Os gobernos de Feijóo, malia a maioría absoluta, non foron quen de aprobar medidas que prometeron pero ao tempo modificaron sucesivamente normas impulsadas previamente por eles mesmos
Hai catro anos, cinco días antes das eleccións que Feijóo gañou por terceira vez, a daquela senadora e agora deputada Paula Prado alertaba nun mitin en Santiago de que “a proposta que teñen as mareas de Podemos para o rural é expropiar as fincas que non se traballen”. A ameaza das expropiacións xa fora lanzada en mitins do PP nos últimos días da campaña de 2009, nos que apareceron panfletos asegurando que “PSOE e BNG queren quedar coas túas terras”. Porén, nestes once anos na Xunta o propio Feijóo non tivo problemas para publicitar en persoa as expropiacións como medida legal de actuación da administración en todo tipo de ámbitos, ampliando esa posibilidade a máis supostos en novas leis de rehabilitación de inmobles urbanos, loita contra os incendios forestais, estrutura agraria ou a denominada lei de iniciativas empresariais. O feito de criticar as expropiacións para despois aumentalas, e mesmo apropiarse de terreos privados de xeito ilegal prescindindo dos trámites necesarios, como vén sentenciar a xustiza na Autovía do Morrazo, non impide a Feijóo gabar de xeito recorrente as súas políticas e o seu Goberno como “fiables” e “estables”.
Nos dous únicos anos en que, obrigado por unha lei estatal, Feijóo fixo públicas as previsións de leis que quería impulsar, só foi quen de aprobar no primeiro 5 das 11 prometidas e no segundo unha das 12 anunciadas
Feijóo impulsou as expropiacións tras meter medo con que puidese facelas a esquerda, pero pola contra non foi quen de aprobar boa parte das medidas que prometeu. Malia contar con maioría absoluta, dos dous únicos anos en que, obrigado por unha lei estatal, fixo públicas as previsións de leis que quería impulsar o seu Goberno, en 2017 e 2018, no primeiro exercicio só foi quen de aprobar 5 das 11 prometidas, mentres que no segundo só sacou adiante unha das 12 anunciadas, e aínda lle quedaron pendentes cinco do ano anterior. Tras ese fracaso, admitido por el mesmo, e amparándose nunha sentenza do Tribunal Constitucional que deixou de facer obrigatorio anunciar as leis previstas -pero non impediu que voluntariamente se seguise a facer- Feijóo xa non volveu avanzar as previsións que non fora quen de cumprir.
Sacar Ence da ría de Pontevedra, cambiar os mobles do seu despacho, facer o AVE a Lugo ou construír unha vintena de barcos para Pemex son algunhas das promesas concretas non cumpridas
Ademais das leis que el mesmo prometera, nestes once anos Feijóo non foi quen de cumprir outras moitas promesas, que non aparecen por ningures no Diario Oficial de Galicia (DOG). El mesmo presentou o 24 de xaneiro de 2009, dous meses antes da súa primeira vitoria electoral, a saída da factoría de Ence da ría de Pontevedra como unha “decisión persoal” que novamente volveu incluír no seu programa electoral de 2012. Pero xusto antes das municipais de 2015 o propio presidente renunciaba á súa promesa argumentando que non había outro sitio no que instalar a fábrica, como el se comprometera a atopar, e asegurando que propoñer o traslado era “ambigüidade e demagoxia”.
Aquel comezo de 2009 foi prolífico en promesas incumpridas de Feijóo. En plena polémica pola remodelación de diversos espazos da sede central da Xunta en San Caetano por parte do bipartito, Feijóo prometeu que desfaría o feito: “Eses mobles que insultan a dignidade dos cidadáns, sairán dos despachos da Administración”, dixo o 27 de febreiro daquel ano. Once anos despois os mobles seguen a ser os mesmos.
Tamén en 2009, o 10 de xaneiro, o candidato Feijóo aseguraba que a Xunta construiría o AVE entre Ourense e Lugo se non o facía o Goberno central e despois pasaría “a factura a Fomento”. Once anos despois Lugo aínda non ten AVE -tanto o anterior Goberno central do PP como o actual do PSOE traballan na mellora da liña actual-. Outra infraestrutura que non foi quen de acometer por completo a Xunta nestes once anos é a Autovía da Costa da Morte, proxecto prometido polo Feijóo conselleiro tras o afundimento do Prestige que ía ter 40 quilómetros pero no que o Goberno galego perdoou á adxudicaría a construción dos últimos 15. O pasado febreiro, ás portas dunhas novas eleccións, a Xunta anunciou que quere retomar parte desa obra que paralizara.
