As eleccións en Arxentina e Uruguai miden o futuro da esquerda en América

Acto do Frente Amplio en Montevideo © FA

Dende hai varios anos América Latina vive un xiro á dereita, que levou ao poder a Macri en Arxentina, a Piñera en Chile, a Moreno en Ecuador ou a Bolsonaro en Brasil, entre outros cambios de goberno, e que só tivo o contrapunto da vitoria de López Obrador en México. 

En xogo está o regreso da esquerda ao poder en Arxentina, despois de catro anos de goberno de Mauricio Macri. E tamén a continuidade do Frente Amplio en Uruguai, tras 15 anos de xestión

Este domingo 27 celébranse eleccións en Arxentina e Uruguai, países que comparten moitas semellanzas ademais da proximidade xeográfica, pero que nos últimos anos seguiron camiños políticos (e económicos) moi distintos. En xogo está o regreso da esquerda ao poder en Arxentina, despois de catro anos de goberno de Mauricio Macri. E tamén a continuidade do Frente Amplio en Uruguai, tras 15 anos de xestión, unha das máis longas experiencias de goberno progresista na rexión. 

Diferente é a cor política dos actuais gobernos e moi diferente igualmente a situación económica e social de ambos os dous países. Arxentina chega aos comicios sumida nunha nova crise, que fixo que a pobreza crecese oito puntos no último ano, afectando xa ao 35,4% da poboación, con 15 millóns de persoas que non poden permitirse a adquisición de alimentos básicos. O PIB caeu un 1,8% en doce meses, mentres que os prezos subiron un 60% no último ano, fronte a un incremento dos salarios do 35%.

En Arxentina as sondaxes apuntan a un cambio de goberno xa na primeira volta, coa vitoria do kirchnerista Alberto Fernández

Neste escenario, moi negativo para Mauricio Macri (candidato de Cambiemos) as sondaxes apuntan a un cambio de goberno (probablemente xa na primeira volta), co regreso do peronismo kirchnerista ao poder, na figura de Alberto Fernández, candidato da coalición Frente de Todos, na que Cristina Fernández de Kirchner é candidata á vicepresidencia. 

Pola contra, aínda que adoita dicirse que cando "Arxentina esbirra, Uruguai constípase", a situación do país charrúa é moito máis estable (como sempre o foi), cun incremento anual do PIB do 1,6% e niveis de pobreza moi inferiores. O marco xeral da economía, xunto co avance nas políticas sociais e redistributivas nos últimos 15 anos, a modernización do país e as conquistas en dereitos, nas que Uruguai é vangarda no continente (matrimonio igualitario, aborto, lei trans, legalización da marihuana) son as bases coas que o Frente Amplio aspira a un cuarto mandato.

O Frente Amplio será a forza máis votada na primeira volta, pero as enquisas auguran unha vitoria do conservador Luis Lacalle Pou na segunda volta

Daniel Martínez (alcalde de Montevideo entre 2015 e 2019) lidera a coalición esquerdista, fronte a unha oposición fragmentada en tres forzas (Blancos, Colorados e o bolsonarista Cabildo Abierto). O Frente Amplio será a foza máis votada con toda seguridade na primeira volta, pero as enquisas auguran unha vitoria do conservador Luis Lacalle Pou (Partido Nacional) na segunda volta, que terá lugar dentro dun mes.

Mitin do Frente de Todos © Frente de Todos

Adeus a Macri?

En Arxentina o resultado das eleccións primarias (PASO) celebradas o pasado mes de agosto amosaron as grandes opcións que o Frente de Todos ten de gañar o comicios deste domingo, xa en primeira volta. A formación de Alberto Fernández superou ao Cambiemos de Macri por 17 puntos (47,8% a 31,8%), unhas cifras que de repetirse evitarían a celebración da segunda volta para elixir o novo presidente. A lexislación electoral arxentina prevé que isto suceda se un candidato acada o 45% na primeira volta ou supera o 40% con máis de dez puntos de vantaxe sobre a segunda opción máis votada.

As últimas sondaxes publicadas confirman a vantaxe do Frente de Todos, que obtería entre o 50% e o 54% dos votos, fronte ao 29-35% de Cambiemos

As últimas sondaxes publicadas confirman a vantaxe do Frente de Todos, que obtería entre o 50% e o 54% dos votos, fronte ao 29-35% de Cambiemos.

