Pedro Sánchez encarará a fin da campaña en Lugo, unha das provincias clave para o PSOE o 23X

José Ramón Gómez Besteiro e Pedro Sánchez, nun mitin na Coruña en 2015 © PSOE

As eleccións xerais non teñen unha soa lóxica. Malia ser habitual o manexo mediático de prognósticos e resultados en clave de porcentaxes estatais, estas son en realidade 52 eleccións, unha por provincia. E, cara a este 2023, o PSOE ten identificadas en torno a unha quincena de circunscricións que, segundo os seus cálculos poden acabar sendo determinantes para o xogo de maiorías final entre esquerda ou dereita.

O PSdeG confirma para este xoves o mitin en Lugo do candidato á reelección xunto a Besteiro

Unha destas circunscricións é a de Lugo. Así o apuntaba o pasado xuño en entrevista con Praza.gal o cabeza de cartel dos socialistas lucenses ao Congreso, José Ramón Gómez Besteiro: "A verdadeira batalla do 23 de xullo é se o presidente do Goberno é Pedro Sánchez ou Alberto Núñez Feijóo. E vaise decidir en provincias como Lugo", indicaba para ilustrar a pugna polo cuarto escano nunha provincia que reparte 4 escanos, dos cales en 2019 foron dous para o PP e outros tantos, para o PSdeG nun contexto no que agora os populares, pero tamén o BNG, din estar en condicións de disputalo.

Besteiro e Sánchez, nun acto a prol dos servizos no hospital de Lugo en 2015 CC-BY-NC-SA PSdeG

O carácter clave da provincia de Lugo na campaña socialista vén de quedar reafirmado coa decisión de que o único mitin de Pedro Sánchez en Galicia na carreira cara ao 23X sexa na capital lucense. A cita, o xoves 20 ás 18h30, será o acto co que o aspirante á reelección encare a derradeira xornada da campaña. 

O lugar elixido, o auditorio Gustavo Freire do Parque da Milagrosa, foi no pasado escenario dalgúns dos mitins máis multitudinarios do PSOE en Lugo durante a etapa de José Luis Rodríguez Zapatero. O ex-presidente (que este martes está na Coruña) viña sendo un mandatario de grato recordo para o partido na cidade e éo aínda máis despois da súa intervención na pasada campaña das municipais, que algúns dirixentes leron como determinante para que as bases socialistas propiciasen que Lara Méndez recuncase na alcaldía tras o 28M.

Besteiro, con dirixentes do PSdeG lucense ligados á sanidade, este 18 de xullo de 2023 ante o centro de saúde de Fingoi, na cidade de Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG

A presenza de Sánchez en Lugo é lida tamén como unha mostra de clara afinidade cara a Besteiro, cabeza de cartel por decisión directa do presidente. Non en van, o máis que probable aspirante socialista á Xunta nos vindeiros comicios galegos é un dos candidatos ao Congreso que está a realizar unha campaña máis intensa cara ao 23X.

"Catorce anos xogando coa saúde dos lucenses"

Besteiro subliña que foron precisas "mobilizacións históricas" para que a Xunta accedese a que o hospital de Lugo non atendese infartos só en horario de oficina

A campaña de Besteiro centrouse este martes na sanidade. Xunto a representantes veciñais e membros do PSdeG ligados ao sector sanitario -caso da alcaldesa de Vilalba, a médica Elba Veleiro-, o candidato socialista advertiu ante o centro de saúde de Fingoi, que acolle o Punto de Atención Continuada da capital lucense, de que o "balance" de Feijóo neste ámbito é levar "catorce anos a xogar coa nosa saúde". Boa mostra, subliña, é que foron precisas "mobilizacións históricas" para que, por exemplo, o hospital Lucus Augusti atendese infartos as 24 horas e non só en horario de oficina.

"Antes Feijóo e agora Rueda", subliña, "recortaron preto de 1.100 postos de persoal sanitario só en Atención Primaria" e, no caso lucense, "pecharon centros de saúde en Castro, Parga e Castro de Rei". E agora o de Nadela, no concello de Lugo, "leva todo xullo sen abrir e ninguén sabe o que vai pasar no futuro. "A dereita tamén deixou sen convocar 151 prazas MIR de medicina de familia e recortou 900 camas hospitalarias". Mentres, chama a contrastar, "o Goberno de Pedro Sánchez reforzou a Primaria e a asistencia sanitaria con 37,8 millón extra para Galicia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.