que advertían da caída de escanos, pero tamén somos conscientes de que se en marzo tiñamos o cambio aí, agora tamén. Se a cidadanía estaba disposta a ese cambio, despois da pandemia e do electoralismo e a irresponsabilidade que a dereita amosou no medio da crise, agora terá que estar igual ou máis farta aínda. Pero nada do que pasou e pasa é casualidade; querían coller a esquerda despistada e coa estratexia montada a través da TVG e dalgún outro medio logo de que a oposición colaborase e fose responsable coa Xunta. Todo sumou para provocar incerteza, que non é o mellor para celebrar unhas eleccións, pero que si revela a necesidade dun cambio, de apostar por gobernos responsables que miren pola xente e que aposten pola sanidade e os servizos públicos. O cambio é agora máis ou tan necesario como o era en marzo.  

"A dereita na sanidade non ten como enganar por máis que faga propaganda; é o gran punto débido do Goberno de Feijóo e tenlle que pasar factura"

Vostede é de Vigo, onde nos últimos anos houbo multitudinarias manifestacións en defensa da sanidade pública. É o conflito continuo na sanidade o punto máis débil do Goberno de Feijóo?

A dereita aí non ten como enganar por máis que faga propaganda. A xente non traga. Hai que ter en conta que en Vigo as mobilizacións pola sanidade pública nunca foron tan multitudinarias como estes últimos anos, que nesta cidade dimitiron os responsables da Atención Primaria en desacordo cos recortes da Xunta. E non só aquí. Non houbo semana nos últimos anos na que non houbese unha mobilización sanitaria nalgunha localidade de Galicia, onde o descontento foi global coa política do Sergas. É o gran punto débil do Goberno de Feijóo e para xente coma min, que non tiña nada que ver coa política, foi o tema que nos fixo implicarnos. No meu caso por un tema familiar, unha enfermidade, sufrir importantes listas de espera... Toda unha serie de catástrofes que eu mesmo vivín e que me colleu no medio do cambio do Hospital Meixoeiro ao Álvaro Cunqueiro, comprobando as privatizacións constantes de servizos. Foi un auténtico desastre e sentín impotencia polos recortes. 

Cre que pasará factura a Feijóo?

Tenlle que pasar factura. É inmoral e miserable. A Xunta volverá pechar camas no verán, seguiremos co persoal xusto e con precariedade para logo ofrecerlle 250 euros para tomar cañas. Non pode ser. Non poden seguir gobernando. 

É xornalista, traballou na TVG e en moitos outros medios. Persoal dos medios públicos levan máis de dous anos protestando contra a manipulación informativa. Que opinión lle merece o que está acontecendo?

Pois que é unha situación moito máis grave das que se dan noutras canles públicas e que son moito máis publicitadas. Traballei dous anos para a TVG a través dunha produtora e eu mesma puiden comprobar o control, a censura dos temas ou escoitar a responsables animando a facer pezas 'con xente comendo empanada porque iso é o que queren ver os galegos'. É unha vergoña. 

"O que pasa nos medios públicos é unha vergoña; eu mesma puiden comprobar o control e a censura; hai manipulación e acoso aos profesionais"

Que propón o PSdeG para a CRTVG?

Cumprir a lei. Temos unha lei de Medios Públicos que non se cumpre. Non temos Consello de Informativos e non hai pluralidade, e o primeiro que hai que facer é cumprir a lei que hai e facer outra nova lei do Audiovisual porque está obsoleta. Hai censura e manipulación, pero tamén acoso aos profesionais, compañeiros que sufriron coaccións e que teñen medo a falar ou pronunciarse nas redes sociais. Logo está tamén o problema que hai co idioma, que é unha das razóns de ser da CRTVG. Toda a publicidade está en castelán, non hai programación infantil... Queda todo por facer. Hai que reformular os medios públicos e é urxente. 

Por que unha xornalista como vostede decidiu dar o paso e formar parte da lista electoral do PSdeG?

Nunca pensara en meterme en política. Tiña cero interese en participar activamente. Dei o paso polas razóns familiares e sanitarias que expliquei antes, pero tamén porque coñezo a Gonzalo Caballero desde hai moitos anos. É un político atípico, que deu a batalla no seu partido pola transparencia e a democratización, que está preparado... Eu quero ter un presidente así. Creo que na política temos que participar todos, sobre todo cando chegamos a momentos coma este, onde nos xogamos o futuro logo de anos moi duros. Se podo axudar a impulsar ese cambio da man do PSdeG, é o momento de comprometerse. Se non temos uns bos servizos públicos, as nosas familias non poden ir a unhas residencias públicas, se non temos unha atención sanitaria axeitada ou unha educación pública idónea para os nosos fillos... De nada vale queixarse se non é votando e participando da política. Agradezo que o PSdeG se abrise á participación de xente coma min. 

Está preparando xa a súa nova vida no Parlamento?

Creo que non será tan distinta porque sempre fun unha xornalista moi de rúa. Agora tocarame falar con moitos colectivos e con moita cidadanía para defender a miña cidade e a miña provincia e confío en que sexa desde un goberno progresista porque temos moito que facer. Sería moi ilusionante poder transformar Galicia e reverter os recortes de todos estes anos. Sería unha honra. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.