Este martes cúmprense catro meses desde a toma de posesión, o 14 de novembro, do actual Goberno galego logo das eleccións autonómicas do 25 de setembro. Un executivo do PP que o presidente Feijóo presentou como exemplo de “estabilidade” fronte ás alternativas que ofrecerían os outros partidos cos que competiu nos comicios ou mesmo fronte aos gobernos doutras comunidades autónomas ou cidades. Pero catro meses despois ese “goberno estable” segue a mudar a súa estrutura e composición a respecto do que había antes das autonómicas, de xeito que das súas 52 secretarías ou direccións xerais, 8 teñen novos responsables, e só 11 altos cargos seguen no mesmo posto que en 2009.
“Se algún conselleiro quere cambiar algún director xeral, está no seu dereito”, xustifica Feijóo, que non dá por pechados os cambios
O pasado xoves o Consello da Xunta, a reunión semanal do presidente Feijóo cos seus conselleiros, tomou un total de cinco decisións, das que dúas foron os decretos de cesamento e nomeamento necesarios para, en plena reestruturación das liñas de autobús de Galicia, remudar a Dirección Xeral de Transportes, posto polo que xa pasaron catro responsables desde a chega de Feijóo á Xunta en 2009, cambios que se produciron todos nos últimos tres anos e medio. “Parece que nesa dirección xeral houbo máis cambios que noutras”, admitiu o presidente cando foi preguntado por ese feito, para engadir a continuación que “ata hai pouco había algún comentario sobre que eran moi poucos” os cambios no seu goberno. “Se algún conselleiro quere cambiar algún director xeral, está no seu dereito”, xustifica Feijóo, remudas que non deu aínda por pechadas cando se lle preguntou por esa posibilidade.
Efectivamente, o Goberno galego como tal está conformado polo seu presidente e os conselleiros, que seguen a ser exactamente os mesmos dez que antes das autonómicas, logo de que varios deles fosen cambiados un ano antes. Pero o seu segundo nivel, o das secretarías e direccións xerais, non é tan estable. Nestes catro meses mudaron os responsables de oito desas 52 áreas de xestión: na antedita Dirección Xeral de Transportes Ignacio Maestro substitúe a Helena de Lucas, José Ramón Lete foi reemplazado á fronte da Secretaría Xeral para o Deporte por Marta Míguez, Justo de Benito deixou a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental na que entrou María Cruz Ferreira, Coro Piñeiro foi cambiada á fronte da Dirección Xeral de Maiores e Discapacidade por Fabiola García, Juan Carlos Maneiro saíu da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e entrou nela Mercedes Rodríguez Moreda, na Secretaría Xeral de Sanidade Josefina Monteagudo foi substituída por Alberto Fuentes, da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Sergas saíu Lourdes Vilachán e entrou María Jesús Piñeiro e as dúas anteriores direccións xerais de Política Financeira e Proxectos Europeos foron unidas nunha baixo a dirección do responsable da primeira, David Cabañó, logo de que a segunda levase un ano vacante. Ademais destes oito cambios de persoas, dúas das tres direccións xerais con que conta Medio Ambiente foron rebaixadas desde o seu anterior rango de secretarías xerais.
Das 52 secretarías ou direccións xerais, 8 cambiaron de responsable a respecto do executivo previo ás eleccións, e só 11 altos cargos seguen no mesmo posto que en 2009
Os cambios no segundo nivel do goberno galego son máis acentuados cando se compara cos altos cargos do primeiro executivo de Feijóo en 2009. Dos dez conselleiros actuais, só tres estaban naquel primeiro goberno nomeado hai agora preto de oito anos: Alfonso Rueda, Rosa Quintana e Beatriz Mato, aínda que esta última facíase cargo de Traballo e Benestar, área completamente distinta á de Medio Ambiente que xestiona agora. No segundo nivel, o dos secretarios e directores xerais, só 11 dos 52 altos cargos actuais comezaron en 2009: o director do gabinete de Feijóo, Álvaro Pérez; a secretaria de Vicepresidencia, Beatriz Cuiña; o director de Xustiza, Juan José Martín; o director de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo; o director de Función Pública, José María Barreiro; a directora de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas; o director de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces; o secretario de Universidades, José Alberto Díez; o director de Centros e Recursos Humanos de Educación, José Manuel Pinal; o director de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto; e a directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. Porén, en varios casos as súas competencias ou rango variou neste tempo.