O candidato socialista culmina coas deputacións a escenificación de institucionalidade e apoio do partido que iniciou con alcaldes e alcaldesas e con Pedro Sánchez
O partido está con el e o poder non é algo raro para o PSdeG. Esa é a mensaxe que o candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, vén lanzando nas últimas semanas, desde que Feijóo puxo data ás eleccións. Mitins con responsables e simpatizantes socialistas de todas as correntes internas e reunións con cargos socialistas no poder en todo tipo de institucións, alternados con actos sectoriais coa sociedade civil (cultura, igualdade, demografía) nos que están presentes ministros do Goberno central, constitúen o eixo da axenda destas primeiras semanas de precampaña dun PSdeG que quere transmitir imaxe de institucionalidade.
Unha semana despois de que quedasen convocadas as eleccións, Caballero iniciou en Vigo, reuníndose co seu rexedor e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, e co responsable da Zona Franca, David Regades, unha xeira que o levou nos días seguintes a manter encontros cos alcaldes e alcaldesas socialistas tanto das cidades como dalgunhas das vilas máis representativas da xeografía galega. Foron unhas reunións que o PSdeG acompañou da mensaxe de que o 55% da cidadanía galega ten rexedor ou rexedora socialista, e que o partido goberna máis dun cento de concellos.
O propio candidato quere “poñer en valor a capacidade de goberno, a boa xestión dos socialistas” fronte á "estabilidade dos cemiterios" do PP
Este martes o candidato socialista deu un novo paso nesa liña de presentar o PSdeG como partido de goberno e que xa goberna reuníndose en Santiago cos presidentes socialistas das tres deputacións provinciais que cogobernan co BNG. Con Valentín González Formoso (A Coruña), José Tomé (Lugo) e Carmela Silva (Pontevedra), o propio Caballero quixo “poñer en valor a capacidade de goberno, a boa xestión dos socialistas”. “Cando os socialistas gobernamos de forma clara nas institucións, cun proxecto de país, Galicia avanza”, dixo, para contrapoñer “a estabilidade dos cemiterios” que ofrece o PP de Feijóo cos gobernos das deputacións “que suplen as deficiencias da Xunta”.
Caballero tamén salientou que na única deputación que non goberna o PSdeG, a de Ourense, “pasou o que vai pasar en Galicia”, ao perder nas municipais de hai un ano o PP a maioría absoluta e manter a presidencia José Manuel Baltar grazas a un pacto con Democracia Ourensana. O “caciquismo” e “clientelismo” que o socialista atribuíu tanto á Deputación de Ourense como á Xunta, salientou, rematará cando PSdeG mude nesas dúas institucións o reparto das axudas “por amiguismo” por un novo modelo “con criterios obxectivos, como facemos nas deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra”.
O mitin de Santiago co que o PSdeG lanzou a precampaña escenificou a unidade socialista lembrando a época de Touriño
Ao tempo que desenvolveu actos con cargos institucionais socialistas, o primeiro gran mitin da precampaña do PSdeG, o celebrado o 23 de febreiro en Santiago, coa presenza de Pedro Sánchez, permitiu salientar a presenza do PSOE no Goberno central e amosar que entre os asistentes estaban representantes de todas as correntes internas socialistas que en ocasións anteriores non sempre remaron unidos coa mesma intensidade. A propia intervención no mitin, en Santiago, do vigués Abel Caballero, que adoptara un papel secundario na campaña electoral de hai catro anos, reforzou esa imaxe. E Sánchez puxo o ramo ao salientar que esta campaña lle lembraba á de 2005 na que el mesmo participara como asesor, unhas eleccións ás que os socialistas concorreron unidos tras a figura de Touriño, algo que non sempre ocorrería nos anos seguintes.
Esta semana Caballero reunirase co presidente de Arxentina e visitará os principais centros galegos de Bos Aires
Tras esta sucesión de reunións con cargos institucionais e mitins de unidade, Caballero viaxa esta semana a Arxentina. Alí buscará o voto da emigración nos principais centros galegos de Bos Aires, pero tamén afianzar esa imaxe de institucionalidade cunha reunión prevista co presidente, Alberto Fernández. Será nun país no que calquera político galego, de goberno ou oposición, é recibido polas entidades da emigración con honras case que de xefe de Estado.