O candidato do PSdeG preséntase como “un presidente da Xunta aliado da xente do común” e di que “non hai un só voto que poida valer máis que o risco para a nosa cidadanía”
“Non hai que terlle medo pero si respecto”. Esa foi a mensaxe de “prudencia” que lanzou este mércores en Vigo e na Coruña o ministro de Sanidade, Salvador Illa, na súa segunda visita nesta campaña electoral a Galicia, o primeiro sitio ao que saíu desde Madrid o xoves da pasada semana, cando estivo en Santiago. Fíxoo despois de que o candidato do PP e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, veña acusando ao resto de partidos de meter “medo” á cidadanía co risco das eleccións do domingo. Tamén amosou “todo o noso apoio e toda a nosa solidariedade” á cidadanía da Mariña.
Na Coruña, e a preguntas dos medios de comunicación sobre os brotes de coronavirus e os confinamentos, Illa expresou “todo o noso apoio e toda a nosa solidariedade” á cidadanía da Mariña, e amosou o seu recoñecemento “á labor dos alcaldes da zona”. Porén, sobre a actuación da Xunta limitouse a dicir que “a toma de decisións é responsabilidade das comunidades autónomas” e o ministerio só “monitoriza” cun “seguimento diario” a situación. Similar resposta deu cando se lle preguntou expresamente se considera que nas actuais circunstancias non se deberan celebrar eleccións o domingo, como reclaman os alcaldes da zona do seu partido. “Isto non me corresponde a min dicilo, ten que dicilo quen convocou as eleccións [en referencia a Feijóo] e se hai algunha outra cuestión, a Xunta Electoral”, sentenciou.
Illa evitou pronunciarse sobre a situación na Mariña de cara ás eleccións e lembrou que as competencias son de Feijóo
Antes desas respostas na Coruña, en Vigo, pola mañá, sen citar expresamente a quen se dirixía, Illa dixo que a crise do coronavirus permitiu ver o mellor e o peor da xente, entre o primeiro a responsabilidade da cidadanía ao quedar na casa e entre o segundo “algún comportamiento político que buscaba confrontar esterilmente”. O ministro tamén considerou que o coronavirus demostrou que é “imprescindible ter unha sanidade pública universal e gratuíta”, algo que “non é un gasto, é un investimento”. “Algúns que non o sabían a ver se se enteraron”, dixo, para pedir ás comunidades “que expliquen onde poñen os cartos”.
Coa mellora da sanidade pública comprometeuse o candidato para o que pediu o voto Illa, Gonzalo Caballero, que asegurou que vai ser “un presidente da Xunta aliado da xente do común”. O socialista tamén se referiu á situación sanitaria na Mariña para salientar que os alcaldes “temen que Feijóo estea xogando coa saúde polos intereses electorais” e defender que “non hai un só voto que poida valer máis que o risco para a nosa cidadanía”.
Abel Caballero cargou contra Feijóo por poñer obstáculos a Vigo, da que dixo que é "a proa do barco que vai abrindo o mar e Galicia é o resto do barco”
Illa e Caballero estiveron acompañados no acto de Vigo polo alcalde, Abel Caballero, quen fronte ao distanciamento que amosou do seu partido nas eleccións galega de hai catro anos desta volta pediu votar polo candidato do PSdeG non só “porque sexa socialista e sexa o meu sobriño” senón “como alcalde de Vigo”. O rexedor lamentou os supostos obstáculos que segundo di Feijóo vén poñendo á cidade como a desaparición de Caixanova ou o deseño dun AVE con rodeo por Santiago malia que, dixo, Vigo é “a proa do barco que vai abrindo o mar e Galicia é o resto do barco”.
Caballero tamén ser referiu á Mariña: “En Vigo somos solidarios con eles e enviámoslles un aplauso e unha aperta virtual grandísima”.
Tamén este venres, como nos días anteriores, estivo en Galicia outro ministro, o de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, que fixo campaña por Caballero visitando unha explotación láctea en Silleda. Alí pediu ao PP que apoie as reivindicacións do Goberno central ante a UE xa que actúa, di, en defensa de todo o Estado.