Novas sentenzas do TSXG censuran a "fraude de lei" de relacións laborais "inusualmente" longas que a administración pretendía dar por rematadas sen indemnización e que a xustiza converte en indefinidas
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) segue a condenar a precariedade laboral nas escolas infantís da Xunta. Hai uns días facía pública unha sentenza que obriga a readmitir como indefinida non fixa a unha educadora infantil á que despedira sen indemnización por suposto remate da súa última interinidade logo de sumar 67 contratos en 15 anos, unha "relación laboral inusualmente longa" en "fraude de lei". Unhas semanas antes outra condena censuraba o caso doutra traballadora que, pola contra, levaba dez anos co mesmo contrato de interina e á que se recoñece unha indemnización de 19.000 euros polo cesamento dese contrato ademais da posibilidade de reclamar outra indemnización por "danos e prexuízos por abuso da temporalidade".
Son sentenzas que ratifican as denuncias de precariedade laboral que veñen realizando desde hai anos familias e persoal tanto das escolas infantís da Axencia Galega de Servizos Sociais directamente dependente da Consellería de Política Social como nas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, conformado a medias polo Goberno galego e diversos concellos.
Hai dous anos Praza.gal xa revelara o caso dunha traballadora que acumulara 30 contratos en 8 anos en 12 concellos en escolas da Galiña Azul. E neste tempo son ducias as condenas similares que veñen emitindo tribunais galegos por casos nos que a administración despide traballadoras presentándoas como interinas sen dereito a indemnización malia levaren anos encadeando contratos. Ou casos nos que as propias traballadoras reclaman directamente e logran a regularización desa falsa interinidade e a súa conversión en postos indefinidos non fixos, figura na que o despedimento debe ser indemnizado en función do tempo traballado. E, en ocasións, abrindo a porta tamén a outra indemnización por abuso da temporalidade.
Nun dos casos a traballadora chegou a ter 16 interinidades no mesmo ano e outra interinidade que se estendeu catro anos
O último caso feito público polo TSXG é o dunha traballadora que desde 2011 encadeou sen apenas intervalos 67 contratos de interinidade, a gran maioría na mesma escola infantil. En 2015 e 2017 chegou a ter 16 contratos cada ano. Pola contra, tamén tivo unha interinidade que se estendeu catro anos, entre 2018 e 2022. O último dos contratos desenvolveuse entre setembro de 2022 e agosto de 2025, cando a Xunta lle comunicou que remataría a relación laboral ao chegar á duración máxima de tres anos desa interinidade.
A muller recorreu á xustiza e esta vén de establecer que non podía ser simplemente cesada como interina senón que a súa relación laboral xa debía considerarse indefinida e polo tanto despedida con indemnización como tal. A interinidade, di a sentenza, "foi en fraude de lei, polo que a relación laboral deveu indefinida non fixa e o despido improcedente". "Trátase dunha relación inusualmente longa na que nunca se convocou o correspondente proceso selectivo", censurou o TSXG, que condenou á Xunta á readmisión inmediata da traballadora como indefinida non fixa, a pagarlle o soldo desde que a despediu e, se quere volver a despedila, a pagarlle unha indemnización pola súa antigüidade.
Noutro caso a xustiza recoñeceu á suposta interina unha indemnización por fin de contrato como indefinida, abriu a porta a que pida tamén unha indemnización por danos e prexuízos e remitiu o caso a Inspección de Traballo
Unhas semanas antes o TSXG facía pública outra sentenza dun caso contrario na duración da interinidade pero igualmente revelador da precariedade e indefinición coa que traballa o persoal das escolas infantís. Neste caso a traballadora tivera un único contrato de interina durante dez anos, entre 2014 e 2024, por substitución doutra persoa que durante todo ese tempo non recuperara a súa praza. Esa persoa xubilouse e a Xunta cesou á interina, que reclamou unha indemnización. O posto foi funcionarizado e acabou ocupado pola mesma traballadora, pero o TSXG considera que iso non lle impide ter dereito a unha indemnización por despido do contrato anterior en función da súa antigüidade.
O tribunal considera que a interinidade xa se convertera nunha situación de indefinida non fixa e polo tanto a muller ten dereito a esa indemnización, que cifra en 19.000 euros. Pero vai máis alá e engade que "procede remitir testemuña desta sentenza á Inspección de Traballo e da Seguridade Social" e mesmo que a muller tería dereito "a reclamar nun proceso aparte o abono dunha indemnización compensatoria de danos e prexuízos por abuso da temporalidade".
E como estas son moitas máis as sentenzas do TSXG que ratifican ou corrixen sentenzas previas de xulgados inferiores do Social en beneficio de traballadoras de escolas infantís. En xuño outra condena facía igualmente indefinida non fixa a unha traballadora que acumulara 17 contratos de interina entre 2015 e 2017 para despois manterse cunha mesma interinidade desde 2017 mentres non se cubrise o posto polos procedementos legalmente previstos. Nese caso, sen cesamento nin despedimento polo medio, foi a traballadora a que reclamou da xustiza a regularización da súa relación laboral e o TSXG avalou que a muller xa non pode ser considerada interina senón indefinida non fixa.
Uns meses antes facía o mesmo outra traballadora nunha situación similar, con 20 contratos entre 2016 e 2020 e unha interinidade prolongada desde 2020 que o TSXG tamén declarou fraudulenta, pasando a considerar a relación laboral como indefinida non fixa, dándolle novamente máis dereitos dos que a administración vén recoñecendo a ducias de traballadoras por toda Galicia.