O TSXG salienta “o dano moral” que a Consellería de Medio Rural provocou a unha empregada á que botou cun “despedimento ilegal” e “vulnerando” unha declaración xudicial previa que a fixera indefinida
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza emitida o pasado setembro na que condena á Consellería de Medio Rural a readmitir e indemnizar por danos morais a unha traballadora á que despediu como represalia por reclamar os seus dereitos laborais ante a xustiza. A empregada gañou un preito no que reclamaba ser considerada traballadora indefinida a tempo completo e a Xunta despediuna como se fose traballadora temporal.
A sentenza que agora obriga á Xunta a readmitila e indemnizala sinala que “o dano moral se lle produciu de forma real e efectiva á demandante, vulnerando a declaración xudicial previa, que a consideraba como unha traballadora indefinida a tempo completo, e iso deparoulle unha situación de desemprego non querida, e tras un despedimento ilegal”. É unha máis das sucesivas sentenzas que vén recibindo a Xunta por represalias contra persoal que reclama os seus dereitos.
A traballadora, contratada inicialmente a tempo parcial para complementar a redución de xornada dun traballador en prexubilación ata a súa retirada definitiva, conseguiu nun proceso xudicial previo que un xulgado do Social a recoñecese como indefinida non fixa a tempo completo. A Xunta recorreu esa sentenza sen éxito ante o TSXG e, ao tempo, despediu á traballadora como se fose temporal, e esta presentou unha nova demanda por ese despedimento.
Nunha primeira sentenza un xulgado do Social considerou que o despedimento nin era correcto, como defendía a Xunta, nin era nulo, como argumentaba a traballadora, senón improcedente, polo que condenou á Xunta a indemnizar á traballadora pola súa antigüidade como corresponde a todo despedimento improcedente. As dúas partes recorreron e agora o TSXG resolve considerando non só nulo o despedimento senón tamén que se produciu como represalia polo proceso xudicial previo co que a traballadora lograra ser considerada indefinida e non temporal.
O Tribunal Superior salienta “a proximidade entre a data da demanda e posterior sentenza e a da comunicación de despido”, ao que “hai que engadir que a sentenza declara a relación laboral indefinida e a tempo completo”, polo que “non cabía a súa extinción como se dun contrato laboral se tratase”. “De iso hai que concluír a existencia dun indicio fundado de vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva, na vertente de garantía de indemnidade”, di o TSXG, en referencia á figura que impide ao empregador tomar represalias contra un empregado que reclama dereitos laborais.
A sentenza sinala que no proceso xudicial a Xunta “non achegou xustificación razoable e obxectiva algunha" da súa actuación
O tribunal salienta que “unha vez xustificada a concorrencia de indicios de que se produciu a violación do dereito fundamental, corresponderá ao demandado a achega dunha xustificación obxectiva e razoable das medidas adoptadas e da súa proporcionalidade”, e engade que “a demandada”, neste caso a Xunta, “non achegou xustificación razoable e obxectiva algunha de proceder ao cese” da traballadora “pese á existencia dunha sentenza de data anterior que declara a relación laboral indefinida e a tempo completo (a cal foi posteriormente confirmada por sentenza desta sala)”.
Tras esa argumentación, o TSXG non só obriga á Xunta a readmitir á traballadora “ao seu posto de traballo nas mesmas condicións que existían con anterioridade ao despedimento” senón tamén a indemnizala por danos morais e pagar os custos do seu avogado. “O dano moral se lle produciu de forma real e efectiva á demandante, vulnerando a declaración xudicial previa, que a consideraba como unha traballadora indefinida a tempo completo, e iso deparoulle unha situación de desemprego non querida, e tras un despedimento ilegal”, di a sentenza.
Esta nova sentenza ratificada polo TSXG é unha máis das numerosas vén recibindo a Xunta sobre o seu xeito de xestionar o persoal público, en particular por vulnerar o que se denomina “garantía de indemnidade”
Esta nova sentenza ratificada polo TSXG é unha máis das numerosas que vén recibindo a Xunta sobre o seu xeito de xestionar o persoal público, en particular por vulnerar o que se denomina “garantía de indemnidade”, que prohibe as represalias contra os traballadores por reclamar os seus dereitos. Hai uns meses unha traballadora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) xa vira como o TSXG consideraba que fora despedida como represalia por reclamar os seus dereitos e declaraba nulo o seu cesamento condenando igualmente á Xunta a indemnizala por “danos e prexuízos”. Naquel caso a Xunta mesmo a advertira de que sería cesada se reclamaba os seus dereitos.
Hai dous anos o mesmo TSXG xa condenara á Xunta por despedir unha interina despois de que esta reclamase un plus de perigosidade. Naquela sentenza o tribunal mesmo chegou a cualificar de “irrisoria” a argumentación empregada pola Xunta de que non podía aclarar os motivos do despedimento amparándose na protección de datos, polo que a sentenza concluíu que realmente fora despedida como "represalia por exercitar os seus dereitos".