Feijóo cambia de Goberno eloxiando a súa estabilidade e dicindo que é máis esixente que facer un máster

Feijóo co seu novo Goberno tras tomar posesión este xoves os novos conselleiros CC-BY-SA Praza Pública

O presidente admite que non remudaría a Xunta se non fose polo interese do PP nas eleccións municipais pero volve presentarse como exemplo a nivel estatal

Hai dous anos e dous días, nas eleccións autonómicas de 2016, “os galegos falaron con claridade e contundencia e pediron un goberno estable e forte”, lembrou este xoves Alberto Núñez Feijóo. Dous anos despois o presidente da Xunta admite que remuda aquel executivo dando entrada nel a persoas con menor traxectoria non por desexo propio, segundo dixo este xoves na toma de posesión dos seu novo equipo, senón polo interese do PP de presentar dous xa ex-conselleiros como candidatos ás alcaldías da Coruña e Ferrol controladas agora pola esquerda.

Na súa intervención na toma de posesión dos novos conselleiros e despedida dos saíntes Feijóo pronunciou un discurso no que volveu presentarse como exemplo de gobernante a nivel estatal. En plena polémica por como obtiveron os seus títulos políticos de diversos partidos, incluído o presidente do PP, Pablo Casado, baixo investigación xudicial, o presidente galego comparou o seu propio Goberno cun máster pero matizando que “para facer este máster hai que asistir todos os días, e non hai nin fins de semana nin festivos”.

Feijóo salientou que o seu executivo “non naceu hipotecado” nin foi froito de “negociacións de despacho”, contrapoñéndoo sen citalo ao Goberno central de Pedro Sánchez

Feijóo comezou a súa intervención lembrando a súa terceira maioría absoluta obtida hai agora dous anos e asegurando que con ela os votantes pediron “un goberno estable e forte”. Co pano de fondo das negociacións para a moción de censura que levou a Pedro Sánchez a La Moncloa, que Feijóo non citou expresamente, o presidente galego contrapuxo que o seu executivo “non naceu hipotecado” nin foi froito de “negociacións de despacho”, obviando que os dous gobernos foron elixidos de igual xeito pola maioría de deputados dos respectivos parlamentos estatal e autonómico.

Tras poñer en valor a “estabilidade”, Feijóo admitiu que o cambio de Goberno non se produce en función de intereses autonómicos: “Reafírmome en que se por min fose non o cambiaría”, dixo, para eloxiar a continuación o “desafío” que os seus xa ex-conselleiros de Medio Ambiente e Política Social, Beatriz Mato e José Manuel Rey Varela, afrontarán para intentar ser alcaldes da Coruña e Ferrol e contribuír a reverter a situación actual na que o PP só goberna, e en minoría, unha das sete cidades galegas.

"Sería absurdo negar que cometemos erros", dixo Feijóo, que asegurou que "os acertos son máis que os desacertos" e proclamou que "a Galicia de hoxe non é a ideal, pero si é mellor que a de 2009 e 2016"

Feijóo tamén xustificou que o actual sexa o seu executivo máis numeroso, con once consellerías, argumentando que “na primeira época reducimos o tamaño do Goberno porque así o esixía a época de dificultades”, mentres que na actualidade “reforzamos as áreas máis necesarias para construír no futuro”. Segundo dixo, neste tempo "sería absurdo negar que cometemos erros", pero asegurou que "os acertos son máis que os desacertos" e proclamou que "a Galicia de hoxe non é a ideal, pero si é mellor que a de 2009 e 2016".

Sen crucifixo pero con biblia

Todos os conselleiros xuraron o cargo ante unha mesa con biblia pero sen crucifixo

O discurso de Feijóo produciuse tras a toma de posesión tanto dos novos conselleiros como dos que xa o eran e cambiaron de competencias. Todos eles optaron por xurar en vez de prometer os seus cargos fronte a unha mesa na que, como veu ocorrendo nas últimas ocasións, desapareceu o crucifixo que si estaba presente nas tomas de posesión dos primeiros gobernos de Feijóo. Porén, nela si había unha biblia xunto coa Constitución e o Estatuto de Autonomía.

A nova conselleira de Política Social, Fabiola García, xura o cargo ante a Constitución, o Estatuto e a Biblia [Xunta de Galicia]

Ao acto asistiron numerosos cargos do PP e os tres reitores, pero non de ningunha outra formación política

Ao acto asistiron numerosos cargos populares, incluído o único alcalde dunha cidade e o único presidente dunha deputación, os ourensáns Jesús Vázquez e José Manuel Baltar, pero non ningún outro cargo doutra formación, nin o rexedor de Santiago, Martiño Noriega, que comparte oficinas coa Xunta no Pazo de Raxoi no que se celebrou o acto, nin o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada. Pola contra, si estiveron presentes os reitores das tres universidades.

Primeira reunión do Consello da Xunta cos novos conselleiros tras a súa toma de posesión este xoves CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.