A empresa pública Seaga debe readmitir un traballador ao que cesou tras denunciar cesión ilegal por parte das empresas de traballo temporal polas que fora contratado para xestionar o persoal das brigadas contra incendios
A empresa pública Seaga, propiedade da Xunta adscrita á Consellería de Medio Rural e á que esta encarga entre outras tarefas a contratación de persoal temporal das brigadas de loita contra incendios, vén de ser condenada a readmitir a un traballador que xestionaba eses recursos humanos malia estar contratado sucesivamente ao longo de varios anos por empresas de traballo temporal (ETT). Cando o traballador denunciou a súa cesión ilegal reclamando ser persoal indefinido da propia Seaga foi despedido nunha actuación que agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considera “unha máis que evidente represalia”.
O Consello de Contas xa advertira de que empresas públicas como Seaga ou Tragsa subcontratan sen control a metade do que lles encarga a Xunta e que o Goberno galego non supervisa esas actuacións nin xustifica que sexa máis barato encargarlles eses traballos que facelos directamente desde a estrutura da propia administración.
A sentenza agora feita pública polo TSXG avala integramente outra previa emitida por un xulgado do social de Santiago. Segundo o relato dos feitos, o traballador “prestou servizos para Seaga en períodos interrompidos desde marzo de 2008” a través de sucesivos contratos con empresas de traballo temporal. En Seaga encargábase, entre outras cuestións, de tarefas administrativas relacionadas coa xestión do persoal que a empresa pública contrata para campañas temporais como as de loita contra o lume, para o que tiña acceso aos programas informáticos de xestión de persoal da Xunta, atendía instrucións da administración e mesmo constan “dúas saídas á sede da Seguridade Social co vehículo da empresa Seaga”. Isto é, un traballador temporal contratado a través dunha ETT que prestaba servizo para unha empresa pública xestionaba realmente para a Xunta o persoal tamén temporal de loita contra o lume.
En 2019 o traballador reclamou ter a condición de persoal indefinido da propia Seaga por cesión ilegal por parte das empresas de traballo de temporal. Celebrouse un acto de conciliación sen acordo entre as dúas partes e oito días despois a empresa pública comunicou á ETT e ao propio traballador o seu cesamento.
A empresa pública argumentou que o traballador foi despedido ao rematar a campaña de traballo para a que o contratara ese ano a través dunha ETT, pero a xustiza salienta que facía "outras moitas tarefas que se enmarcan dentro da área de xestión laboral" de Seaga
A empresa pública argumentou no proceso xudicial que o cesamento non foi consecuencia da denuncia do traballador senón que xa chegara ao seu remate a campaña de reforzo nas tarefas administrativas de xestión das listas de contratación de persoal para as brigadas de incendios para a que fora contratado. Porén, o TSXG négao e di que “o traballo que veu desempeñando non consistiu só no labor de actualización das indicadas listas, senón noutras moitas tarefas que se enmarcan dentro da área de xestión laboral da empresa Seaga, polo que a finalización da actualización de listas previas de contratados temporais non é máis que unha escusa para encubrir o cese do traballador, e o que subxace no fondo é unha clara represalia pola reclamación do demandante”.
“A proximidade temporal entre a reclamación por cesión ilegal de man de obra e o despido do traballador en base a unha suposta finalización do contrato de obra evidencian que a extinción do seu contrato respondeu a unha indebida reacción do empresario fronte ao exercicio lexítimo do dereito á acción xudicial [por parte do traballador] que consagra o artigo 24 da Constitución Española”, conclúe a sentenza, que confirma “a nulidade do cesamento” do traballador.
Esta nova sentenza ratificada polo TSXG é unha máis das numerosas vén recibindo a Xunta sobre o seu xeito de xestionar o persoal público, en particular por vulnerar o que se denomina “garantía de indemnidade”
Esta nova sentenza ratificada polo TSXG é unha máis das numerosas vén recibindo a Xunta sobre o seu xeito de xestionar o persoal público, en particular por vulnerar o que se denomina “garantía de indemnidade”, que prohibe as represalias contra os traballadores por reclamar os seus dereitos. Hai uns meses unha traballadora non só viu como o TSXG consideraba que fora despedida como represalia por reclamar os seus dereitos e declaraba nulo o seu cesamento senón que mesmo condenaba á Xunta a indemnizala por “danos e prexuízos”.
Hai algo máis dun ano o mesmo TSXG xa condenara á Xunta por despedir unha interina despois de que esta reclamase un plus de perigosidade. Naquela sentenza o tribunal mesmo chegou a cualificar de “irrisoria” a argumentación empregada pola Xunta de que non podía aclarar os motivos do despedimento amparándose na protección de datos, polo que a sentenza concluíu que realmente fora despedida como "represalia por exercitar os seus dereitos".