O alto tribunal establece que o persoal temporal de loita contra os incendios forestais tamén tiña dereito a pasar a segunda actividade por idade como os traballadores fixos, situación que o Goberno galego non mudou ata hai dous anos
“A penosidade e perigosidade da extinción de incendios con máis de 60 anos é a mesma con independencia de se o contrato de traballo é de duración indefinida ou temporal, polo que non debe excluírse o acceso a segunda actividade dos traballadores temporais e indefinidos non fixos”. Así vén de ratificar o Tribunal Supremo que a Xunta discriminou durante anos a bombeiros forestais con contratos temporais ou indefinidos non fixos ao obrigalos a seguir en primeira liña da extinción de incendios a partir dos 60 anos en vez de permitirlles pasar a unha segunda actividade desligada do traballo directo fronte ao lume como permitía aos bombeiros con contratos fixos.
“A penosidade e perigosidade da extinción de incendios con máis de 60 anos é a mesma con independencia de se o contrato de traballo é indefinido ou temporal", di o Supremo
Foi o sindicato CSIF quen presentou unha demanda pola discriminación dos bombeiros forestais con contratos temporais fronte aos traballadores fixos que foi acollida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) hai dous anos, en xaneiro de 2019, por considerar que tamén tiñan dereito a que se lles concedese a partir dos 60 anos o acceso á segunda actividade, entendida esta como “a realización de tarefas preventivas e/ou de apoio loxístico ao servizo [de loita contra o lume] sen que iso comporte unha vinculación directa ás labores de extinción de incendios”.
Neste tempo a Xunta acabou corrixindo e comezou a abrir procedementos para facilitar aos bombeiros forestais temporais que tamén puidesen acceder á segunda actividade, pero recorreu igualmente a sentenza do TSXG ante o Supremo, que agora a ratifica e desbota os argumentos do Goberno galego.
O alto tribunal rexeita que igualar o acceso á segunda actividade desnaturalice o contrato temporal, como argumentaba a Xunta: "non pasan a ser traballadores fixos"
No seu recurso a Xunta argumentou que permitir o acceso á segunda actividade dos traballadores temporais e indefinidos non fixos -contratados ano tras ano nos meses de maior actividade incendiaria e despedidos cando esta se reduce- “é imposible so pena de modificar os seus vínculos xurídicos, coa perda da xustificación de ditas contratacións”, segundo recolle a sentenza do Supremo. Porén, o alto tribunal rexéitao e di que permitir que ese persoal maior de 60 anos pase a segunda actividade “non supón a desnaturalización da súa relación laboral: non pasan a ser traballadores fixos desa Administración” e engade que “o feito de que o traballador interino, por razón da súa idade, acceda á segunda actividade, nin desnaturaliza a súa relación laboral nin altera a súa duración. O seu contrato extinguirase pola reincorporación do titular ou a cobertura regulamentaria da praza. As mesmas consideración poden predicarse dos traballadores indefinidos non fixos”.
Pero máis alá da relación contractual, o Supremo pon o foco nas circunstancias en que se desenvolve o traballo dos bombeiros. “O acceso a segunda actividade é unha condición de traballo” e “trátase dunha cuestión que afecta á prevención de riscos laborais”, di o tribunal. “A penosidade e perigosidade da extinción de incendios con máis de 60 anos é a mesma”, sentenza.
CSIF denuncia que agora o PP intenta limitar o alcance da resolución xudicial cunha emenda á lei de acompañamento da Xunta que restrinxiría o acceso á segunda actividade aos bombeiros forestais que teñan máis de 25 anos de servizo
A sentenza do Tribunal Supremo ten data do 3 de decembro pero non foi feita pública e localizada por esta diario nin facilitada ao sindicato denunciante, CSIF, ata a pasada semana. Polo medio, o 21 de decembro o grupo parlamentario do PP presentou unha emenda á lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta para este ano pola que quere modificar a Lei de Emprego Público de Galicia e fixar nela as condicións de acceso á segunda actividade dos bombeiros forestais. O texto contempla que, ao igual que ocorría ata agora cos axentes medioambientais e os axentes forestais, os bombeiros forestais poderán pasar a segunda actividade a partir dos 60 anos se teñen “desempeñado 25 anos de servizo” na súa escala ou especialidade, algo que o CSIF considera que “restrinxe o acceso” á segunda actividade. Unha mudanza que o sindicato interpreta como un intento de limitar por outra vía o alcance das resolucións xudiciais.
O sindicato critica que a modificación da Lei de Emprego Público a través da emenda do PP á lei de acompañamento dos orzamentos “non foi comunicada nin negociada” e que “andan ás agachadas e ocultando a letra pequena” dun proceso de funcionarización do persoal laboral ao que afectaría a modificación que irá “a cegas a un proceso cuxas consecuencias, como se pode ver, non están claras”.