O Frente de Todos (ou Todas, ou Todes) conseguíu unir á maior parte da oposición a Macri, como unha resposta á xestión realizada nos últimos anos, moi criticada no plano económico, e na que a mobilización social no país rexistrou un grande incremento. Especialmente importante foi a mobilización feminista, que creceu ao abeiro do debate para a legalización do aborto e que se mantén moi activa, como se puido ver a pasada semana no Encontro Nacional de Mulleres de La Plata, que reuniu a máis de 200.000 persoas nos seus debates. 

O aborto será un dos temas centrais na vindeira lexislatura

O aborto será un dos temas centrais na vindeira lexislatura. Cómpre lembrar que en xuño do ano 2018 o Congreso arxentino aprobou o Proxecto de Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo, cun apoio maioritario do peronismo e o rexeitamento de boa parte dos deputados do partido de Mauricio Macri. Porén, dous meses despois o Senado votou en contra da lei, que polo tanto non foi aprobada.

Uruguai: 5 anos máis?

O Frente Amplio, formado en 1971, chegou ao poder no ano 2004, despois de quedar en 1999 ás portas de facelo. Dende entón Tabaré Vázquez (en dous mandatos non consecutivos) e José Mujica gobernaron este país que ten pouco máis de tres millóns de habitantes, dos que a metade reside na súa capital, Montevideo. No 2014 Tabaré Vázquez tivo que agardar á segunda volta para ser elixido (47,81% na primeira, 56,62% na segunda) e o Frente Amplio conservou a súa maioría absoluta nas cámaras de forma moi axustada (50 de 99 deputados e 15 de 30 senadores).

O Frente Amplio baseou a súa campaña na defensa da xestión realizada, nos avances experimentados polo país e na estabilidade de Uruguai. O tema da seguridade está centrando a campaña das forzas opositoras

Cinco anos despois, a vitoria de Daniel Martínez está no aire. As sondaxes outórganlle entre un 36% e un 43% de voto na primeira volta, fronte ao 24-28% do Partido Nacional (ou "blancos", de dereita), un 11-16% do Partido Colorado (de centro-dereita) e un 8-12% de Cabildo Abierto (dereita populista). A fragmentación da oposición pode beneficiar ao Fronte Amplio de cara á elección de deputados e senadores, pero para unha hipotética segunda volta nas eleccións presidenciais as sondaxes prevén unha vitoria do blanco Luis Lacalle Pou por cinco puntos: 47% a 42%. Iso si, o FA vén crecendo de forma continuada dende o comezo do verán e achégase ás cifras que permitirían a súa reelección. 

O Frente Amplio baseou a súa campaña na defensa da xestión realizada, nos avances experimentados polo país dende o 2004 e na estabilidade de Uruguai, en comparación cos países veciños. Porén, o desgaste de 15 anos de goberno e o problema da inseguridade cidadá poden levar a un xiro do país cara á dereita. De feito, en paralelo coas eleccións, este domingo celébrase un referendo sobre a proposta "Vivir sin miedo" lanzada por unha parte do Partido Nacional, que propón un endurecemento de penas (prisión permanente revisable), unha militarización da seguridade cidadá e medidas como a entrada da policía polas noites nas vivendas sospeitosas. A proposta debe superar o 50% para aprobarse e as enquisas indican que neste momento rolda esa porcentaxe (53%), aínda que as súas cifras foron descendendo nos últimos meses.  

Se o Fronte Amplio se achegase ou superase o 45% na primeira volta, tería grandes posibilidade de manter a presidencia e, ademais, de asegurar o dominio das dúas cámaras

O tema da seguridade está centrando a campaña das forzas opositoras, tanto dos dous partidos tradicionais, brancos e colorados (que gobernaron o país durante máis de 150 anos) como do Cabildo Abierto, liderado polo ex-comandante en xefe do Exército, Guido Manini Ríos, cesado en marzo polo presidente Tabaré Vázquez pola súa intromisión en política dende o seu cargo. Cabildo Abierto é a gran novidade nestes comicios, por tratarse da primeira forza política relevante que nas últimas décadas mantén un discurso ambiguo con respecto á ditadura cívico-militar que o país sufriu entre 1973 e 1985. 

Os resultados deste domingo permitirán medir as opcións dunha e doutra opción para a segunda volta. Se o Fronte Amplio se achegase ou superase o 45% na primeira volta, tería grandes posibilidade de manter a presidencia e, ademais, de asegurar o dominio das dúas cámaras (coa importancia simbólica que isto tería para a segunda volta). De obter un resultado máis baixo, Luis Lacalle Pou podería gañar o vindeiro 24 de novembro.

Debate electoral entre Daniel Martínez e Luis Lacalle Pou © FA
Acto do Frente de Todos, a pasada semana © Frente de Todos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.