Na contorna do 18 de febreiro, cando falte apenas unha semana para o oitavo aniversario da inauguración do Hospital Lucus Augusti, o complexo hospitalario lucense ofrecerá tratamento completo para infartos de miocardio durante as 24 horas do día. Será nesa xornada, segundo anunciou este venres o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, cando abra con horario ininterrompido a sala de hemodinámica do hospital, a instalación para atender estas doenzas cuxa apertura anunciara o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, naquel acto de inauguración do 26 de febreiro de 2011.
O 26 de febreiro será o oitavo aniversario da inauguración do hospital, na que Feijóo anunciara a apertura da hemodinámica para antes do remate dese 2011
Aínda que naquel acto oficial o xefe do Goberno galego asegurara que a hemodinámica e outros servizos que daquela non estaban instalados no HULA -como a radioterapia ou a medicina nuclear- ían estar en marcha "ao longo" do propio 2011, o certo é que no caso da unidade que atende os infartos non estivo en marcha ata xaneiro de 2014, pero cun horario restrinxido. Só abría en 'horario de oficina', de luns a venres e de 8 da mañá a 3 da tarde, o que provocaba que máis dun 60% dos pacientes afectados tivesen que seguir sendo trasladados á Coruña.
As intensas mobilizacións sociais e políticas para esixir a apertura da hemodinámica as 24 horas, apoiada por profesionais do propio hospital, así como os testemuños en primeira persoa sobre os traslados á Coruña, lograron que o pasado 2018 o Sergas ampliase o horario da hemodinámica ata as 22:00 todos os días da semana, pero mantendo o peche durante as noites. A decisión, defendera Sanidade, non estaba baseada en criterios económicos nin políticos, senón nos datos do Regaliam, a base de datos sobre infarto de miocardio en Galicia activada en 2015, pouco despois de que datos oficiais do INE acreditasen que a mortalidade por infartos na provincia de Lugo duplicaba a media estatal.
O conselleiro Almuíña admite que tras a fin da atención a infartos en horario de oficina os pacientes son atendidos 50 minutos máis rápido e tres de cada catro xa non teñen que ser enviados á Coruña
Tras case un ano co horario ampliado, pero non completo, o propio conselleiro Almuíña admite o que colectivos veciñais, forzas políticas e profesionais sanitarios viñan defendendo. Os pacientes son atendidos con máis axilidade e a maioría xa non teñen que ser enviados á Coruña.
"Ampliar o horario mellorou de forma substancial o tempo de diagnóstico ata a apertura da arteria" das persoas que padecen un infarto, explicou o conselleiro no hospital lucense. Segundo o previsto, abrir ata as dez da noite durante toda a semana permitiu que tres de cada catro persoas infartadas fosen atendidas en Lugo e o tempo medio de resposta "dende o diagnóstico ata a apertura da arteria" pasou de 136 minutos a 86. Agora, daquela, xa está por baixo dos 120 minutos "recomendados polas sociedades científicas.
"Lugo gaña ao PP, pero isto non remata aquí", di o PSdeG
O anuncio do conselleiro foi retrucado pouco despois dende o PSdeG de Lugo, que nos últimos anos participou activamente nas protestas para esixir a apertura continuada do servizo de hemodinámica. Ás portas do HULA o seu secretario xeral, Álvaro Santos, amosouse convencido de que o anuncio de Almuíña permite afirmar que "Lugo gaña ao PP" pero "isto non remata aquí", porque "non imos permitir o silencio sobre as dramáticas consecuencias humanas por atrasar esta decisión política durante dez anos".
Álvaro Santos (PSdeG): "Feijóo debería estar aquí, avegoñado, polo agravio ao que someteu aos lucenses e porque mentiu"
O PSdeG, advirte Santos, vai seguir reclamando "a información oculta sobre os lucenses que morreron por non contar con esta prestación na súa provincia". O socialista subliña que a apertura total da hemodinámica chega despois de que "a presión política e cidadá" levase o PP a "verse na obriga de dar pequenos pasos" en sucesivas épocas preelectorais.
Agora, afirma, o conselleiro "debería pedir perdón", se ben "quen debería estar aquí é Feijóo, avergoñado" polo "agravio ao que o seu partido someteu aos lucenses" e mais por "mentir" xa que, resalta, na inauguración do hospital o presidente "dixo textualmente que os pacientes con doenzas do corazón ou de cancro que antes tiñan que desprazarse a Santiago ou á Coruña poderán ser atendidos no seu hospital de Lugo ao longo" de 2011.