Sánchez ve en Caballero "o presidente que Galicia precisa" e en Verín, "o amago do que fará o PP" se recunca

Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero conversan antes do inicio do Comité Federal do PSOE deste 15 de febreiro © PSOE

Todas as mensaxes da dirección do PSOE ían nesa dirección e este sábado o propio Pedro Sánchez reiterouno ante o primeiro Comité Federal celebrado polo partido tras a convocatoria das eleccións galegas. Gonzalo Caballero ten "apoio no Goberno e na Executiva Federal", que pretenden ser "os mellores aliados para que poidas ser o presidente que merece e necesita a Xunta", afirmou o tamén xefe do Goberno central.

"Tentaron castigar unha comarca que lles plantou cara e venceu, pero non hai que confiarse"

Na súa intervención ante o Comité Federal, Sánchez trazou as que semellan liñas mestras do discurso do partido para a carreira electoral galega e fíxoo apelando a un dos flancos que máis erosionou nos últimos anos ao Goberno do PP. Porque "Gonzalo é o presidente que Galicia precisa", entre outras cousas, dixo, para evitar que os de Feijóo poidan "desmantelar o Estado de Benestar". Exemplo disto é para o líder socialista o que vén de acontecer en Verín.

"O PP decidiu que dar a luz un bebé en Verín non era un dereito, tentaron castigar unha humilde comarca que lles plantou cara e venceu", relatou Sánchez. O Goberno do PP desta volta recuou, pero "non hai que confiarse". Esa rectificación non chegaría se "non se achegasen as eleccións" e por iso, considera, hai que interpretar o acontecido como "un amago do que poden facer se revalidan" o poder o 5A.

"As forzas progresistas e o PP estamos empatados en Galicia, falta un tramo e confiamos en ti", alentou o líder do PSOE a Gonzalo Caballero ante o Comité Federal

A "dimisión en bloque dos xefes de servizo" dos centros de saúde de Vigo ou "a praza da Quintana desbordada de manifestantes" que "alzaban a súa voz, fartas e fartos dos ataques do PP á sanidade pública" son, a xuízo de Sánchez, aguillóns para unha carreira electoral tras a que, cre, Caballero pode acabar na Presidencia. "A sanidade pública galega precisa un presidente socialista, a educación pública galega precisa un presidente socialista, as infraestruturas tamén precisan un presidente socialista", reiterou.

Neste sentido e ante as primeiras enquisas, dende a dirección do PSOE din telo claro: a "alternativa" ao PP pasa por unha presidencia do PSdeG e "a competición está aberta". Mostra disto, considera Sánchez, son os resultados dos comicios celebrados durante 2019, cando "por primeira vez, a esquerda gañou". Agora mesmo "as forzas progresistas e o PP estamos empatados en Galicia" e apenas "falta un tramo". "Confiamos en ti", alentou a Caballero.

"Feijóo quere pasar a campaña sen dar conta dos seus 11 anos"

O propio Gonzalo Caballero concorda coa oportunidade de gobernar a partir do vindeiro abril. Os "resultados históricos" de 2019 evidencian a existencia dunha "maioría de progreso" á que só lle cómpre unha "mobilización masiva" para tornar ese "vento de cambio" nunha mudanza de cor política na Xunta, cre.

Gonzalo Caballero, intervindo ante o Comité Federal do PSOE, este 15 de febreiro © PSOE

Caballero: "Vox xa apareceu para dicir que está disposto a salvar ao soldado Feijóo"

A xuízo do líder e candidato do PSdeG, a carreira electoral vai estar marcada pola intención de Fejóo de "pasar de puntillas pola campaña e non dar conta dos seus 11 anos", máis dunha década na que "abandonou o medio rural" e tamén obviou o "escenario urbano" porque nel "non gaña". "Se hai unha ampla mobilización", reiterou ante a prensa en Madrid, "por moito que Feijóo utilice o poder da Xunta para proxectar a súa imaxe, abriremos unha etapa de progreso liderada polo PSdeG".

Por todo isto, e ante preguntas de medios estatais a respecto de Cataluña, Gonzalo Caballero di ter o convencemento de que "o que vai marcar o horizonte vai ser a axenda galega, e esa é a axenda do cambio". "O PSdeG ten proxecto para Galicia, candidaturas e equipos humanos" para aplicalo fronte a unha dereita na que, advirte, hai un elemento diferencial con relación a anteriores convocatorias: "Vox xa apareceu para dicir que está disposto para salvar ao soldado Feijóo" se precisase deles para completar a maioría.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.