O TSXG advirte da "fraude" que comete a Xunta co persoal interino de longa duración

Vista do edificio central de San Caetano tras a restauración do complexo da sede central da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) déixao claro. A Xunta incorre en fraude coas súas traballadoras e traballadores interinos de longa duración. A Sala do Social aclarouno nunha sentenza na que advirte que debe considerarse "fraudulenta" a situación na que un empregado público mantén durante demasiado tempo a condición de interino por non convocarse as prazas. 

O TSXG advirte da "fraudulenta" a situación dun empregado público que mantén durante demasiado tempo a condición de interino por non convocarse as prazas

O alto tribunal sinala que existe fraude no caso de que un empregado público nomeado sobre a base dunha relación de servizo de duración determinada --ata que a praza vacante sexa provista de forma definitiva-- ocupe, “no marco de varios nomeamentos ou durante un período inxustificadamente longo, o mesmo posto de traballo de modo ininterrompido durante varios anos”. E que o faga desempeñando “de forma constante e continuada as mesmas funcións”, a condición de que o mantemento de modo permanente dese empregado público nesa praza vacante se deba “ao incumprimento por parte do empregador da súa obriga legal de organizar un proceso selectivo ao obxecto de prover definitivamente a praza vacante”.

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) © Google

Ademais, os maxistrados do TSXG lembran o criterio sostido “por unha consolidada liña xurisprudencial” que considera, en aplicación do Estatuto Básico do Empregado Público e do Real Decreto 2720/1998, que a relación laboral do traballador interino por vacante devén indefinida “cando se supera o límite temporal máximo de tres anos para a súa cobertura desde que a mesma quedou deserta”. 

Aínda que o TSXG advirte de que o Tribunal Supremo matizou esa liña xurisprudencial en canto a que o prazo de tres anos “non se pode entender, en xeral, como unha garantía inamobible, pois a conduta da entidade empregadora pode abocar a que antes de que transcorra devandito prazo se tivese desnaturalizado o carácter temporal do contrato de interinidade, coas consecuencias que cada situación poida comportar”, polo que o alto tribunal asegura que “o prazo de tres anos non pode operar de modo automático”.

O alto tribunal dá a razón a un legoeiro que traballa como interino para a Xunta desde 2001: "É excesivo, unha fraude no uso da figura contractual elixida"

“Isto significa que son as circunstancias específicas de cada suposto as que han de levar a unha concreta conclusión”, indica o TSXG. Así, os maxistrados, aluden ao caso particular desta última sentanza, o dunha persoa que ocupa unha praza de legoeiro para a Xunta desde xuño de 2001 baixo a modalidade de interinidade por vacante. Advirten que o prazo, vinte anos de interinidade, é “de xeito evidente, excesivo” e revela “unha fraude no uso da figura contractual elixida”. 

"A Xunta tivo tempo dabondo"

Os maxistrados destacan que “desde 2001 e ata 2012, non estaría vixente a suspensión da contratación pública”, polo que conclúen que a Xunta “tivo tempo suficiente para prover o devandito posto, co que a relación laboral do demandante deveu indefinido non fixo”.

“O actor converteu o seu contrato nun indefinido non fixo, pois, por unha banda, temporalmente trátase dun tempo excesivo -como o que fala o Tribunal de Xustiza da Unión Europea- e, por outra banda, parece concorrer a fraude, desde o momento no que non houbo nestes vinte anos nin un só intento de convocar a praza”, recalca o alto tribunal galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.