Gonzalo Caballero inicia en Vigo unha ruta de cidades, "que terán un aliado no goberno progresista da Xunta"

Gonzalo Caballero e Abel Caballero, en presenza de Carmela Silva e David Regades no inicio da rolda do candidato do PSdeG polas cidades CC-BY-NC-SA PSdeG

O PSdeG foi o gran beneficiado das eleccións municipais de 2019 nas cidades galegas. Os socialistas, impulsados polo bo resultado de Pedro Sánchez nas xerais do mes anterior, non só retiveron as alcaldías que xa tiñan, da esmagadora vitoria de Abel Caballero en Vigo á coalición de Lara Méndez co BNG en Lugo. Ademais, regresaron dun golpe ás tres alcaldías da provincia da Coruña que no mandato anterior foran das mareas nunha inédita alternancia no eido da esquerda que deixou o PP fóra de xogo.

Boa parte dun posible cambio de Goberno xogarase no "escenario urbano", cren no seo do PSdeG

Este incremento de poder institucional, sumado ao forte crecemento en Ourense ata ser primeira forza e á mellora de resultados en Pontevedra, onde se integraron na coalición encabezada polo BNG de Miguel Anxo Fernández Lores, fai das cidades galegas unha prioridade para o PSdeG para as eleccións galegas do 5A. Boa parte dun posible cambio de Goberno xogarase no "escenario urbano", cren. Esta é a razón pola que o candidato socialista á Presidencia, Gonzalo Caballero, vén de iniciar un percorrido urbano e de facelo precisamente por Vigo e acompañado do seu alcalde, Abel Caballero.

Lonxe dos tempos nos que o candidato socialista estivo politicamente enfrontado ao rexedor vigués alén do seu parentesco como tío e sobriño, Abel Caballero amosou a "confianza" de que o candidato do PSdeG "vai ser presidente" e por iso "lle transmitín ao que Vigo ten dereito, con todo o cariño a outras cidades, porque non pedimos nada ao que Vigo non teña dereito". Son demandas, asegurou, que fixo chegar tamén no seu momento a Alberto Núñez Feijóo, a quen reprocha o seu "descaro" por iniciar a precampaña en Vigo tras "condenar" a cidade ao "ostracismo" dende a Xunta.

Gonzalo Caballero, coa alcaldesa lucense, Lara Méndez, e outros cargos do PSdeG local, este 18 de febreiro en Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG

Abel Caballero asegura ter "confianza" en que o líder do PSdeG "vai ser presidente" e por iso, di, lle transmitiu as demandas de Vigo

Gonzalo Caballero concorda en que "Feijóo foi un inimigo das cidades" por perder o poder nelas. En troques, asegura, "eu teño un compromiso coa Galicia urbana, coas cidades de Galicia, para que cada unha teña un aliado" no "próximo Goberno progresista da Xunta". "Quixen comezar en Vigo a rolda de contactos porque representa un bo exemplo de como os socialistas sabemos gobernar" e por iso os resultados municipais "son tan claros e contundentes".

Mentres, cre, mostra do proceder do Goberno do PP en Vigo é que "deixou no caixón todos os proxectos importantes para a cidade", pero tamén o sector naval. Tras "once anos de abandono", afirma, Feijóo proclamou a súa candidatura no auditorio Mar de Vigo, moi preto do estaleiro Barreras, "onde ten a mellor mostra do seu desastre de política industrial e das súas relacións cunha petroleira mexicana que non trouxo os buques que tiña comprometidos para Galicia".

Museo da Romanización, Plan Paradai e rolda leste de Lugo "nos primeiros seis meses"

Tras este primeiro encontro en Vigo, a seguinte parada do roteiro urbano de Caballero foi este martes a cidade de Lugo, onde mantivo unha xuntanza coa alcaldesa, Lara Méndez, e outros cargos do PSdeG local. Alí asegurou que un eventual goberno da esquerda na Xunta tería que asumir "os deberes" que o Executivo do PP "non fixo en 11 anos". "Como ben di a alcaldesa, Feijóo non puido inaugurar unha soa obra de relevancia nesta cidade" impulsada polo seu Executivo.

Gonzalo Caballero compromete en Lugo que "nos primeiros seis meses, o goberno progresista" vai "desatrancar proxectos históricos atrancados polo PP" como o Museo da Romanización ou a rolda leste

Por este motivo, compromete, "nos seis primeiros meses de goberno progresista, imos desatrancar proxectos históricos atrancados polo PP". Así, cita, nese primeiro medio ano un novo Executivo disporíase a "poñer en marcha o Museo da Romanización" do antigo cuartel de San Fernando, para o que a Xunta chegou a ter proxecto en 2010 pero paralizou en 2013. Tamén nese inicio de mandato, asegura, "imos desatascar o Plan Paradai", unha operación urbanística para ese barrio da cidade longamente demanada, e "a materia pendente da rolda leste" de Lugo, que o Concello tamén demandou en diversas ocasións.

Tras a visita a Lugo, Caballero ten na súa axenda acto público en Vigo por segundo día consecutivo. Neste caso, un encontro coa militancia do PSdeG local, no serán deste martes.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.