Os que coñecemos un pouquiño da exitosa historia da na nosa diáspora na Arxentina estamos abatidos. Hai anos cando falabas do Centro Galego de Bos Aires sentías fondo orgullo de pertencer a unha estirpe de loitadores solidarios. A historia emigrante ten tres predafitas en tres capitais americanas: A Habana, Bos Aires e Montevideo. Foi na illa de Cuba onde comezou a construción nun fogar común para os desprazados do paraíso galego. Despois na capital arxentina e finalmente na capital uruguaia coa fundación da Casa de Galicia que axiña festexará o seu centenario. Os vellos fundadores pensaban coa cabeza e co corazón. Querían manter viva a cultura propia sen esquecer o coidado da saúde. Por medio do pagamento dunha cota mensual tiñas o dereito de asistir a clases de baile, gaita, lingua galega e tamén asistencia médico-hospitalaria.
Ter o carné social era moi proveitoso. Mantiñas a liña de comunicación coa aldea e achegabas aos descendentes para facelos membros da ponte espiritual que por enriba do Atlántico ía dereitiña ata a praza compostelá do Obradoiro. En terra allea é unha gran tranquilidade o ter un acubillo onde quecer o espírito e o corpo en irmandade cos compañeiros de viaxe. A unidade fai que a comunidade galega no exterior sexa respectada e facilita ter voz autorizada diante das administracións públicas dos países de acollida. O esforzo común e a teima de valiosos dirixentes foi quen de erguer con milleiros de adobes a lareira social. Sen esquecer que os servizos médico-hospitalarios permitiron que os fillos e netos puidesen ser contratados para coidar da saúde dos seus devanceiros. Se coñeces ao médico é moito máis doado pedir cita cando tes unha doenza.
Os que non se deixaron engaiolar polos contos baratos de don Mauricio sabían perfectamente que ía liquidar a mutualista dos galegos se gañaba as eleccións
A desfeita en Bos Aires non foi dun día para outro. Hai máis de 20 anos que o Centro Galego comezou a coxear. Por desgracia as comisións directivas non souberon manter unha actividade normal de funcionamento dos servizos e a nosa vella entidade foise asulagando coas débedas e a perda de afiliados. Pasaron moitas cousas. Houbo erros na xestión pero levo décadas escribindo sobre o pasado e agora o que importa é este presente de fonda decepción e tristeza. Quero facer fincapé en que a actual crise no Centro Galego non me sorprende nadiña. O que está acontecendo é unha mostra da acción do goberno presidido por Mauricio Macri. Os que non se deixaron engaiolar polos contos baratos de don Mauricio –un candidato sen ética--- ética ningunha--- sabían perfectamente que ía liquidar a mutualista dos galegos se gañaba as eleccións. O que me doe e quenta é que miles de socios votasen contra dos seus intereses.
Para o actual presidente o Centro Galego é un gasto. Non quere poñer un peso dos orzamentos públicos para que os socios sigan tendo o seu médico e o seu hospital. Sendo inimigo declarado da sanidade pública o é tamén do sistema mutualista onde os asociados son donos das instalacións onde os atenden. O interventor cumpre ordes. Disque o seu nomeamento foi por medio dunha recomendación de Carlos Grosso (ex intendente da capital, 1989-1992) que é moi coñecido pola coima que se levou da empresa Manliba da familia Macri por un contrato millonario para a recollida de lixo. O interventor ten que privatizar (vender) o Centro Galego e para iso antes debe de cortar algunhas cabezas con despidos de funcionarios con moitos anos de traballo. É un bo macrista que contrata a ducias de “ñoquis” con salarios de entre 30 e 40 mil pesos mensuais para labores de escolta e esculca.
Non se fala do Ministerio de Saúde Pública, non sexa que se enfade o fillo de galegos que é o seu titular
O actual goberno está formado por un grupo de delincuentes. Case todos os ministros teñen un pasado de estafa e roubo de fondos públicos. O certo é que foron elixidos e hai moitas explicacións para achegarse a entender que un país que onte tiña un alto nivel de benestar estea agora afundido na miseria. O que me alporiza é o voto macrista dos nosos emigrantes. Non ten xustificación racional xa que Macri é o contrario do que un cidadán normal considera como persoa de ben. O problema está en que a gran maioría dos emigrantes que votaron a Macri son herdeiros. Quero dicir que recibiron unha propiedade ou un comercio ou dólares no banco. Nunca suaron. Son os infelices que envexan aos millonarios pero afirman que todo o que teñen é porque sempre traballaron moito. Son os que din que ninguén lles regalou nada. Estes desgraciados criticaban aos veciños que viñan de mercar o seu primeiro coche usado.
O mellor é a estatización pero co desgoberno macrista non é posible xa que prefiren a coima do grupo empresarial indecente de Ribera Salud
Está diante dos ollos o que obtiveron co seu voto. Un país onde o litro de leite custaba dez pesos con Cristina Fernández e agora non baixa dos 25 pesos. Estes votantes descerebrados son os mesmos que andan con trapalladas nas redes sociais sobre a recuperación do Centro Galego. Son os mesmos que cargaban contra Cristina repetindo as mentiras e insultos dos asquerosos mercenarios do “Clarinete”. Algúns, se falas con eles dos goles de Independiente ou de River Plate ata teñen o seu humor pero cando opinan sobre a política arxentina hai que fuxir xa que non é posible o diálogo. Son críticos co interventor pero sen facer referencia aos responsables dos atrasos nas axudas económicas no Ministerio de Desenvolvemento Social. Non se fala do Ministerio de Saúde Pública, non sexa que se enfade o fillo de galegos que é o seu titular.
O glorioso Centro Galego de Bos Aires non ten viabilidade como mutualista. Os ingresos son insuficientes. Xa fixen as contas hai anos nas que abondaba nos gastos e nas débedas. Dicía de aquela que solución ata que volva un goberno honrado pasa pola escisión xurídica da sección cultural. Propoño que o actual “Instituto Argentino de Cultura Gallega” se constitúa en fundación coa achega da Xunta de Galicia. Eu sei que haberá unanimidade no Parlamento de Galicia para incluir nos orzamentos xerais unha partida para a conservación da “Pinacoteca do Centro Galego de Bos Aires”. A contrapartida pode ser a obriga de organizar visitas ao noso tesouro artístico na capital arxentina. Os que desexen máis información poden ver o catálogo das obras no libro do doutor Padorno editado con motivo do centenario. A sección médica coido está perdida. O mellor é a estatización pero co desgoberno macrista non é posible xa que prefiren a coima do grupo empresarial indecente de Ribera Salud.