Mauricio Macri, o amigo do PP que ameaza o peronismo en Arxentina

Macri con Rajoy na Moncloa © Moncloa

"Se hai alguén que vai saber percorrer o camiño duro da recuperación, se hai alguén que vai saber como desta crise xerar unha oportunidade para o pobo español, estes son os dirixentes do Partido Popular", asegura Mauricio Macri nun mitin fronte a centos de persoas. É 2011, e na primeira fila do Centro Cultural Español en Buenos Aires está Alberto Núñez Feijóo, en plena campaña para captar o voto emigrante en Arxentina. No seu breve discurso, o alcalde da capital fala do PP e o Pro, o seu partido: "Sentímonos claramente unidos na mesma cultura e no mesmo destino, e á espera do que nos manden e o que poidamos axudar".

Catro anos despois daquilo, os vínculos entre o Partido Popular e a formación que encabeza o candidato á presidencia pola alianza Cambiemos non desapareceron, aínda que o seu discurso político actual non se pareza en absoluto ao de entón. Agora, ante a complicada encrucillada económica á que se enfrontará o próximo Goberno, Macri defende a xustiza social, os subsidios para os pobres e mesmo as nacionalizacións de empresas que realizou o kirchnerismo.

A Macri agora non lle interesa ese perfil de dereita, pero desde a creación do Pro, en 2002, o PP de Aznar, ao que admiraba, sempre foi un modelo a seguir

A Macri agora non lle interesa ese perfil de dereita, pero desde a creación do Pro, en 2002, o PP de Aznar, ao que admiraba, sempre foi un modelo a seguir. Daquela o candidato defendía a redución do papel do Estado e o liberalismo que propugnaba o PP. E os vínculos creceron. Macri non só fixo campaña por Rajoy en 2011 entre os españois que viven en Arxentina. Tamén nomeou a José María Aznar cidadán ilustre de Bos Aires e é amigo próximo do ex ministro Alberto Ruiz-Gallardón, con quen adoita verse en Bos Aires ou Madrid. Mesmo fixo a foto de rigor con Ana Botella para mostrar o seu apoio á candidatura olímpica madrileña de 2020 e mercou vellos coches do Metro de Madrid que ían para chatarra para que circulasen polo Subte porteño.

Federico Pinedo, deputado do Pro, recoñece "unha moi boa relación co PP" e explica que a súa forza forma parte da rede de partidos demócratacristianos no mundo. Pero traza distancias: "O PP nace cunha concepción ideolóxica da política e nós, non", afirma. Sostén que na súa xestión de goberno o Pro sempre tivo posicións e accións que poderían ser de centrodereita ou de centroesquerda.

Se lle dan a elixir, vese máis preto de Ciudadanos e dunha nova forma de facer política. "Coa crise, Arxentina destruíu o seu sistema de partidos, e as forzas emerxentes coma a nosa son moito máis plurais e centristas", afirma Pinedo. A pesar de que agora lles interese unha imaxe máis centrada, as relacións co PP son tan estreitas que o propio Pinedo participou na convención do PP en Valladolid en 2014.

Nun país no que a dereita neoliberal morreu a cazoladas na crise de 2001 e cuxo máximo representante foi o peronista Carlos Menem, o centro político é difuso e amplo

Macri agora cóidase máis pero si di cousas que os kirchneristas identifican coa dereita: fala de apertura dos mercados (quitando o control de divisas) e de promover os investimentos estranxeiros. Curiosamente, son propostas moi parecidas ás do candidato oficial, Daniel Scioli. Só difiren en sutileza e horizonte temporal. Nun país no que a dereita neoliberal morreu a cazoladas na crise de 2001 e cuxo máximo representante foi o peronista Carlos Menem, o centro político é difuso e amplo.

 

"Matar o pai"

Naqueles axitados anos noventa, Mauricio era un novo empresario nado nunha das familias arxentinas máis poderosas. O seu pai, Franco, de orixe italiana, dirixía unha compañía moi próxima ao Goberno menemista, que se fixo con grandes contratos de obras e servizos públicos.

