Zapatero clama "en defensa da verdade" ante as "mentiras" do PP de Feijóo: "O PP máis á dereita desde AP"

José Luis Rodríguez Zapatero, no mitin da Coruña CC-BY-SA PSdeG

"Carallo para o Bambi", expresou Valentín González Formoso para advertir a Zapatero da reacción que nas filas do PSdeG causara a súa defensa do executivo de Pedro Sánchez nas numerosas entrevistas que o ex-presidente do Goberno de España leva nas últimas semanas de cara ao 23X. "Grazas por demostrar que se pode ser un ex-presidente sen venderse ás eléctricas; nunca serás un xarrón chinés", díxolle antes da súa intervención no mitin que o PSOE celebrou este martes nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña ante unhas dúas mil persoas. 

Zapatero era o grande esperado nun auditorio que xa antes das súas proclamas comentaba as que serían as claves do seu discurso. "Feijóo non fai máis que mentir", xustificaban dúas mulleres a poucos metros, alleas ao mitin pero debatendo sobre o que virou en leit motiv da campaña. "Vai de salvador, mente de maneira descarada e acábate descolocando", insistía un grupo camiño do acto. 

Os xardíns de Méndez Núñez, durante o acto de Zapatero na Coruña CC-BY-SA PSdeG

Zapatero insiste na "campaña en defensa da verdade" e sinala as "mentiras e falsidades" de Feijóo

"Veño defender a verdade, esta é a campaña en defensa da verdade", corroborou Zapatero, que insistiu en diversas ocasións na necesidade de combater as "falsidades" do PP e, especialmente, de Núñez Feijóo. Atacou a súa "mentira" durante a entrevista en TVE na que insistiu en que o seu partido revalorizara sempre as pensións no exercicio do goberno, pero advertiu de que "xa a dixera antes", no debate con Sánchez e noutras intervencións en medios. "Ata que unha xornalista fixo o seu traballo", insistiu quen reclamou do candidato popular "unha desculpa" á profesional. 

Zapatero nega a moderación que outros si lle conceden a Feijóo: "O seu PP é o PP máis á dereita desde o nacemento de Alianza Popular"

Preguntou polo "teletipo" co que Feijóo xustificou outra "mentira", aquela na que acusou a Sánchez de obstaculizar unha investigación xudicial, e lembrou as "insinuacións" do presidente do PP sobre Correos e as inexistentes eivas no voto postal. "Sinto mágoa e tristeza", insistiu Zapatero, ante "este ataque de mentiras". Pero aínda máis, aclarou, cando desde a dereita "lanzan o terrorismo" contra o PSOE para dicir que "ETA segue viva". Isto, dixo, foi o que o "empuxou" a "coller a mochila" e "ir aos platós e ás radios a defender a verdade e a alegría de vivir nun país aberto". "Porque Sánchez é un presidente limpo e honesto e eles non poden dicir o mesmo", engadiu quen ergueu os ánimos do socialismo galego nos últimos días de campaña. 

Lonxe de conceder a moderación que outros si lle outorgaron a Feijóo, Zapatero insistiu en negalo unha e outra vez, advertindo dun PP que é "unha dereita dereitizada que ten nos Estados Unidos a súa referencia". "Xa non hai centro, o único centro que queda é o centroesquerda do PSOE", insistiu o ex-presidente, que cualificou de "truco" o auxe da extrema dereita. Porque Vox, dixo, é "a consecuencia" desa viraxe á dereita máis extrema por parte dos populares "e non a causa". 

José Luis Zapatero e Valentín González Formoso, no mitin da Coruña CC-BY-SA PSdeG

"O PP de Feijóo é o PP máis á dereita desde o nacemento da Alianza Popular por parte dos sete magníficos. O PP máis dereitizado da historia", dixo Zapatero en referencia á fundación do xermolo do actual PP por parte de sete ministros franquistas liderados por Manuel Fraga. Para o ex-presidente do Goberno central, sen a "dereitización" que ten lugar na formación conservadora desde hai tempo "non habería Vox". 

E así foi como advertiu dos perigos que corren dereitos e conceptos "conseguidos e superados hai vinte anos". Alertou das dúbidas do PP coa violencia de xénero ante os argumentos de Vox -"non é un divorcio duro, Feijóo, é machismo duro e criminal", recriminoulle ao líder do PP-, defendeu o dereito ao aborto que agora di que está en perigo e chamou a "defender a bandeira do arco da vella" e unha sociedade máis optimista e "feliz". 

Valentín González Formoso, durante o mitin do PSOE na Coruña CC-BY-SA PSdeG

Inés Rey chamou a votar "por unha España que avanza, a da xente de ben que non é fascista, nin racista, nin homófoba e que non mente"

"Pedro Sánchez levou a cabo a política máis avanzada de entre calquera outro goberno na historia de España", reivindicou Zapatero, que defendeu con vehemencia o legado e a xestión económica e social do executivo, sen deixar de recoñecer tamén a achega da outra parte da coalición e da propia Yolanda Díaz, líder de Sumar. "A min paréceme infinitamente máis moderada que Feijóo", advertiu. "Á urnas, a votar todas as mulleres, as persoas traballadoras e todos aqueles que queren un país menos desigual", rematou quen defendeu unha España "diversa". "Gustaríame saber galego; non é a miña lingua pero é lingua miña", dixo quen advertiu que "ser socialista é incompatible coa tristeza e a resignación". 

Antes, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, tamén chamou a votar "polos dereitos que consolidamos hai 20 anos". "Por unha España que avanza, a da xente de ben que non é fascista, nin racista, nin homófoba e que non mente". Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, gabou como a rexedora a figura de Zapatero e a xestión do actual goberno. 

Ademais, o ministro de Sanidade, José Miñones, volveu tamén ao eixo do final da campaña para alertar de que "volven as mentiras. "Pero non van gañar as mentiras", insistiu. "Cando non gobernan, menten", advertiu sobre o PP. "E cando gobernan, tamén", sentenciaron dúas mulleres desde o público. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.