O PSdeG-PSOE celebrou este sábado unha nova xornada do seu foro de ideas IdeaLab, centrado nesta ocasión nas mulleres e nas políticas de igualdade, baixo o título de 'Máis Muller, por unha Galicia en feminino'. En Santiago de Compostela o candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, estivo acompañado pola presidenta do PSOE, Cristina Narbona, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, as alcaldesas de A Coruña e Lugo, Inés Rey e Lara Méndez, e a coordinadora do laboratorio de ideas, Noelia Otero.
"O PP quere parecer moderado, ten pel de cordeiro en Galicia, pero dentro ten o mesmo lobo daqueles que loitan contra, en non a prol, do feminismo", alertou Caballero
No encontro Caballero foi moi crítico co Partido Popular e coas políticas desenvolvidas pola Xunta e realizou algúns anuncios de importancia. Entre eles, propuxo a creación dunha Consellería de Igualdade se chega á Presidencia da Xunta, un departamento que será "referencia", destacou.
Caballero subliñou o seu "compromiso" cunha "Galicia feminina e feminista" e asegurou que as políticas de igualdade “impregnarán todas as políticas da Xunta”, o que permitirá “avanzar” en cuestións que seguen pendentes e para impedir que haxa “pasos atrás”. "Preocúpanos especialmente que os avances que se fixeron no eido da igualdade están, agora mesmo, en risco", dixo. "Non podemos perder a loita. Hai que seguir avanzando porque queda moito por facer. Temos que estar alerta para que non haxa nin un paso atrás no compromiso coa igualdade", engadiu Caballero, que cargou contra o Partido Popular en varias ocasións.
"Rexeitamos os pactos con calquera forza que queira retroceder", afirmou, en referencia aos acordos entre PP e VOX. E alertou de que "o PP quere parecer moderado, ten pel de cordeiro en Galicia, pero dentro ten o mesmo lobo daqueles que loitan contra, en non a prol, do feminismo".
Coa vista posta no primeiro ano de goberno, Caballero anunciou a creación de fogares temporais para as mulleres vítimas de violencia machista nas sete cidades galegas, así como unha mellora dos recursos humanos dispoñibles nos centros de información á muller (CIM) e a extensión destes servizos a todas as bisbarras galegas.
"En tan só un mes e medio aprobáronse medidas que benefician enormemente á muller. A quen credes que beneficia máis a suba do SMI ou a suba das pensións?", dixo Narbona
No encontro, Cristina Narbona fixo referencia á xestión desenvolvida polo Goberno progresista de coalición presidido por Pedro Sánchez: "En tan só un mes e medio aprobáronse medidas que benefician enormemente á muller. A quen credes que beneficia máis a suba do SMI ou a suba das pensións?", dixo Narbona. A presidenta do PSOE quixo facer un especial recoñecemento ás "alcaldesas e concelleiras en lugares pequenos con grandes dificultades". "Sei que algunhas sodes as primeiras desempeñando ese cargo, pero o importante é que non sexades as últimas", dixo.
Tamén interviron Noelia Otero, Inés Rey, Lara Méndez ou Carmela Silva. Silva pediulles ás mulleres galegas que "non apoien a Feijóo". "Non cre na igualdade, demostrouno. Que ten feito Feijóo polas mulleres? Tirade de hemeroteca", dixo a presidenta da Deputación de Pontevedra.
Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña reivindicou "a todas as mulleres, todas, socialistas ou non, as que loitaron e traballaron para que hoxe esteamos aquí". "Fronte a esa dereita que non ten problemas en pactar cunha ultradereita que non cre nos dereitos das mulleres”, Inés Rey destacou o compromiso do PSOE na loita
pola igualdade.
Finalmente, a rexedora de Lugo afirmou que "a máxima expresión da desigualdade é a violencia". "Non podemos consentilo nin seguir perdendo a nais, irmás ou fillas", dixo. Méndez afirmou que a dereita "carece de compromiso coa igualdade", como evidenciou Feijóo cando “chegou a dicir que non se definía como feminista
porque descoñecía o alcance do concepto”.