A política galega volve cruzar o Atlántico, desta volta da man do aspirante do PSdeG á presidencia da Xunta. Gonzalo Caballero disponse a viaxar á Arxentina nunha visita preelectoral con citas xa habituais neste tipo de viaxes, pero dúas delas de especial significado político: será recibido polo novo presidente do país, Alberto Fernández, e por responsables do histórico Centro Gallego de Buenos Aires.
O candidato do PSdeG será recibido na Casa Rosada polo presidente Alberto Fernández, que venceu nas urnas a Mauricio Macri, aliado do PP e a quen Feijóo dedicou múltiples eloxios durante o seu mandato
Tal e como adiantou o arxentino Diario Crítico e confirman fontes socialistas consultadas por Praza.gal, a axenda de Caballero na Arxentina desenvolverase durante o 5 e 6 de marzo, xoves e venres desta semana. A apenas dúas semanas do comezo da campaña electoral e ás portas do peche do prazo para a solicitude do voto para o electorado rexistrado no Censo de Residentes Ausentes (CERA), a axenda do líder do PSdeG inclúe dúas citas que semellan encamiñadas a contrastar cos actos protagonizados polo candidato do PP á reelección, Alberto Núñez Feijóo, nas súas últimas estancias no país austral.
No Centro Gallego causou especial malestar que Feijóo os obviase na súa visita á Arxentina en setembro de 2019
Así, confirma o PSdeG, Caballero será recibido na Casa Rosada polo kirschnerista Alberto Fernández, que no outono de 2019 venceu nas urnas ao dereitista Mauricio Macri, aberto aliado do PP na Arxentina e a quen Feijóo dedicou múltiples eloxios no seu mandato. Fernández, pola contra, mantén boas relacións co PSOE e tamén con Unidas Podemos.
Feijóo e Macri mantiveron múltiples encontros oficiais nos últimos anos. O último, o pasado setembro, nunha viaxe do actual presidente da Xunta que suscitara especial malestar no que será outro dos destinos desta viaxe de Caballero, o Centro Gallego de Bos Aires.
Aquela viaxe de Feijóo producírase poucos meses despois de que o Centro Gallego se vise abocado a perder a súa histórica sede un século despois tras media década intervido polo Estado arxentino entre unha débeda inmanexable. Tras un complexo proceso, os emigrantes lograron evitar a quebra do Centro, manter a atención sanitaria para os seus socios e salvar integramente o valioso legado cultural da institución.
Na actualidade residen na Arxentina un total de 165.334 persoas con dereito ao voto nas eleccións do 5A
Despois de que, durante anos, os dirixentes do Centro Gallego se laiasen de atoparen escasa colaboración na Xunta para salvar o seu legado, o feito de que Feijóo non os incluíse na súa estancia na Arxentina causou especial indignación no colectivo. "Manuel Fraga ou Pérez Touriño... a ningún presidente se lle ocorría pasar por Bos Aires e non visitar o Centro Gallego", resumiran en declaracións a Praza.gal, lembrando ademais que nos últimos anos si recibiran visitas oficiais de representantes doutras cores políticas, como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en novembro de 2018 ou o ex-alcalde de Santiago, Martiño Noriega, en 2016.
A viaxe de Gonzalo Caballero á Arxentina incluirá ademais outros encontros. Así, confirma o PSdeG, estará tamén no Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol e visitará o Centro Galicia. Nas instalacións deste centro celebrará o acto máis estritamente preelectoral, cun mitin tras atoparse con militancia do PSOE de Buenos Aires.
Segundo o CERA, na actualidade residen na Arxentina un total de 165.334 persoas con dereito ao voto nas eleccións do 5A, case 10.000 máis que hai catro anos. Daquela, cando xa estaba vixente a reforma electoral que implica solicitar especificamente o voto dende o estranxeiro en cada elección, a participación do exterior foi escasa. Non obstante, non é desbotable que, nun contexto de resultados axustados, o voto CERA puidese chegar a ser determinante para asignar o escano final dalgunha provincia, como xa sucedeu en Asturias no ano 2012.