En materia económica, Feijóo anulou o concurso eólico impulsado polo bipartito argumentando a súa “falta de seguridade xurídica”, segundo dixo o 27 de decembro de 2008. Porén, posteriormente o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o Tribunal Supremo establecerían que aquela anulación foi “ilegal”, feita con “desviación de poder” e provocou “inseguridade xurídica”. Aquela anulación, que tivo repercusións durante a última década, foi tomada no primeiro mandato de Feijóo, no que tamén anunciou un acordo coa petroleira estatal mexicana Pemex para a construción dun número indeterminado de barcos, cando menos vinte, que acabaron reducidos a dous. Aquel acordo, que está a ser investigado pola Fiscalía mexicana, acabou co estaleiro Barreras ao bordo da quebra.
O PP modificou reiteradamente na última década leis impulsadas polos propios populares
Pero ademais de poñer en dúbida a fiabilidade dos seus gobernos ao non ser quen de aprobar leis ou outras medidas prometidas malia contar con maioría absoluta, nestes once anos tamén quedou en cuestión a estabilidade, o outro gran adxectivo que Feijóo adoita dedicar aos populares. Na última década os gobernos de Feijóo e o seu grupo parlamentario impulsaron a aprobación dun total de 127 leis -na última lexislatura apenas 22, cifra máis baixa da historia da autonomía-, pero parte delas supuxeron rectificacións sucesivas de leis previas elaboradas polos propios populares desde 2009. Paradigmático é o caso da Lei do Solo e outras normas referentes á ordenación territorial, modificadas neste tempo polo menos unha vez ao ano e nalgún caso varias veces. Modificacións sucesivas de leis propias previas que na maioría dos casos non se tramitan por separado, co seu propio debate parlamentario independente, senón a través das coñecidas como leis de acompañamento, normas coas que, aproveitando a tramitación dos orzamentos de cada ano, cóanse modificacións doutras moitas leis que nada teñen que ver coas contas públicas.
Na última lexislatura o PP aprobou 22 leis, a cifra máis baixa da historia da autonomía, pero modificou outras 59 coas leis de acompañamento, 5 delas todos os anos
Só nesta última lexislatura, na que os populares só foron quen de aprobar 22 leis, 18 se non se contan as leis de acompañamento, a Xunta impulsou a través desas últimas a modificación doutras 59 normas distintas. 27 desas leis previas foron modificadas en máis dunha ocasión ao longo desta última lexislatura e 5 foron corrixidas a través das leis de acompañamento todos os anos.
Esa reiteración de correccións, ano tras ano, sufrírona a antedita lei do solo e as de servizos sociais, de comercio interior e de emprego público, ademais da única que polo seu contido tería encaixe no obxectivo tributario co que foron pensadas as leis de acompañamento dos orzamentos: a lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
Do primeiro Goberno de Feijóo só quedan Alfonso Rueda e Rosa Quintana, e 11 dos 55 altos cargos actuais
A estabilidade tampouco é completa no que respecta á composición do propio Goberno galego e os seus altos cargos. O último cambio que introduciu nel ao máis alto nivel, en setembro de 2018, fixo que xa só queden dous conselleiros, Alfonso Rueda e Rosa Quintana, dos que nomeou no seu primeiro executivo en 2009. No seguinte nivel, o das secretarías e direccións xerais, no que os cambios son constantes desde a primeira lexislatura, dos 55 altos cargos actuais só hai 11 que, con cambios nas súas competencias, seguen desde aquel momento: o director do gabinete de Feijóo, Álvaro Pérez; a secretaria de Vicepresidencia, Beatriz Cuiña; o director de Xustiza, Juan José Martín; o director de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo; o director de Función Pública, José María Barreiro; a directora de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas; o director de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces; o secretario de Universidades, José Alberto Díez; o director de Centros e Recursos Humanos de Educación, José Manuel Pinal; o director de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto; e a directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.
Malia os incumprimentos á hora de non aprobar leis ou medidas concretas prometidas ou as reiteradas modificacións de todo tipo de leis, Feijóo segue a gabar a fiabilidade e estabilidade dos seus gobernos fronte á oposición. “Todos somos conscientes das consecuencias de gobernar sobre a marcha ou, o que é o mesmo, improvisar”, chegou a censurar do resto de partidos cando apenas levaba dous anos na Xunta.