O TSXG di que o Goberno galego vulnerou os dereitos fundamentais e desbota o seu argumento de que a sentenza favorable ao empregado aínda non era firme cando o botou
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar á Xunta por vulnerar os dereitos fundamentais dun traballador da Axencia Galega de Servizos Sociais ao que despediu despois de que este lle gañase previamente outro xuízo. En concreto, a sentenza considera vulnerada a garantía de indemnidade, que protexe aos traballadores que denuncian irregularidades nas súas situacións laborais de posibles represalias por parte dos seus empregadores. Neste caso, o TSXG desbota o argumento empregado pola Xunta de que a sentenza favorable que obtivera o empregado non era firme cando o botou.
O empregado público tiña un contrato de substitución pola xubilación parcial doutra persoa pero denunciou a súa situación e un xulgado do social deulle razón e declarouno indefinido non fixo. Catro meses despois desa sentenza, na data en que finalizaría o contrato de substitución e tras máis de tres anos no posto, o traballador foi despedido e un xulgado do social declarouno improcedente, permitindo á administración que elixise entre readmitilo ou indemnizalo como despido improcedente. Tanto a Xunta como o traballador recorreron esa sentenza, e agora o TSXG dálle a razón ao empregado e en lugar de despido improcedente considérao nulo porque o relaciona co xuízo previo que lle gañara á Xunta, que terá que readmitilo e á vez indemnizalo.
“Non nos atopamos ante o caso dunha mera reclamación ou demanda xudicial, senón que existía xa, pouco antes da finalización do contrato temporal, unha sentenza que, aínda que daquela non era firme, declarara o carácter indefinido non fixo da relación laboral”, di o TSXG, que salienta que posteriormente el mesmo tamén declarara firme aquela primeira sentenza.
No segundo proceso a Xunta argumentou que o TSXG non debera admitir a trámite o recurso do empregado que reclamaba que o despido fose considerado nulo por vulneración de dereitos fundamentais e non só despido improcedente ata que a primeira sentenza se declarase firme. Pero o tribunal rexeita esa visión da Xunta porque “supón tanto como deixar á libre decisión da parte empregadora -á decisión de se recorre ou non esa previa sentenza- que o despido sexa ou non nulo por vulneración da garantía de indemnidade”.
O TSXG converte así o despido improcedente, no que a Xunta podía elixir entre a readmisión do empregado ou indemnizalo, en despido nulo e condena á Xunta “á inmediata readmisión do traballador, con abono dos salarios deixados de percibir”. E, a maiores, engade que “existindo unha vulneración do dereito fundamental do artigo 24 da Constitución, na súa vertente de garantía de indemnidade, procede conceder á parte unha indemnización polos danos e prexuízos sufridos”.
Esta nova sentenza ratificada polo TSXG é unha máis das numerosas que vén recibindo a Xunta sobre o seu xeito de xestionar o persoal público, en particular polas represalias contra empregados que reclaman dereitos
Esta nova sentenza ratificada polo TSXG é unha máis das numerosas vén recibindo a Xunta sobre o seu xeito de xestionar o persoal público, en particular por vulnerar a “garantía de indemnidade”, que prohibe as represalias contra os traballadores por reclamar os seus dereitos. Hai uns meses a empresa pública Seaga foi condenada por despedir un traballador despois de que denunciase cesión ilegal á administración por parte das empresas de traballo temporal polas que fora contratado. Previamente unha traballadora non só viu como o TSXG consideraba que fora despedida como represalia por reclamar os seus dereitos e declaraba nulo o seu cesamento senón que mesmo condenaba á Xunta a indemnizala por “danos e prexuízos”.
Hai algo máis dun ano o mesmo TSXG xa condenara á Xunta por despedir unha interina despois de que esta reclamase un plus de perigosidade. Naquela sentenza o tribunal mesmo chegou a cualificar de “irrisoria” a argumentación empregada pola Xunta de que non podía aclarar os motivos do despedimento amparándose na protección de datos, polo que a sentenza concluíu que realmente fora despedida como "represalia por exercitar os seus dereitos".