Caballero pon o foco na capacidade de xestión dos socialistas en todo tipo de administracións e reúnese cos tres reitores acompañado polo ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque
O presidente que revolucionou as políticas sociais no Estado, con leis como a de dependencia, a do matrimonio entre persoas do mesmo sexo ou a do aborto, e o ministro que se está a facer cargo da principal crise da sociedade española nas últimas décadas, a do coronavirus. Esas son as mensaxes coas que os socialistas galegos queren sacar peito dos seus gobernos pasados e presentes coa presenza na campaña electoral nos próximos días de José Luis Rodríguez Zapatero e Salvador Illa.
Tras reivindicar a Touriño e o bipartito e salientar en diversas ocasións que os socialistas xa están gobernando en Galicia, en cinco das sete cidades e en tres das catro deputacións, agora o candidato socialista, Gonzalo Caballero, pon o foco na capacidade de xestión do seu partido en todo tipo de administracións e tempos.
Se este mércores se reuniu cos reitores das tres universidades galegas acompañado polo ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, este xoves estará en Lugo acompañado polo ministro de Sanidade e o venres en Arteixo polo ex-presidente do Goberno central, no Campo da Festa ás 20.00 horas.
Este mércores, tras o seu encontro cos reitores, caballero puxo o foco no seu “claro compromiso coa educación pública” e asegurou que os socialistas están a traballar para “a reconstrución do estado do benestar”. O candidato prometeu que se é presidente “as primeiras matrículas nos graos universitarios serán gratuítas”, que creará “máis contratos doutorais e predoutorais” e aumentará o persoal universitario.