0 Gardados para despois

A sucesión de Feijóo na presidencia da Xunta tampouco será "votada nas urnas"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Entre as diversas críticas recibidas polo novo Goberno de España unha das máis frecuentes dende as filas de PP e Ciudadanos é que non foi elixido "nas urnas" ou que Pedro Sánchez accedeu á presidencia sen "gañar as eleccións". Este mesmo luns o aínda líder, do Partido Popular, Mariano Rajoy, afirmaba na Xunta Directiva da súa formación que Sánchez é "o primeiro presidente do Goberno que non conta co apoio dos españois nas urnas". Nese mesmo conclave dos conservadores saíu a data para o Congreso no que será oficial a remuda de Rajoy. Entre o 20 e 21 de xullo culminará un proceso no que boa parte das ollada se dirixen cara ao actual titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Aínda que non existe ningunha obriga legal ao respecto, todo apunta a que se finalmente Feijóo concorre con éxito ao liderado do PP, nun prazo máis ou menos breve propiciaría a súa propia sucesión á fronte do Goberno galego. Nese caso dimitiría e activaríase o procedemento para elixir un novo presidente ou presidenta que, como o propio Feijóo e como Sánchez, igual que antes Rajoy, Touriño, Fraga ou Zapatero, non sería produto dunha elección directa "nas urnas". Na liña do establecido nos sistemas parlamentarios e como foi fixado no Estatuto de Autonomía e nas leis que o desenvolven, sería o Parlamento a institución encargada de articular a remuda segundo a correlación de forzas fixada nas últimas eleccións, as de setembro de 2016.

Aínda que non existe ningunha obriga legal ao respecto, todo apunta a que se Feijóo concorre con éxito ao liderado do PP no congreso do 20 e 21 de xullo, propiciará a súa propia sucesión á fronte do Goberno galego

No momento en que Feijóo dimitise tanto el como todos os membros do Consello da Xunta pasarían a exercer os seus cargos en funcións, como se viñesen de celebrarse eleccións. Esa sería a condición que ostentarían mentres o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, realiza unha rolda de consultas entre os grupos parlamentarios. Unha vez escoitadas as preferencias do PP, En Marea, PSdeG e BNG, Santalices realizaría a proposta formal da candidatura á presidencia da Xunta, que os populares terían igual de garantida que en 2016 grazas á súa maioría absoluta.

Ao contrario do que sucede no Estado, o nome da presidenta ou presidente si ten unha limitación. Para presidir a Xunta cómpre ser membro electo do Parlamento. Daquela, o PP non podería propoñer un candidato que non fose deputado. Dos actuais membros do Executivo galego sono tamén do lexislativo -ademais do propio Feijóo- o vicepresidente, Alfonso Rueda, as conselleiras de Medio Ambiente e Mar, Beatriz Mato e Rosa Quintana, e mais os conselleiros de Economía e Política Social, Francisco Conde e José Manuel Rey Varela. Legalmente tamén poderían optar á presidencia calquera dos restantes 35 integrantes do Grupo Parlamentario Popular.

No momento en que o Parlamento elixise a nova presidenta ou presidente quedaría baixo a súa responsabilidade nomear o resto do Goberno galego. Podería optar polas actuais conselleiras ou conselleiros ou por outros. Antes de que a moción de censura precipitase os acontecementos no Estado considerábase como inminente a remuda de cando menos dous membros do Executivo, Mato e Rey Varela, para concorreren polo PP ás eleccións municipais da Coruña e Ferrol, respectivamente. Deste xeito, cabe agardar que se finalmente Feijóo marcha e a presidencia da Xunta cambia de mans, o novo Executivo bote a andar xa con estes axustes feitos. Este novo Goberno do PP podería exercer ata o outono de 2020, cando corresponde a celebración de novas eleccións para renovar o Parlamento e segundo a súa composición, a Xunta. 

Membros do actual Goberno que, legalmente, poderían substituír a Feijóo na presidencia da Xunta ata a fin da lexislatura

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.