En xullo de 2015, pouco despois de acceder ao cargo por segunda vez tras o mandato de José Mujica, o presidente do Uruguai, Tabaré Vázquez -da súa mesma formación política, a Fronte Ampla-, anunciou un plan de investimentos públicos de algo máis de 12.000 millóns de dólares en diversos eidos, dende as infraestruturas viarias á sanidade, a enerxía ou o ferrocarril, entre outros ámbitos. Este plan estivo sobre a mesa da xuntanza que o pasado abril Vázquez mantivo co titular da Xunta en Montevideo, encontro do que partiu a visita oficial que o mandatario americano desenvolve este martes e mércores en Galicia, no marco da "misión oficial" que o levou previamente a Madrid e agora a Galicia, "o meu pobo", dixo, co obxectivo fundamental de captar investimentos.
Un dos eidos que aborda ese plan, o ferroviario, propiciou que Vázquez chegase á capital galega en tren para así "testar" as prestacións da rede ferroviaria. Antes de manter, o mércores, un encontro co empresariado galego para expoñerlles os seus plans o mandatario uruguaio desenvolveu a parte máis política da visita. Así, foi recibido na estación compostelá por Alberto Núñez Feijóo e acudiu despois á praza dedicada ao Uruguai en Compostela, inaugurada por Mujica en 2013 cun busto do militar independentista José Artigas agasallado á Xunta en tempos de Fraga por un empresario uruguaio de orixes galegas que actuamente é asesor de Vázquez.
O presidente uruguaio chegou a Santiago en tren e foi recibido polo titular da Xunta e mais polo alcalde
Tras os actos protocolarios Tabaré Vázquez foi recibido nas dúas bandas do Pazo de Raxoi: a sede institucional da Presidencia da Xunta e mais no Concello santiagués. Tras manter un encontro de case unha hora con Feijóo o líder uruguaio compareceu conxuntamente co presidente galego ante delegacións institucionais de ambos territorios: a comitiva presidencial do Uruguai, por unha banda, e representantes de Galicia -membros da Xunta, o presidente do Parlamento, o voceiro do PP e a voceira do BNG-, por outra. Entre evocacións á inmigración galega ao Uruguai da que formaron parte os seus avós -ourensán e compostelá- Vázquez apelou a esa "irmandade" para "traballar en conxunto" no seu plan de infraestruturas.
Tabaré Vázquez presentará ante empresas galegas o seu Plan Estratéxico de Infraestruturas de 12.000 millóns de dólares
"O meu país pode ofrecer" ao empresariado galego participar en obras que, asegura, teñen como obxectivo que o Uruguai "medre". "Querémolo facer para que a nosa xente viva mellor" e "vimos buscar a experiencia que vostedes teñen", sinalou. Nesta liña, Feijóo apelou á "competitividade" das compañías do país, "empresas serias" que "non son multinacionais" e "non se permiten non facer as cousas ben". O goberno uruguaio, asegura, poderá sentirse "satisfeito" co traballo "da nosa industria forestal, agroalimentaria, turística, metalúrxica, naval e de automoción". "O meu pobo -retrucou Tabaré Vázquez- está marcado no ADN por aqueles galegos que chegaron cunha man diante e outra atrás" e deixaron no país "cultura de educación e honradez".
Tras o acto na sede gobernamental Tabaré Vázquez foi recibido polo alcalde da capital galega, da que recibiu a insigna de ouro. "Para médicos coma nós -sinalou ante o alcalde compostelán- é moi importante estar preto das persoas". É por iso, di, que "envexo a Martiño Noriega" por ser alcalde, posto que a política local lle lembra a súa etapa como intendente de Montevideo nos anos 90, na que supuxo a primeira experiencia de goberno para a Fronte Ampla.