Os romances dos Macri enchían entón as páxinas das revistas do corazón, e pai e fillo aparecían en programas de televisión como homes exitosos que cantaban loas ao libre mercado. Pero fóronse distanciando.

En 1995 Mauricio deixou o Grupo Macri para converterse en presidente de Boca Juniors. O clube de fútbol serviulle de trampolín á política, e estivo a piques de ser alcalde da capital en 2003. Perdeu en segunda volta. Conseguiuno en 2007 e leva no posto desde entón. Pero nin sequera eses logros cegaron o implacable Franco, que afirmou hai un ano que non cría que o seu fillo puidese ser presidente e chegou a dicir que prefería a alguén próximo a Cristina Kirchner na Casa Rosada.

Nun país no que a psicanálise é obxecto de conversa nos bares, a candidatura presidencial de Mauricio Macri foi cualificada por moitos como unha forma, en termos freudianos, de "matar o pai"

Nun país no que a psicanálise é obxecto de conversa nos bares, a candidatura presidencial de Mauricio Macri foi cualificada por moitos como unha forma, en termos freudianos, de "matar o pai". O certo é que, convertido no favorito para o ballotage tralos sorprendentes resultados da elección do domingo, Mauricio chegou moito máis lonxe do que o seu proxenitor previra.

 

Un apelido que marca

Ese apelido que lle marcou a vida tamén é o seu principal problema político. Moitos arxentinos, sobre todo os máis pobres, temen que Macri, como membro da aristocracia empresarial, vaia eliminar as políticas de inclusión social do kirchnerismo que sacaron a millóns de cidadáns da pobreza. Por iso o candidato e o seu partido encárganse de negalo cada día. Agora defenden medidas coma a Asignación Universal por Fillo e mesmo prometeron amplialas. É difícil explicar como encaixarían estes conceptos en FAES, o think tank no que se forman moitos cadros do Pro. A Fundación macrista Pensar é unha das entidades colaboradoras de FAES, e organizou mesmo campus presididos por Aznar.

A Macri lémbranlle constantemente desde a esquerda as súas posicións polémicas en cuestións clave como a lei de matrimonio igualitario e a lei de reprodución asistida, que rexeitou

A Macri lémbranlle constantemente desde a esquerda as súas posicións polémicas en cuestións clave como a lei de matrimonio igualitario e a lei de reprodución asistida, que rexeitou. Tamén votou en contra da nacionalización de Aerolíneas Arxentinas (que era propiedade do Grupo Marsáns) e a de YPF (de Repsol). Precisamente o conflito con España pola petroleira en 2012 desatou as críticas a Macri pola súa relación co Partido Popular español.

Cambiemos, a alianza coa que o Pro se presentou ás eleccións, explica tamén a viraxe ao centro do partido. A eles sumáronse os radicais e a Coalición Cívica, que poderían identificarse como de centroesquerda

Hoxe o candidato, como a maioría dos arxentinos, defende estas nacionalizacións. Cambiemos, a alianza coa que o Pro se presentou ás eleccións, explica tamén a viraxe ao centro do partido. A eles sumáronse os radicais e a Coalición Cívica, que poderían identificarse como de centroesquerda. "O Pro traballa desde 2008 buscando acordos co resto da oposición, co peronismo non kirchnerista, o socialismo, os progresistas... Non nos custa pornos de acordo, porque somos un grupo de persoas que cren que a democracia non é división senón procura de consenso", sostén Pinedo.

Nunca un partido de dereitas gañou as eleccións en Arxentina e Mauricio Macri sábeo. E aínda que os vínculos entre Pro e o PP sigan intactos, de momento manda a distancia. Sería impensable que nesta campaña Rajoy lle devolvese ao alcalde a xentileza de 2011 e subise ao escenario a pedir que voten presidente a Macri.

José María Aznar e Mauricio Macri no Campus FAES 2014 en Bos Aires © FAES
Macri con Rajoy na Moncloa © Moncloa
Macri con Ana Botella cando esta era alcaldesa de Madrid © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.