Cinco anos perseguindo unha imputación para desactivar un dos resortes electorais do PSOE

Feijóo recibido por Zapatero na Moncloa en 2009 © Pool Moncloa

Zapatero é unha peza de caza maior que a dereita ten no punto de mira desde que hai 22 anos bateu a Rajoy nas eleccións tras os atentados do 11M

Esta vez si. A dereita política e mediática, co auxilio de organizacións de ultradereita que habitualmente actúan como pancas xudiciais e intermedian entre PP, Vox e os seus medios afíns, leva anos intentando atopar o xeito de destruír ao ex-presidente José Luis Rodríguez Zapatero. E agora está convencida de que o conseguiu.

O PP considérao sentenciado. E algúns dos pseudomedios que máis tempo levan difundindo sen probas graves acusacións contra el declarárono este martes culpable dun longo historial de crimes, incluído o de gañar as eleccións de 2004 de xeito fraudulento.

Hai apenas uns días, o propio Alberto Núñez Feijóo aseguraba: "Zapatero usou a Presidencia do Goberno, ao parecer, para levarse diñeiro sucio". Ese mesmo día, elconfidencial.com anticipaba o que se viña: "Novas investigacións xudiciais acurralan a Zapatero por branqueo de capitais a gran escala. O ex-presidente socialista lavou presuntamente fondos procedentes do cobro de comisións por mediar ante gobernos e administracións públicas para favorecer a persoas da súa contorna con axudas e contratos", publicaba este dixital, o mesmo que puxo no punto de mira á esposa do presidente, Begoña Gómez.

Zapatero e Rajoy, en La Moncloa nunha imaxe de arquivo © La Moncloa

Zapatero é, para a dereita, unha peza de caza maior. Está no punto de mira desde que hai 22 anos bateu a Mariano Rajoy nas eleccións que seguiron aos atentados do 11M e, moi especialmente, desde que se converteu nun activo esencial do PSOE cando se trata de mobilizar aos seus militantes en período electoral. Así que a súa imputación é, en principio, unha boa noticia para os intereses electorais do PP e de Vox.

O certo é que, ata o de agora, a legalidade do préstamo de 53 millóns concedido polo Goberno á compañía aérea Plus Ultra, no marco do mecanismo creado para paliar as dificultades económicas das empresas que viron afectada a súa actividade polo confinamento provocado pola pandemia da COVID-19, nunca fora posta en cuestión, máis aló das acusacións de Miguel Tellado ou das insinuacións dalgúns pseudomedios, que a miúdo usan a expresión "turbios manejos".

"Presunto líder"

Pero o caso da aeroliña, arquivado no seu día por un xulgado de Madrid, revivido por Anticorrupción e convertido finalmente no primeiro caso da democracia que leva a un ex-presidente ante a Audiencia Nacional, cambiouno todo. Agora hai un xuíz que acusa a Zapatero de ser "o presunto líder dunha estrutura estable e xerarquizada de tráfico de influencias".

Mentres se empezan a coñecer as evidencias concretas nas que se basea o xuíz para acusar a Zapatero, o que si se pode reconstruír é o percorrido: cinco anos nos que o mesmo caso foi arquivado, reaberto, trasladado de xulgado, amplificado por medios da dereita, instrumentalizado en sede parlamentaria e, finalmente, reconducido cara a un nome que a oposición levaba tempo querendo situar no centro da trama.

O 9 de marzo de 2021, o Goberno de Pedro Sánchez autorizou un préstamo de 53 millóns de euros a Plus Ultra a través do Fondo de Apoio á Solvencia de Empresas Estratéxicas, xestionado pola SEPI. A aeroliña, fundada en 2011 e con capital venezolano entre 2017 e 2025, foi considerada empresa estratéxica no marco das axudas á aviación afectada pola pandemia.

Vídeo divulgado por Zapatero tras a noticia da súa imputación xudicial

A primeira denuncia chegou en marzo de 2021. Presentouna Manos Limpias, a organización de extrema dereita con longa traxectoria en querelas políticas, ante o xulgado de Instrución número 15 de Madrid. Os cargos eran amplos: malversación, suborno, prevaricación, tráfico de influencias e obtención fraudulenta de axudas públicas. Despois sumáronse PP e Vox coas súas propias querelas.

