A elección dun Goberno "nas urnas" e outras mentiras tras a moción de censura

Sánchez recibe os parabéns da presidenta do Congreso tras a votación da moción de censura © Congreso dos Deputados

A votación e triunfo da moción de censura formulada polo PSOE contra o Goberno de Mariano Rajoy tras a sentenza do caso Gürtel mudou a pasada semana o panorama político do Estado. Por primeira vez un presidente do Executivo central accedeu ao cargo por este mecanismo, provocando unha transición entre gobernos moito máis acelerada do habitual que disparou, tamén decontado, os argumentarios para deslexitimar a elección. A descualificativos habituais contra os gobernos sustentados en alianzas das forzas de esquerda -"pacto de perdedores", "acordos de despacho"- uníronse desta volta outros en forma de promesa pola banda do PP e Ciudadanos. O Goberno do socialista Pedro Sánchez non foi elixido "nas urnas" polo electorado, veñen dicir. No entanto, ningún gabinete gobernamental ao abeiro da Constitución española de 1978 foi elixido deste xeito.

O propio Mariano Rajoy caricaturizou como un "asalto" ao poder perpetrado con "aleivosía" unha moción de censura que despois foi glosada nos mesmos termos por diversos dirixentes dos populares e mais de C's. Así, por exemplo, o presidente da Xunta afirmaba poucas horas despois da elección de Sánchez que "decidiron o PSOE, Podemos e os partidos nacionalistas e independentistas", pero "o futuro volverano decidir os españois". Nun sentido semellante, Albert Rivera e outros cargos da súa formación teiman en esixir "que los españoles vayamos a votar para elegir a nuestro gobierno" a través das "urnas", petición que o líder de Ciudadanos apoiou durante a fin de semana nunhas declaracións aos medios do tenista Rafa Nadal. 

Estas e outras declaracións obvian, no entanto, que o socialista Sánchez foi elixido presidente do Goberno español polas únicas persoas con competencias para facelo, como os seus seis antecesores: os 350 membros do Congreso dos Deputados. A Cámara Baixa, ao contrario que o Goberno, si é resultado da votación da cidadanía en eleccións xerais, neste caso das celebradas o 26 de xuño de 2016. Estes comicios son, precisamente, un dos tres principais supostos contemplados pola Constitución para a renovación da presidencia do Goberno; os outros son a dimisión da persoa titular do cargo e a propia moción de censura.

A principal diferenza da moción de censura cunha investidura ordinaria é que non inclúe unha rolda de consultas previa co xefe do Estado é que só pode ser aprobada por maioría absoluta

A principal diferenza da censura a respecto dos outros procedementos é que non inclúe unha rolda de consultas do xefe do Estado cos grupos parlamentarios, como tras as eleccións ou a dimisión. Ademais, a esixencia para o candidato ou candidata á presidencia por esta vía é maior: é imprescindible que sume a maioría absoluta dos apoios do Congreso -un mínimo de 176-, mentres que nunha investidura ordinaria abonda con máis votos a prol que en contra, caso por exemplo da última elección de Rajoy (170 votos) ou da segunda ocasión nas que foi nomeado o socialista José Luis Rodríguez Zapatero (169 apoios). 

Velaquí os principais pasos para a elección e os artigos da Constitución que os regulan:

O sistema parlamentario vixente torna en imposible a elección dun Goberno "nas urnas" á que apelan PP e Ciudadanos

A actual Constitución e a normativa que a desenvolve -como o Regulamento do Congreso dos Deputados ou a lei do Goberno- consagran, daquela, un sistema parlamentario de Goberno que tornan en imposible o cumprimento das promesas dos cargos de PP e Ciudadanos que auguran unha vindeira elección da presidencia do Executivo central "nas urnas". O mesmo sucede co Goberno no seu conxunto, toda vez que a elección dos nomes das ministras e ministros son competencia exclusiva do presidente ou presidenta. Como o propio xefe do Executivo, nin sequera teñen que ser membros electos do Congreso ou do Senado e non teñen un mandato mínimo ou máximo.

A elección de Sánchez, en perspectiva

Rajoy en 2016, Zapatero en 2008 e González en 1993 tiveron menos votos a prol que Sánchez

Vista en perspectiva, a elección de Sánchez foi novidosa en tres aspectos: foi a primeira resultado dunha moción de censura e non dunha investidura ordinaria e, ademais, a que se sustenta en menos votos procedentes do principal grupo parlamentario que sustenta ao novo Goberno, que ademais non é o que máis membros ten no Congreso, senón que é o segundo. O socialista é, daquela, o presidente español ata o momento cunha investidura máis plural en canto á procedencia dos apoios, pero non o máis feble en canto á súa cantidade: Mariano Rajoy en 2016, José Luis Rodríguez Zapatero en 2008 e Felipe González en 1993 tiveron menos votos a prol. Tamén González en 1989, se ben daquela foran anuladas as eleccións en Pontevedra, Murcia e Melilla e os seus escanos non computaron na votación -o Goberno someteuse a unha cuestión de confianza en 1990, unha vez repetidos os comicios nesas circunscricións, e logrou 170 apoios-.

Sánchez comeza a gobernar, no entanto, cun voto menos que José María Aznar en 1996, con tres menos que Zapatero en 2004 e Adolfo Suárez en 1979, con catro menos que González en 1986 e con 6 menos que os que obtivo Leopoldo Calvo Sotelo en 1981, despois do 23-F. Está aínda máis lonxe das tres investiduras que ata o momento partían coa vantaxe dunha maioría absoluta: Rajoy en 2011, Aznar no ano 2000 e González en 1982, a investidura máis votada ata agora con 207 votos a prol.

Investidura de Felipe González en 1982, a que tivo ata agora máis votos © Congreso dos Deputados
Hernando (PSOE) felicita a Rajoy tras a súa segunda investidura en 2016 © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.