Uruguai: A década da Fronte Ampla (2005-2015)

Tabaré Vázquez e José 'Pepe' Mujica Dominio Público Praza Pública

Co retorno de Tabaré Vázquez á presidencia trala realización da segunda rolda electoral o pasado 30 de novembro, a formación progresista uruguaia Fronte Ampla (FA) inicia un novo período de goberno cun balance sumamente favorable tras unha década de goberno, con elevados índices de popularidade e de lexitimidade dos seus dous principais líderes: o propio Vázquez, ex alcalde de Montevideo e presidente constitucional (2005-2010), e o seu sucesor e actual presidente Pepe Mújica (2010-2015). Cun novo período presidencial 2015-2020, a consolidación da FA confirma, ao mesmo tempo, a estabilidade política e institucional traducida nunha necesaria transición política cara a esquerda nun país politicamente periférico como Uruguai, gobernando desde mediados do século XIX por un establishment político de notable carácter elitista, identificado nos Partidos Nacional (coloquialmente o “Partido Blanco”) e Colorado.

Deste modo, a chegada ao poder da FA confirmou non só a creba deste sistema oligopólico senón a estabilidade da transición democrática iniciada a partir da caída da ditadura militar en 1985. A estabilidade socioeconómica, baseada na adopción dun programa de heterodoxia macroeconómica combinado con programas de inclusión social, redución da pobreza e adopción de políticas públicas innovadoras (legalización da marihuana, discusión dos matrimonios homosexuais, entre outros), afondaron a elevada lexitimidade das presidencias da FA así como a popularidade de Pepe Mújica, sinalado como un exemplo de honradez e humildade política en tempos de crise, corrupción e austeridade económica global.

No contexto hemisférico, a reelección presidencial da FA confirma a consistencia do xiro político e electoral cara diversas manifestacións progresistas e de esquerdas experimentado en América Latina desde 1999. En materia exterior, o compromiso da FA coa integración rexional (MERCOSUR, UNASUR, CELAC) camiña en paralelo coa súa vocación autonomista e humanitaria, tal e como quedou de manifesto recentemente coa decisión do goberno de Mújica de recibir no seu país a seis presos do penal de Guantánamo en calidade de refuxiados

 

Un modelo plural e de esquerdas

Tradicionalmente considerado como un país perifé- rico no concerto hemisférico, Uruguai logrou consolidar a partir de 2004 unha estable transición política co triunfo da esquerda identificada entón na candidatura de Tabaré Vázquez e da Fronte Ampla (FA), un aspecto que lle permitiu inserirse con maior dinamismo de cara aos cambios políticos que estaban acaecendo en América do Sur, así como nos procesos de integración rexional. A FA é unha coalición de partidos de esquerda creada en febreiro de 1971, na que algúns dos seus posteriores membros formaron parte da guerrilla urbana do Movemento de Liberación Nacional-Tupamaros, entre os que destacaron Raúl Sendic, Pepe Mújica e Eleuterio Fernández Huidobro, entre outros. Tras superar os duros anos da ditadura militar uruguaia (1973-1985), en 1989 formouse o Encontro Progresista (EP), que sumou tanto a Alianza Progresista (AP) como a diversos membros tupamaros.

En 1990, a FA impulsou a candidatura do oncólogo Tabaré Vázquez para a alcaldía de Montevideo, alcanzando o goberno municipal ata 1995. Consolidado como líder da FA, Tabaré presentouse de forma sucesiva e infrutuosa como candidato presidencial (1994 e 1999) para posteriormente obter o triunfo nas eleccións presidenciais de outubro de 2004, alcanzando un 51,4% dos votos, a través da coalición Nova Maioría, á que se sumou o Novo Espazo. Deste xeito, e por vez primeira na historia contemporánea uruguaia, a esquerda alcanzaba o poder, quebrando así o tradicional bipartidismo establecido desde mediados do século XIX entre os Partidos Blanco e Colorado.

Nas súas bases ideolóxicas, a FA preséntase como unha “forza política de cambio e de xustiza social; de concepción progresista; democrática, popular, antioligárquica e antiimperialista”, organizada en “carácter de coalición e de movemento sobre bases de respecto recíproco da diversidade ideolóxica, funcionamento democrático e unidade de acción”. Forma igualmente parte importante da súa ideoloxía o denominado ideario Artiguista, herdeiro do prócer independentista uruguaio José Gervasio Artigas, que pregoa a “liberación americana e nacional, a democracia institucional e a xustiza social”. Estas variables definen á FA como unha forza política basicamente de centroesquerda, de carácter progresista e politicamente institucionalizada, orientada cara a vía “socialdemócrata moderada” e democratizada, sen desestimar a presenza doutras formacións situadas máis cara a esquerda.

No poder desde 2005, a FA logrou vertebrarse como unha formación de carácter policlasista, atraendo diversas capas das clases medias e populares, lexitimada polos notables resultados en materia económica e de fortalecemento do estado de benestar. Neste sentido, e a través dun programa macroeconómico de carácter heterodoxo onde destaca a figura de Danilo Astori, ministro de Economía durante o goberno de Tabaré e actualmente vicepresidente na lexislatura de Mújica, Uruguai logrou superar os embates da crise económica acaecida entre 1999 e 2002, principalmente significativa no sector financeiro (desaceleración econó- mica no marco MERCOSUR, expansión rexional do corralito arxentino) e do factor estrutural referido á dependencia uruguaia dos prezos das materias primas nos mercados internacionais, un aspecto sensible economicamente periférico dos centros de poder mundial.

