Zapatero, primeiro ex-presidente do Goberno de España imputado pola xustiza

Zapatero nun mitin na Coruña en 2023 CC-BY-SA PSdeG

A Audiencia Nacional cita o ex-dirixente socialista como investigado por suposto tráfico de influencias "e outros delitos conexos" nunha pescuda sobre o uso do diñeiro do rescate da aeroliña Plus Ultra. A noticia deixa en shock o PSOE pola relevancia da súa figura

José Luis Rodríguez Zapatero vén de converterse no primeiro ex-presidente do Goberno de España en ser imputado pola xustiza española, despois de que este martes o xuíz da Audiencia Nacional José Luis Calama o citase a declarar o 2 de xuño por suposto tráfico de influencias e "outros delitos conexos" polo caso Plus Ultra. Á vez, o maxistrado da Audiencia Nacional ordenou o rexistro do despacho do ex-presidente e as oficinas de tres sociedades mercantís.

Esta noticia ten un gran impacto político e social ao supoñer a primeira imputación para un ex-presidente do Goberno en territorio español. Así mesmo, Rodríguez Zapatero ten unha especial importancia simbólica para o PSOE porque é unha das figuras que máis mobiliza a militancia nos seus actos.

José Luis Rodríguez Zapatero durante a súa etapa como presidente © PSOE

A orixe da súa imputación está na investigación da Fiscalía Anticorrupción e da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) sobre a posible utilización do diñeiro do rescate da aeroliña Plus Ultra para branquear cartos da corrupción venezolana. 

A noticia deixou en shock o PSOE pola relevancia da figura de Zapatero, durante cuxo mandato non se produciu ningún caso de corrupción relativo ao seu Goberno entre 2004 e 2011. Isto contrasta coas administracións de Felipe González, José María Aznar e Mariano Rajoy.

A historia xudicial de Rajoy

Rajoy foi investigado en Andorra e tivo que declarar como testemuña polos casos 'Gürtel' e 'Kitchen'

Este último, por exemplo, si foi obxecto de investigación por parte dunha xuíza andorrana pola Operación Cataluña, aínda que ata o momento foron rexeitadas as comisións rogatorias enviadas á xustiza española. Rajoy si tivo que acudir a sede xudicial a declarar en calidade de testemuña polo caso Gürtel, polo que acabou condenado mesmo o seu partido e quedou demostrada a existencia da caixa B, coa que se pagaron as obras da reforma da sede do seu partido no número 13 da madrileña rúa de Génova.

Tamén Rajoy tivo que acudir ao Tribunal Supremo en calidade de testemuña o pasado mes de abril para declarar polo caso Kitchen, polo que están sentados no banco como acusados o seu ex-ministro do Interior Jorge Fernández Díaz e o seu número dous, Francisco Martínez. O Alto Tribunal está a investigar se o Goberno do PP usou fondos reservados e á Policía para cortocircuitar a investigación xudicial sobre a corrupción dos populares no caso Kitchen.

Rajoy, durante a súa declaración como testemuña no xuízo do caso Gürtel CC-BY-SA Praza Pública

Así mesmo, a administración de Rajoy está no punto de mira pola imputación de Cristóbal Montoro por "suborno, fraude contra a Administración Pública, prevaricación, tráfico de influencias, negociacións prohibidas, corrupción nos negocios e falsidade en documentos", dentro da investigación sobre supostos beneficios a empresas durante o seu paso polo Ministerio de Facenda.

Os casos de Aznar e González

Aznar tivo que declarar tamén como testemuña en 2021 ante a Audiencia Nacional pola caixa B do Partido Popular, pero nunca foi imputado. Membros dos seus gobernos tamén protagonizaron casos xudiciais e mesmo acabaron no cárcere Rodrigo Rato, polo caso das tarxetas black; Jaume Matas, polos casos Palma Arena, Nóos e Ópera, e Eduardo Zaplana, polo caso Erial. Tamén foron imputados Francisco Álvarez-Cascos e Ángel Acebes, pero logo foron absoltos. 

Felipe González tampouco foi obxecto de imputación, pero si tivo que declarar dúas veces como testemuña. A primeira vez fíxoo por escrito en 1991 no marco do caso Marey, dentro da causa dos GAL, na fase de instrución. Posteriormente, en 1998, cando xa non estaba no Palacio da Moncloa, acudiu presencialmente como testemuña ao Tribunal Supremo polo mesmo motivo.

O expresidente do Gobierno Adolfo Suárez tamén declarou como testemuña en 1995 na Audiencia Nacional en calidade polo caso Banesto. Alí negou ante o xuíz Manuel García-Castellón que recibise 300 millóns de pesetas para financiar o CDS.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.