A vicepresidenta do Goberno central apoia en Santiago a Caballero, quen pide a Feijóo que “diga a verdade” sobre a situación na Mariña e defende a recuperación do Pazo de Meirás
O presidente Pedro Sánchez, os ministros Pedro Duque, Salvador Illa e Fernando Grande-Marlaska, o ex-presidente Zapatero e agora a vicepresidenta Carmen Calvo. Ao tempo que reivindica ao ex-presidente Touriño e o bipartito, o desembarco en Galicia en apoio de Gonzalo Caballero de figuras do PSOE estatal con experiencia de goberno, presente ou pasada, continúa cunha mensaxe implícita: que Caballero é o herdeiro de Touriño e equivalente a Sánchez en Galicia.
A mensaxe explícita deste martes, segundo a vicepresidenta Carmen Calvo, foi que Galicia necesita “un presidente da Xunta que non tire balóns fóra” fronte a un Feijóo que non asume as “súas responsabilidades” como convocante das eleccións e garante da súa seguridade sanitaria.
Ante as eleccións e o peche sanitario da Mariña o Goberno central é un “espectador que observa e respecta o autogoberno galego”
Desta volta a protagonista, Calvo, repetiu o itinerario que fixo o venres Zapatero: antes de ofrecer un mitin de nova normalidade noutra localidade galega, desta volta no Barco de Valdeorras, un paseo pola Alameda con declaracións aos medios de comunicación e unha fotografía xunto ás Marías, a escultura que lembra a Maruxa e Coralia, as dúas irmás que sofreron a represión franquista.
Na súa intervención, Calvo salientou que “gobernar non é botar a responsabilidade fóra senón botala enriba como fixo Sánchez”. Unha afirmación que pronunciou antes de que se lle preguntara expresamente polas eleccións do próximo domingo e a situación na Mariña. A súa resposta foi que o convocante dos comicios para esa data foi Feijóo e que el mesmo ten tamén as competencias en materia sanitaria mentres que agora, unha vez rematado o estado de alarma, o Goberno central é un “espectador que observa e respecta o autogoberno galego”.
Calvo lembra a participación de Feijóo na manifestación con Vox na Praza de Colón de Madrid e cita como referentes a “Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro, imprescindibles para a historia de España”
Calvo tamén criticou a Feijóo pola vía de eloxiar a Caballero, do que gabou que amose nos seus carteis as siglas do PSOE, en referencia implícita á minimización do PP nos carteis do seu candidato. “Ti non estabas con outros partidos na praza de Colón”, engadiu, en referencia á presencia de Feijóo naquela manifestación en Madrid xunto con Vox, para asegurar que os socialistas non queren “os votos dos que incendian as redes sociais con odio”. Fronte a eses apoios que atribuíu a Feijóo, Calvo asegurou que as súas referentes en Galicia son “Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro, imprescindibles para a historia de España”.
A vicepresidenta tamén salientou a decisión do seu Goberno de impulsar ante a xustiza a recuperación do Pazo de Meirás “do espolio do franquismo”. Caballero agradeceulle ese paso, “un compromiso feito cun Goberno socialista”, e prometeu defender a memoria histórica tamén desde a presidencia da Xunta.
Caballero pide a Feijóo que dea explicacións sobre a situación na Mariña ao resto de partidos e asegura ter “o equipo de goberno necesario para poñer á fronte da Consellería de Sanidade a profesionais con experiencia”
Sobre a situación sanitaria, Caballero reclamou a Feijóo “que diga a verdade” do que está a ocorrer na Mariña e garanta a seguridade nas eleccións do domingo. “Cada minuto que pasa sen tomar as medidas” necesarias, dixo, é “letal” xa que “non podemos ter un só erro”. “El convocou [as eleccións] e a el correspóndelle falar”, dixo en referencia a Feijóo, para reclamar que non pase “nin un minuto máis sen que o presidente da Xunta convoque aos partidos e compareza na Deputación Permanente do Parlamento”.
Fronte a esta situación, asegurou Caballero, o PSdeG ten “o equipo de goberno necesario para poñer á fronte da Consellería de Sanidade a profesionais con experiencia”.