A derradeira leición do mestre comeza o seu traslado a Galicia. A icónica obra de Castelao foi este martes descolgada e embalada por técnicos especialistas no Centro Galicia de Bos Aires, desde onde viaxará a Galicia para ser exhibida por primeira vez no país. Será na Cidade da Cultura --do 5 de outubro de 2018 ao 3 de marzo de 2019-- no marco da exposición Castelao maxistral, que homenaxeará o papel na construción do ensino públicois dos mestres e mestras das tres primeiras décadas do século pasado (1900-1936).
'A derradeira leición do mestre' foi descolgada e embalada este martes en Bos Aires por técnicos especialistas do Centro Galicia
Así o anunciou a Xunta, que destacou que o proceso levouse a cabo "coas maiores condicións de seguridade e baixo os estándares profesionais máis elevados, tendo en conta que se trata dunha obra simbólica tanto na traxectoria artística de Castelao como para Galicia, a territorial e a da diáspora". Tal e como lembra o Goberno, o artista e político rianxeiro pintou a obra --considerada o Guernica galego-- na capital arxentina en 1945, baseándose na estampa número 6 do seu libro Galicia mártir e para render homenaxe ao seu amigo e intelectual Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936 polo fascismo.
"O feito de contemplar o cadro xa é unha toma de conciencia sobre a achega da emigraicón e o exilio ao patrimonio cultural", di o presidente do centro onde está a obra
O óleo de máis de 2 metros de altura nunca saíra nunca antes do Centro Galicia de Bos Aires, polo que será a primeira vez que se poida contemplar en Galicia. En declaracións a Praza.gal cando transcenderon as conversas para a cesión temporal do cadro, o presidente do Centro Galicia aclarara que a institución que encabeza "é custodio" da obra, pero que esta "pertence a toda a emigración, a todos os galegos da Terra e do mundo". "É moi importante --resaltaba José María Vila Alén logo tras a sinatura do acordo coa Xunta-- que os galegos da Terra comprendan o que fixo e o que fai a emigración e que esa emigración forma parte da Galicia universal". Neste sentido, resaltou, "o feito de contemplar" o cadro no que Castelao retrata a represión franquista "xa é unha toma de conciencia", tamén sobre a achega da emigración e do exilio ao patrimonio cultural galego.
"A derradeira leición do mestre non é un cadro, é moito máis que iso, un símbolo, unha bandeira... Non ten prezo porque está fóra de calquera valor de mercado", dicía en Praza.gal Vila Alén.
Traslado d'A derradeira leición do mestre' no Centro Galicia de Bos Aires / © Xunta
A mostra Castelao maxistral procura, segundo a Xunta, ser un "recoñecemento ao labor da Galicia emigrante, na salvagarda do legado patrimonial galego, e deses galegos e galegas que continuaron a actividade cultural durante boa parte do século XX ata a actualidade".
A mostra onde se exporá a obra permitirá contemplar todos os debuxos que Castelao realizou sobre o ensino obrigatorio en Galicia
A derradeira leición do mestre forma parte dun relato expositivo no que se quere "contrapor a situación do ensino en Galicia de principios do século pasado --con precariedade de medios, antipedagóxica e exclusivamente en castelán-- coa reforma e modernización que iniciaron os mestres e mestras da República cara unha ensinanza universal e máis profesional --con novos materiais pedagóxicos, algúns deles en galego--, e que se viu truncada co estoupido da Guerra Civil".
A mostra, comisariada polo historiador galego e vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, contará con 92 pezas --cedidas por 32 institucións públicas e privadas-- reconstruirá unha escola da época e permitirá tamén poder contemplar reunidos por vez primeira nunha exposición todos os debuxos (40) que realizou o artista de Rianxo sobre o ensino obrigatorio en Galicia, que na época era ata os 9 anos.