O persoal fixo descontinuo ao que Medio Rural recorre durante medio ano é un terzo do total que chega a ter activo na época de risco alto, e a el hai que engadir outro medio milleiro que só traballa nove meses
984 persoas con contrato fixo descontinuo por seis meses ao ano volven incorporarse este luns ao dispositivo de prevención e loita contra os incendios forestais da Consellería do Medio Rural. Se non hai vagas tardías de incendios xa entrado o outono estarán activas ata o 9 de novembro, cando a Xunta volverá prescindir delas.
Boa parte do persoal fixo-descontinuo da loita contra o lume só traballaba tres meses ao ano ata que a vaga de incendios de outubro de 2017 obrigou á Xunta a volver a chamalo cando xa prescindira del. Desde aquel ano a Xunta foi aumentando progresivamente o seu período de contratación ata chegar aos seis meses ao ano que xa estivo en activo en 2020 e que agora se repiten.
Este domingo, ao publicitar a súa nova reincorporación ao servizo, o Goberno galego salientou que a súa presenza “suporá un importante pulo para a execución, antes do comezo do período de alto risco, dos traballos recollidos no Plan preventivo”.
Despois de que na vaga de incendios de outubro de 2017 a Xunta se vise obrigada a volver a chamar a brigadistas dos que xa prescindira, desde aquel ano foi progresivamente aumentando de tres meses ata os actuais seis os contratos fixos descontinuos
Á espera de que se faga pública a actualización para este 2021 do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, o do pasado ano contemplou, en liña cos dos anos anteriores, que no período de risco alto de incendios houbese activas no país un total dunhas 5.800 persoas entre todas as administracións implicadas na loita contra o lume (Xunta, concellos e Estado). Delas unhas 3.000 corresponden á Xunta, das que preto de 1.400 están activas todo o ano, unhas 600 teñen contrato fixo descontinuo de nove meses ao ano e outro milleiro son as que teñen o mesmo tipo de contrato pero só por seis meses, que son as que agora se reincorporan.