A xuíza Esperanza Collazos declarou o sobresemento provisional da causa en xaneiro de 2023. O seu razoamento foi directo: non aparecía xustificada a comisión de ningún delito, porque a axuda se concedera conforme o real decreto de medidas urxentes aprobado para soster a economía durante a pandemia. A Audiencia Provincial de Madrid apoiou esta decisión. O caso, nos seus termos orixinais, entraba en vía morta.

Conexión

Pero o interese polo asunto non foi só xudicial. Desde 2022, a cobertura en medios da dereita —con libertaddigital.com, okdiario.com e eldebate.com como protagonistas habituais— mantivo viva a conexión entre Zapatero e Plus Ultra moito antes de que houbese elementos xudiciais que a sustentasen.

Nesa mesma lóxica, o PP utilizou a súa maioría no Senado para citar ao ex-presidente ante a comisión que investiga o caso Koldo, argumentando que "podería estar implicado na trama de corrupción" que eles sitúan arredor de Sánchez. A cita parlamentaria e a xudicial avanzaron en paralelo, cunha retroalimentación na que non sempre foi posible distinguir os indicios das conclusións.

O mecanismo que deu lugar á imputación de Zapatero, con todo, non naceu, aparentemente, dunha denuncia política, senón dunha investigación da Fiscalía Anticorrupción —en mans de Alejandro Luzón, cuxo perfil suma tanto eloxios da dereita como críticas da esquerda— e da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional.

Zapatero no Congreso cando era presidente CC-BY-SA PSOE

En 2024, ambas as instancias concluíron que o diñeiro do rescate podería servir para branquear fondos procedentes de tramas de corrupción venezolana. Era un ángulo distinto ao que esgrimiran Manos Limpias, o PP ou Vox: xa non se cuestionaba se a axuda se concedera mal, senón se foi utilizada para lavar diñeiro sucio.

A reapertura chegou. E con ela, unha operación que, en decembro de 2025, saldouse coa detención —e posterior posta en liberdade— do presidente e cofundador de Plus Ultra, Julio Martínez Sola; o conselleiro delegado, Roberto Roselli; un avogado; e o empresario Julio Martínez. Axentes da UDEF rexistraron as oficinas centrais da aeroliña en busca de documentación fiscal.

A xuíza do xulgado madrileño inhibiuse daquela en favor da Audiencia Nacional, ao considerar que o caso tiña ramificacións que superaban a súa competencia.

En mans da Audiencia

O salto á Audiencia Nacional colocou o caso en mans do xuíz Calama. E a instrución, na que outra vez se presentou Manos Limpias, empezou a se achegar a Zapatero á vez que algúns medios —en particular eldebate.com, propiedade da Asociación Católica de Propagandistas— aireaban sen probas vínculos entre o ex-presidente e Julio Martínez, presentándoos sempre como evidencias de corrupción.

Zapatero sempre recoñeceu ingresar, xunto ás súas fillas, arredor de medio millón de euros ao longo de varios anos a cambio da realización de informes e a prestación de servizos para a consultora do seu amigo Julio Martínez. Unha contraprestación económica que a dereita considerou un pago a cambio da concesión da axuda a Plus IUltra e que Zapatero sempre negou, pero á que agora o xuíz dá credibilidade.

A imputación de Zapatero, independentemente de que dea lugar a un procesamiento ou quede en nada, é un fito formal que a oposición levaba anos intentando construír desde múltiples flancos —a denuncia dun sindicato ultradereitista, as querelas dos partidos, o goteo de filtracións a medios afíns, os interrogatorios parlamentarios— e que agora ten forma de citación xudicial para o 2 de xuño.

O que ocorra ese día, e o que o xuíz Calama sexa capaz de acreditar máis aló dos rexistros deste martes, determinará se o fito ten percorrido ou se repite o ciclo de 2023: moito ruído, arquivo provisional e volta a empezar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.