O TSXG obriga a Medio Rural a facer indefinido un bombeiro forestal que levaba desde 1994 como interino

Bombeiros forestais da Xunta, actuando nun incendio forestal en 2022, nunha imaxe incluída no Pladiga 2023 CC-BY-SA Xunta
Publicidade
Publicidade

A Xunta teimou en que o tempo transcorrido sen cubrir a praza regulamentariamente non foi "excesivo nin inusualmente longo", pero o Tribunal Superior salienta que durou moito máis dos tres anos que vén fixando en multitude de sentenzas similares

A Xunta, como outras administracións, vén recibindo sucesivas condenas desde que en 2021 o Tribunal de Xustiza da Unión Europea e o Tribunal Supremo fixaron en 3 anos o prazo máximo para que un interino ocupe unha praza sen que as administracións a cubran cun proceso de selección. Neses casos interinos de longa duración están logrando que a xustiza os recoñeza como persoal laboral indefinido da administración polo excesivo período no que permaneceron nesa situación. 

Pero agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza cun tempo de duración da interinidade difícil de atopar noutras resolucións similares emitidas en Galicia: desde 1994. Fontes sindicais confirman o extraordinario desa antigüidade como interino.

Bombeiros forestais da Xunta traballando na extinción do lume en Folgoso do Courel o pasado ano © Concello de Folgoso do Courel

A sentenza agora emitida polo TSXG refírese a un bombeiro forestal que presta servizos para a Consellería de Medio Rural desde 1994 nun posto fixo descontinuo. Unha relación laboral iniciada "mediante un contrato de interinidade por vacante para cubrir temporalmente o posto de traballo ata a súa cobertura regulamentaria, ou que se reconverta ou amortice o posto polos procedementos legalmente previstos". Pero nada diso sucedeu en preto de tres décadas. 

Publicidade
Publicidade

O bombeiro forestal recorreu á xustiza e en 2021 un xulgado do Social deulle a razón e declarou que a súa relación laboral coa Xunta debía ser indefinida non fixa. Pero a Xunta recorreu ante o TSXG, que é o que agora vén de pronunciarse ratificando a sentenza anterior. 

Sentenza do TSXG que condena a Xunta por ter un bombeiro forestal como interino desde 1994 CC-BY-SA Praza Pública

Un xulgado do Social xa dera a razón ao bombeiro hai dous anos, pero a Xunta recorreu insistindo en que o tempo de duración da súa interinidade non era "excesivo ou abusivo nin inusualmente longo".

No seu recurso o Goberno galego alegou que o prazo de tres anos fixado como límite para cubrir regulamentariamente prazas ocupadas por interinos "non pode operar de modo automático" e hai que analizar "as circunstancias específicas de cada suposto". E neste caso a Xunta considera que o tribunal do Social que dera a razón ao bombeiro aplicara de forma "automática" o prazo mentres que, ao seu ver, "o transcurso do tempo no desempeño do posto vacante non pode reputarse no presente caso como excesivo ou abusivo nin inusualmente longo".

Publicidade
Publicidade

Pero a visión do TSXG é outra, coincidente coa do xulgado do Social. Para o Tribunal Superior neste caso "a contratación temporal de interinidade durou moito máis de tres anos, sen que pola Administración recorrente se adoptasen medidas para a convocatoria do proceso selectivo". Unha demora que o TSXG considera que tampouco se pode amparar nas "restricións orzamentarias" que as administracións aduciron durante a crise para non cubrir adecuadamente todos os seus postos de traballo.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na Coruña © TSXG

Así que o TSXG di que o caso "encaixa no concepto indeterminado de 'inusualmente longo' como en multitude de ocasións declarou esta sala en presenza de escenarios temporais similares". Só que desta volta a orixe remóntase a 1994.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.