Así permite o Sergas que unha multinacional americana controle servizos sanitarios en catro hospitais

Catálogo de produtos de Medtronic incluído no convenio asinado co Sergas para o HULA CC-BY-SA Praza Pública

A Consellería de Sanidade ten actualmente en vigor cinco convenios con Medtronic, unha empresa de tecnoloxía sanitaria con sede central en Minneapolis, nos Estados Unidos, e con presenza en máis dun cento de países en todo o mundo. Trátase dun "convenio marco" que establece a relación xeral do Servizo Galego de Saúde coa multinacional e catro acordos específicos que abriron á compañía as portas dos complexos hospitalarios públicos da Coruña, Santiago, Lugo e Vigo para testar os seus produtos e aplicar os seus métodos nas áreas cardiolóxicas dos centros e, no caso coruñés, tamén na dixestiva. O propósito declarado da empresa é "aumentar a súa oferta" e "fortalecer a súa posición" no mercado.

A Xunta tratou como secretos os anexos que concretan o contido destes convenios con Medtronic ata que interveu a Comisión de Transparencia e advertiu de que saltara a lei

Como vén informando Praza.gal, a Xunta tratou como secretas as partes destes acordos que van alén de declaracións de intencións máis ou menos xenéricas e concretan en que consiste exactamente a instalación de Medtronic en hospitais públicos de Galicia. Así, por exemplo, mentres que publicamente o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña indicaba que se trataba de convenios sen achega económica, os anexos da parte oculta evidenciaban que Sanidade achega a estes pactos diñeiro e persoal público. Ao tratarse de convenios son outorgados directamente e sen concorrencia nin concurso público, como sucedería cun contrato.

Accesos do HULA CC-BY-NC-SA CIG

Dende o outono de 2016 a Asociación de Pacientes do Clínico de Santiago viña reclamando, en virtude da lei de transparencia, que a Consellería lle facilitase unha copia dos seus acordos con Medtronic. No entanto, a Xunta negouse e só achegou a parte dos convenios que xa era pública a través do sitio web do Goberno galego. Evitaba revelar os anexos para protexer o "segredo comercial" e a "propiedade industrial" da empresa. Esa negativa produciuse sen consultar previamente coa empresa interesada, como marca a lei estatal de transparencia. Foi por iso que a Comisión de Transparencia de Galicia, á que acudiu á asociación, instou a Xunta a cumprir a lei e realizar a devandita consulta. O certo é que Medtronic non viu "impedimento" en revelar os acordos e a Consellería viuse obrigada a achegarllos á Asociación.

Na unidade que atendía infartos en Lugo só en horas de oficina

Referencia á unidade de hemodinámica no acordo asinado polo Sergas con Medtronic para o HULA CC-BY-SA Praza Pública

Tal e como informou este diario, o acordo co que o Sergas permitiu a Medtronic instalarse no Clínico de Santiago trouxo consigo a presenza dun executivo da empresa "a tempo completo" no hospital público e a instalación de maquinaria médica "exclusivamente para servir os fins deste acordo". Algo semellante sucede no demais convenios con escasos matices; no hospital Lucus Augusti de Lugo ese "consultor adscrito ao proxecto" enviado por Medtronic traballa tamén "a tempo completo" mentres que no Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC) o fai a tempo parcial. 

O anexo asinado para o hospital de Lugo implica unha "transformación integral da unidade de Cardioloxía" e dá por feito que a hemodinámica acabará abrindo 24 horas, como reclaman os pacientes

Segundo o anexo asinado especificamente para o centro hospitalario lucense, ao que tivo acceso Praza.gal, o propósito do acordo -vixente ata o 29 de maio de 2021- é o de promover unha "transformación integral da unidade de Cardioloxía". Trátase do servizo que leva anos ocupando titulares polos seus avances médicos, pero tamén por non dispoñer durante os tres anos posteriores á súa apertura dun servizo de hemodinámica -que atende os pacientes que sofren un infarto- e, durante os tres seguintes, por telo dispoñible só en horario de oficina. 

Precisamente a sala de hemodinámica é un dos abordados especificamente no pacto con Medtronic que a Xunta ocultou ata que interviu a Comisión de Transparencia. No marco da devandita "transformación integral", para a que Medtronic "achega consultores especializados", a multinacional "avaliará a capacidade actual das instalacións para atender as necesidades da rede asistencial no novo contexto asistencial derivado da transformación do Programa Galego de Infarto Agudo de Miocardo" coa "extensión do programa de anxioplastia primaria a 24 horas". O acordo específico para o HULA está en vigor dende maio de 2017 e dous meses antes, en febreiro, Sanidade deu en ampliar o seu horario pero non cunha apertura continua, senón das 8 da mañá ás 10 da noite de cada día. Hai menos dun mes o xefe de Cardioloxía do hospital, Juan Carlos González Juanatey, volveu pedir publicamente a apertura da hemodinámica durante as 24 horas, como reclama dende hai anos. 

Maquinaria da empresa e acceso a datos

Referencia ao seguimento de pacientes a distancia no acordo con Medtronic para o HULA CC-BY-SA Praza Pública

A Asociación de Pacientes do CHUS, que logrou acceder aos documentos tras un ano de xestións, cre que os pactos con Medtronic son "unha intervención do sector privado na sanidade pública contraria ao interese xeral"

Sempre segundo o convenio asinado, o pacto entre o Sergas e Medtronic implica, para o hospital lucense, o "impulso da telemedicina" e a "monitorización a distancia" de pacientes con doenzas cardíacas empregando para facelo tecnoloxía ou metodoloxía da propia Medtronic. Así, por exemplo, o acordo inclúe a "posta en marcha dun centro de soporte de seguimento remoto" para, por exemplo, doentes con marcapasos, onde "profesionais de Medtronic" e do Sergas "filtran os pacientes que requiren atención específica" alén do mero seguimento a distancia. Estas operacións implican que a empresa acceda a datos de pacientes, se ben o convenio subliña que o fai acorde coa lei en materia de privacidade.

Para a Asociación de Pacientes do CHUS, que tras un ano de reclamacións e trámites logrou acceder a esta documentación, os convenios do Sergas con Medtronic "constitúen unha intervención do sector privado da sanidade pública contraria ao interese xeral". Os convenios, alertan, outorgan a Medtronic "funcións de control, seguimento e asesoramento", garantíndolle "unha posición de vantaxe no mercado utilizando recursos públicos". "Estamos -din- ante unha utilización privativa ilexítima" de recursos públicos "de dubidosa legalidade" e "ante un deixamento manifesto e patente dos responsables sanitarios na defensa do público". Ademais, alertan, estes convenios tenden a "descargar sobre o autocoidado dos pacientes a realización de tarefas asistenciais" condicionadas, ademais, ao uso de aparellos desta empresa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.