0 Gardados para despois

Feijóo inicia o mandato da súa sucesión con exactamente o mesmo goberno que ata agora

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Previsible e estable son dous dos adxectivos que máis lle gusta empregar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para referirse a si mesmo e o seu goberno. Este domingo foi un paso máis alá e converteuse no primeiro presidente da Xunta que repite no cargo e non muda un só dos seus conselleiros con respecto á composición previa do seu executivo no mandato anterior. O Goberno galego seguirá formado por exactamente os mesmos dez conselleiros (seis homes e catro mulleres) que había ata o de agora.

Alfonso Rueda segue a ser o único vicepresidente nun executivo que mantén as mesmas catro mulleres e seis homes

A decisión de Feijóo de manter o mesmo goberno limita as pistas sobre o futuro do PP de Galicia neste terceiro mandato que o propio líder popular xa anunciou como o da súa retirada, xa que o único vicepresidente segue a ser Alfonso Rueda, man dereita de Feijóo desde 2006, tres anos antes de chegar á Xunta. Rueda era secretario xeral do PP galego ata marzo, cando deixou o cargo para asumir a presidencia do PP de Pontevedra, o que foi interpretado como un paso atrás na carreira sucesoria de Feijóo. 

A última vez que Feijóo renovou o seu goberno foi a comezos de outubro de 2015, hai pouco máis de 13 meses, e fíxoo imprimíndolle un carácter preelectoral de cara aos comicios autonómicos do pasado 25 de setembro. Desde 2009, os sucesivos cambios viñeran motivados principalmente pola marcha de conselleiros a outros postos, fundamentalmente ao Goberno central, ou polo desexo de transmitir unha imaxe de austeridade reducindo o seu executivo ata un mínimo de oito consellerías. Porén, na última crise de goberno as mudanzas foron máis alá. Feijóo volvera ampliar o goberno ata dez consellerías separando as anteriormente fusionadas de Medio Rural e Mar, por unha banda, e Medio Ambiente e Infraestruturas, por outra. Ademais, traspasara a área de Emprego á Consellería de Economía para potenciar o protagonismo da de Política Social, e introducira conselleiros e altos cargos de perfil máis político recolocando na Xunta a dirixentes do PP que fracasaran nas eleccións municipais previas.

O "goberno estable" non o é tanto: desde 2009 só permanecen nos seus postos 18 dos 62 altos cargos da Xunta

Este luns o novo Goberno galego celebrará a súa primeira reunión e comezará a coñecerse a composición do seu segundo nivel, o dos secretarios e directores xerais. Á espera dos cambios que se poidan introducir alí, o seu “goberno estable” ao que se vén referindo Feijóo como contraposición á suposta inestabilidade do resto de opcións políticas non o é tanto. Desde a súa chegada á Xunta en 2009 só permanecen nos seus postos un total de 18 dos 62 altos cargos: 3 conselleiros e 15 dos 52 secretarios ou directores xerais. As mudanzas foron especialmente significativas no segundo mandato.

Sen cambios nas consellerías a respecto do que había ata agora, o goberno que inicia este terceiro mandato de Feijóo é o seguinte:

-Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza: Alfonso Rueda Valenzuela
-Conselleiro de Facenda: Valeriano Martínez García
-Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio: Beatriz Mato Otero
-Conselleira de Infraestruturas e Vivenda: Ethel Vázquez Mourelle
-Conselleiro de Economía, Emprego e Industria: Francisco Conde López
-Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: Román Rodríguez González
-Conselleiro de Sanidade: Jesús Vázquez Almuiña
-Conselleiro de Política Social: José Manuel Rey Varela
-Conselleira do Medio Rural: Ángeles Vázquez Mejuto
-Conselleira do Mar: Rosa Quintana Carballo

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A oposición critica o inmobilismo malia a promesa de “abrir unha nova etapa”

A decisión de Feijóo de manter o mesmo goberno co que viña traballando ata o de agora non tardou en provocar críticas da oposición. O portavoz de En Marea, Luís Villares, critica que “Feijóo optou por un goberno reincidente no paro e na destrución de servizos públicos, un novo-vello goberno que é premio á fidelidade dos que non lle fan sombra e non lle din nada e que non resolverá os problemas de Galicia”.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, considera que o continuísmo “contradí o propósito de abrir unha nova etapa” que Feijóo trasladou na investidura e “demostra unha alarmantemente escasa capacidade de adaptación aos retos da recuperación e da saída da crise, que esixirían un impulso máis social ao seu gabinete”. Pola súa banda, a portavoz do BNG, Ana Pontón, criticou nas redes sociais que “Feijóo demostra a súa autocomplacencia e inmobilismo mantendo o mesmo goberno”.

Pola contra, o PP salienta que “o goberno dos 41 deputados e que obtivo o apoio das urnas o 25S, repite nos seus postos; acertaron na pasada lexislatura, acertarán nesta”.