Macri, o aliado do PP en Arxentina, perde o poder nunhas eleccións marcadas pola crise do país

Feijóo, reunido con Macri en Bos Aires en setembro de 2019 © Xunta

O kirchnerista Alberto Fernández gañou as eleccións arxentinas, celebradas este domingo. Cun 48% dos votos, o candidato do Frente de Todos conseguiu ademais evitar a segunda volta (ao superar o 45%), derrotando con claridade á lista de Cambiemos, encabezada por Macri, que obtivo un 40% dos apoios. O kirchnerismo obtén ademais unha axustada maioría no Senado e fica moi preto de facelo no Congreso, polo que se verá obrigado a chegar a acordos con outras forzas e deputados.

O kirchnerista Alberto Fernández gañou as eleccións arxentinas, celebradas este domingo

Mauricio Macri chegou á Presidencia arxentina no outono de 2015, derrotando de forma axustada ao candidato kirchnerista Daniel Scioli. Macri gañou aquelas eleccións prometendo a redución dos niveis de pobreza do país "a cero". Porén, o balance da súa xestión é a dun absoluto fracaso, coa pobreza afectando a máis dun terzo da poboación, o incremento do desemprego, da inflación, a devaluación do peso e coa solicitude dun préstamo ao FMI que se converteu no maior da historia deste organismo.

Dende as eleccións primarias de hai uns meses a derrota de Macri na primeira volta dos comicios era algo que se daba por seguro. Con todo, Cambiemos reduciu bastante a diferenza prevista polas enquisas, grazas ao apoio dos estados do centro do país e o da propia cidade de Bos Aires. De feito, a coalición que ata agora lideraba o país fíxose con claridade co goberno da cidade.

Alberto Fernández celebra o seu triunfo, que o converte no novo presidente arxentino © Frente de Todos

Núñez Feijóo celebrou en 2017 que a chegada ao poder de Macri abría "unha nova etapa" centrada "na modernización, a economía produtiva e nun marco que favoreza a seguridade e a estabilidade"

Macri, que foi alcalde de Bos Aires antes de chegar á Presidencia, mantivo nos últimos anos unha estreita relación co PP, tanto na súa etapa á fronte do Goberno como anteriormente. En 2011 fixo campaña polo PP de Rajoy, ademais de nomear a José María Aznar cidadán ilustre de Bos Aires e de manter unha longa amizade con Alberto Ruíz Gallardón. De feito, moitos dos dirixentes do seu partido e colaboradores próximos formáronse durante anos nas escolas da FAES.

Tamén Alberto Núñez Feijóo mantivo frecuentes contactos con Macri nos últimos anos, durante as visitas oficiais realizadas a Arxentina como presidente da Xunta. Feijóo destacou as oportunidades de negocio que a xestión de Macri abría para as empresas galegas, e contrapuxo as súas medidas ás postas en práctica anteriormente polo peronismo kirchnerista. O presidente galego celebrou en 2017 que a chegada ao poder de Macri abría "unha nova etapa" centrada "na modernización, a economía produtiva e nun marco que favoreza a seguridade e a estabilidade".

Vitoria insuficiente da esquerda Uruguai

Mentres dende Arxentina (e Colombia) chegaban boas novas para a esquerda latinoamericana, non sucedía o mesmo en Uruguai. O Frente Amplio, liderado por Daniel Martínez, foi a forza máis votada nas eleccións deste domingo, cun 39,2% dos sufraxios, pero o resultado semella insuficiente para obter a maioría no ballotage (segunda volta), que se celebrará o vindeiro 24 de novembro. 

O dereitista Lacalle Pou parte cunha gran vantaxe para obter a Presidencia na segunda volta

Alí estará tamén o conservador Luis Lacalle Pou (Partido Nacional), que se fixo co 28,6% dos apoios. Os candidatos do centrodereitista Partido Colorado (12,3%), do ultradereitista Cabildo Abierto (10,9%), do centrista Partido Independiente (1%) e do dereitista Partido de la Gente (1,1%) xa manifestaron o seu apoio a Lacalle Pou, que semella preto do triunfo. 

Nas vindeiras catro semanas o Frente Amplio, que este domingo perdeu tamén a maioría absoluta nas dúas cámaras, terá que convencer a unha parte significativa dos votantes destas forzas (sobre todo do Partido Colorado e de Cabildo Abierto) de que lle dean o seu apoio a Martínez e non ao candidato blanco. 

Doutro xeito, podería ser a fin da longa experiencia de goberno progresista en Uruguai, 15 anos nos que se sucederon na Presidencia Tabaré Vázquez e José Mujica e nos que o país se caracterizou pola súa estabilidade e polo avance en liberdades cívicas e dereitos sociais. 

A única boa nova para a esquerda uruguaia nesta noite foi a derrota do referendo que buscaba a aprobación da reforma constitucional Vivir sin Miedo, centrada na militarización da seguridade cidadá e o endurecemento de penas. A consulta, apoiada unicamente por Cabildo Abierto e por unha parte do Partido Nacional obtivo o 46% dos votos, cando necesitaba superar o 50%.

En Uruguai o Frente Amplio gañou a primeira volta, pero a suma das dereitas preséntase na segunda volta cunha gran vantaxe © FA
Luis Lacalle Pou, candidato do Partido Nacional © PN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.