O único cambio, na oposición

Dominio Público Praza Pública

"Cambio". Foi unha das verbas máis repetidas na banda da esquerda galega durante toda a carreira electoral do 25S. E o cambio ficou, como na campaña, só na banda de quen eran oposición e o seguirán sendo como efecto destes comicios. O PP vén de revalidar a súa maioría absoluta en Galicia despois de que o electorado lle concedese a "excepción" a respecto do resto do Estado que Alberto Núñez Feijóo lle reclamou en innumerables ocasións. Fronte á pracidez conservadora, a maior novidade reside na estrea de En Marea como segunda forza en votos, mais non en escanos, toda vez que terá a mesma representación que o PSdeG nun Parlamento que se completa cun resistente BNG.

O PP suma uns 7.000 votos a respecto de 2012

A representación parlamentaria do grupo que seguirá sustentando ao goberno continuará a ser de 41 escanos. O único movemento no seu seo é a perda dun posto na provincia de Lugo -a mingua de poboación restoulle un escano á circunscrición lucense e sumoulla á Coruña- e a suma doutro en Ourense. Cuns 7.000 votos máis que hai catro anos, na contorna dos 668.000, os de Feijóo ascenden un dous puntos porcentuais, ata case o 48%, e logran unha vantaxe aínda máis ampla da obtida nos anteriores comicios a respecto do liderado da oposición.

En Marea fica por diante do PSdeG en votos, pero ambas forzas terán a mesma representación

Nese segundo posto situarase de agora en diante En Marea. Nun escenario semellante ao vivido polo país entre finais dos anos 90 e o comezo da primeira década deste século entre o BNG e o PSdeG, o partido instrumental encabezado por Luís Villares rolda o 19% dos votos, con case 265.000 votos, isto é, uns 65.000 máis dos que tivera AGE. O medre con relación á forza da que herda espazo político é de cinco escanos, ata os 14, lonxe das expectativas que se marcaraon ao inicio da carreira electoral.

O BNG supera todos os inquéritos e resiste con 6 escanos

Eses mesmos 14 escanos son cos que conta o PSdeG, que deixa polo camiño uns 50.000 votos e 4 postos no Parlamento. O arco parlamentario péchao o Bloque, a única das formacións políticas que quedou por riba non só dos inquéritos, senón das propias proxeccións que manexaban ao inicio da campaña. A formación soberanista, agora liderada orgánica e parlamentariamente con Ana Pontón, terá un escano menos que na anterior lexislatura, ficando en 6. No entanto, os escenarios demoscópicos que ubicaban a organización frontista ao bordo da representación parlamentaria tornaron nun voto real que lle permite manter, folgadamente, o seu grupo parlamentario.

O escenario contrario ao do Bloque é o de Ciudadanos. A formación de Albert Rivera, protagonista en moitos relatos da campaña e presente nas enquisas preelectorais con ata 2 escanos, non chega ao 4% en ningunha das circunscricións galegas e nin sequera logra ser a cuarta forza no conxunto do país, toda vez que en Ourense o partido que tiña a Cristina Losada como cabeza de cartel foi superada en case 3.000 votos por Democracia Ourensana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.