Nas eleccións municipais celebradas o pasado 26 de maio o PSdeG-PSOE acadou un importante avance. Os socialistas non só gañaron uns 100.000 votos, practicamente igualando o resultado do Partido Popular, senón que se fixeron cunha vintena de novas alcaldías, algunhas tan sinaladas como A Coruña, Compostela e Ferrol. En consecuencia, dende esta fin de semana máis da metade dos e das galegas está gobernado por un alcalde ou alcaldesa socialista. Case un millón e medio de persoas, o 55% do total da poboación.
O PP goberna máis concellos que o PSdeG-PSOE, pero moita menos poboación
Aínda que o PP segue a gobernar en máis concellos que os socialistas (146 fronte a 111), a maior parte destas localidades son de pequeno tamaño. E, de feito, Arteixo é o lugar máis poboado que conta cun alcalde popular, mentres que Ribeira e Lalín son os seguntes concellos do PP en poboación. En total, as localidades gobernadas polo Partido Popular en Galicia non chegan aos 600.000 habitantes.
O BNG mantivo o seu poder municipal, gobernando directacmente en 28 concellos e entrando no executivo municipal de 14 localidades, á espera de que se formalicen outros gobernos de coalición. Algo menos de 300.000 galegos e galegas contan cun alcalde ou alcaldesa do Bloque. Pontevedra é, unha vez máis, o principal feudo dos nacionalistas.
O BNG mantivo o seu poder municipal, gobernando directamente en 28 concellos
Finalmente, 365.000 persoas viven en concellos gobernados por outras forzas políticas. Neste grupo, moi heteroxéneo, destaca a cidade de Ourense, que acabou finalmente nas mans de Democracia Ourensana. Narón, Oleiros, Cangas, Cambre, Sada, A Pobra do Caramiñal, Teo, Melide, Arzúa, Ribadumia, Salceda de Caselas, Sarria, Santa Comba ou Outes son algunhas destas localidades, que se achegan á trintena.
Dous concellos aínda non foron constituídos, por estar aínda pendentes da resolución de senllos recursos que poderían facer mudar a asignación de concelleiros: Monterroso e Burela. Semellan que en Burela, en calquera caso, a Alcaldía corresponderá ao PSdeG-PSOE. Mentres, en Monterroso, aínda está no aire a cor política do concello, en xogo entre o PSdeG e unha lista independente.