Segundo un recente informe da OCDE, Uruguai experimentou desde 2005 importantes avances socioeconómicos: índices de crecemento económico anual cifrados en torno ao 4,6 e 5,1%; control da inflación (pechará en 8,8% en 2014); fortalecemento e mellora nos programas de asistencia social (sanidade, alfabetización, calidade de vida, medio ambiente, confianza e apoio á rede social); caída dos índices de pobreza extrema (10% da poboación, cando en 1999 era do 40%); notable produtividade laboral, aínda que afrontando o reto das disparidades socioeconómicas e os riscos de exclusión social (menores de idade). Desde 2013, Uruguai é considerado polo Banco Mundial como un país de ingreso alto, cun Índice de Desenvolvemento Humano Alto, ocupando o posto Nº 51 cun índice de 0,792 (2012). 

 

Os retos dunha hexemonía política

Cun equilibrado balance socioeconómico e unha imaxe exterior sumamente favorable, o próximo 1º de marzo, a FA afronta un novo período presidencial 2015-2020 co retorno de Tabaré Vázquez á xefatura do goberno. A súa hexemonía política vese igualmente fortalecida polo feito de obter a maioría no Congreso e no Senado nos comicios de novembro pasado. Por tanto, a década 2005-2015 ben pode significar o cambio político mais importante desde comezos do sé- culo XX no Uruguai, cun goberno de esquerda vencedor en tres procesos electorais presidenciais consecutivos e cos dous partidos tradicionais (Blanco e Colorado) consecutivamente na oposición. Esta inédita hexemonía política e electoral da esquerda uruguaia supón paralelamente un reto ineludible para a FA, particularmente á hora de albiscar un escenario inevitable a medio prazo: a necesidade dun relevo xeracional no seu liderado, tendo en conta a avanzada idade dos seus líderes máis significativos, Tabaré (74 anos) e Mújica (79 anos).

Neste sentido, moitas miradas están fixadas en Raúl Sendic Rodríguez (52 anos), compañeiro de fórmula electoral de Tabaré, próximo vicepresidente e fillo do mítico ex guerrilleiro tupamaro e fundador da FA, Raúl Sendic Antonaccio. En todo caso, esta eventual sucesión política implicará unha maior mobilización e participación política tanto dos sectores de base como doutras capas sociais que nos últimos anos lograron ser atraídos pola FA. No foco de atención estará a eventualidade de dirimir candidaturas independentes, tecnó- cratas ou non partidistas de cara aos próximos comicios presidenciais de 2019. A renovación e fortalecemento de novos liderados dentro da FA pode igualmente observarse noutros aspectos non menos relevantes.

O mantemento da heterodoxia macroeconómica con programas de asistencia social implica seguir de perto a evolución do gasto público, en particular ante un déficit valorado no 3% do PIB. A necesidade de maiores investimentos en infraestrutura pública, a persistencia dos programas sociais e o leve aumento da inseguridade cidadá, son outros retos estratéxicos para o goberno de Tabaré.

No marco rexional, a FA seguirá apostando polo fortalecemento e a inclusión uruguaia nos marcos de integración existentes (MERCOSUR, UNASUR, CELAC, aproximación á ALBA) xa establecidos no goberno de Pepe Mújica. Outro factor a ter en conta terá que ver coa posición uruguaia ante a preeminencia de novas organizacións (Alianza do Pacífico) así como da cada vez maior inserción de China como principal socio comercial rexional. Neste sentido, está prevista para xaneiro de 2015 unha visita do presidente Mújica a Pequín. Para Uruguai, a relación bilateral con Brasil e Arxentina segue a ser unha prioridade, aspecto que se fortalecerá principalmente con respecto ao recentemente reelixido goberno de Dilma Rousseff e do Partido dos Traballadores (PT) en Brasil, á vista da sincronía política e ideolóxica entre o PT e a FA.

Con todo, está por ver qué sucederá co kirchnerismo en Arxentina de cara ás próximas eleccións presidenciais (outubro de 2015) e cómo estes comicios influirán na relación bilateral, tradicionalmente flutuante entre o pragmatismo e determinadas tensións de carácter comercial e incluso limítrofe. Con respecto a EUA, probablemente imperará unha visión autónoma e non menos pragmática. Uruguai ven realizando notables avances na consecución dos Obxectivos do Milenio (sanidade, educación, medio ambiente, pobreza e calidade de vida), da axenda post-2015 e doutras políticas aperturistas como a legalización da marihuana, o debate público do matrimonio homosexual, a adopción de políticas de xénero e de combate contra a criminalidade e o tráfico de persoas. Estas variables identifican as bases progresistas dunha FA cada vez máis fortalecida como modelo político de esquerda a nivel hemisférico.

Tabaré Vázquez e José 'Pepe' Mujica Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.