Un xulgado reprocha a Medio Rural a súa falta de explicacións e fai fixa unha traballadora que superou un proceso selectivo, non logrou puntuación para obter unha praza e acabou contratada de forma temporal 16 anos para un posto similar
O Xulgado do Social número 2 de Lugo vén de emitir unha sentenza na que condena á Consellería de Medio Rural a declarar persoal laboral fixo con antigüidade desde 2006 a unha traballadora que viña prestando servizo desde aquela no dispositivo de loita contra o lume con sucesivos contratos temporais descontinuos. A muller, defendida na causa xudicial por CC.OO., superou un proceso selectivo convocado en 2002 pero non logrou a puntuación suficiente para obter unha praza. Porén, despois foi contratada durante 16 anos con contratos temporais para un posto similar que non fora incluído naquel proceso selectivo malia que o xulgado salienta que xa estaba vacante.
Na súa sentenza a xuíza reprocha á Xunta a súa falta de explicacións sobre varias cuestións que se debatían no xuízo e en particular di non comprender “o motivo polo que Medio Rural non oferta todas as prazas vacantes no momento da convocatoria e acuda de forma abusiva á contratación fraudulenta”.
Segundo o relato dos feitos da sentenza, a muller participou nun proceso selectivo de persoal para o dispositivo de loita contra o lume convocado en 2002. No exame tipo test cun máximo de 20 puntos posibles obtivo a totalidade dos 20 puntos, pero no global do proceso non obtivo praza porque outras persoas quedaron por diante con máis puntuación obtida noutras probas do concurso oposición. Porén, acabou prestando servizos igualmente para a consellería desde 2006 con sucesivos contratos temporais e traballou todos os anos desde aquela en similares períodos entre xullo e outubro.
Malia que llo requiriu, a Xunta non achegou ao xulgado documentación sobre os resultados da muller no resto do proceso selectivo (proba de idiomas ou concurso de méritos), polo que a xuíza dá por feito “que a traballadora si superou o proceso selectivo”, que considera que cumpriu coas esixencias de igualdade, mérito e capacidade requiridas pola lexislación “posto que se trata dun proceso selectivo para a cobertura de prazas vacantes coa condición de persoal laboral fixo”.
“Non se comprende cal é o motivo polo que a entidade demandada non oferta na oferta pública de emprego todas as prazas vacantes no momento da convocatoria e acuda de forma abusiva á contratación fraudulenta para a cobertura de dita praza de forma continuada”, di a sentenza
A xuíza tamén constata que “non se acreditou” por Medio Rural “os motivos polos que o posto ocupado” finalmente pola traballadora “non foi ofertado” en 2002. “O que non pode admitirse é que un traballador que superou un proceso selectivo estea ocupando unha praza de forma ininterrompida en virtude dun contrato temporal cando dita praza estaba vacante no momento da celebración do proceso e debera ofertarse”, di a sentenza, que engade que “non se comprende cal é o motivo polo que a entidade demandada non oferta na oferta pública de emprego todas as prazas vacantes no momento da convocatoria e acuda de forma abusiva á contratación fraudulenta para a cobertura de dita praza de forma continuada”.
Por outra banda, a muller xa obtivera previamente unha sentenza que declarara improcedente un despido que lle comunicara a Xunta en outubro de 2011, ao rematar a campaña daquel ano. Medio Rural tivera que readmitila como traballadora indefinida descontinua e agora, na nova causa, a Xunta tentou argumentar que a nova reclamación da muller era cousa xa xulgada. Porén, a xuíza rexéitao e salienta que na causa anterior só se pretendía a declaración do despido como improcedente, mentres que no actual proceso “a acción exercitada é distinta”.
Así, a sentenza conclúe declarando que a traballadora “ostenta a condición de persoal laboral fixo” de Medio Rural desde 2006 “posto que superou un proceso selectivo para a cobertura de prazas vacantes do grupo V do persoal laboral fixo da Xunta de Galicia e ocupou durante dezaseis anos a mesma praza”.
Desde CC.OO. congratúlanse pola resolución xudicial, da que din que "acolle o criterio fixado polo Tribunal Supremo, sancionando as Administracións incumpridoras decretando a fixeza da relación laboral naqueles supostos, coma neste caso, en que o traballador ou traballadora temporal superou un proceso selectivo e queda acreditado o abuso na contratación temporal".