Sociedades de Radioloxía alertaron de riscos para a sanidade pública no pacto secreto do Sergas cunha multinacional

Hospital Clínico de Santiago © Sergas

A Asociación de Pacientes do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) non foi o único colectivo ante o que o Servizo Galego de Saúde tratou como secretos parte dos seus acordos con Medtronic, a multinacional estadounidense da industria médica á que permite "testar" os seus produtos en hospitais públicos de Galicia. Como revelou Praza.gal, a parte da documentación que a Xunta ocultou a este colectivo cidadán inclúe, no caso concreto do Clínico compostelán, a "cesión do uso" dun TAC e unha resonancia magnética, equipamentos que poden ser empregados "exclusivamente para servir aos fins deste acordo" e non para o conxunto de poboación atendida no CHUS. Ante esa exclusividade a pasada primavera xa saltara unha alerta: a das organizacións que representan os profesionais da radioloxía tanto en Galicia como no conxunto do Estado.

A finais do pasado maio a Sociedad Española de Radiología Médica (SERAM) soubo dunha das primeiras aplicacións prácticas do convenio pero non porque a Xunta o publicase integramente, senón porque tivo "coñecemento da convocatoria por parte da empresa MEDTRONIC" dun "proceso para a adquisición" de ambas máquinas "para a área cardiovascular" do CHUS. Segundo comunicou por carta ás persoas que forman parte desta organización e despois, ao público en xeral mediante un comunicado, a SERAM transmitiu a súa alerta á Consellería de Sanidade, á Federación Española de Empresas de Tecnoloxía Sanitaria (FENIN) e á propia empresa. O acordo, destacaron, viña "rachar co concepto básico imperante" no sistema público de saúde, que "os servizos centrais", neste caso o de Radioloxía, "son os garantes da utilización racional e equitativa dos equipos de alta tecnoloxía". Isto é, que se empregan para "realizar exploracións a pacientes procedentes de todos os servizos clínicos do hospital".

A Sociedade Española de Radioloxía advertiu a Xunta de que estaba a "fragmentar a igualdade dos pacientes" ao asinar un acordo no que un TAC e unha resonancia poden ser usados só nunha parte do hospital

Que un hospital público incorpore unha maquinaria cedida temporalmente por unha empresa -o convenio foi asinado por catro anos prorrogables- pero que esta só poida ser utilizada polos pacientes atendidos por un departamento "fragmenta a igualdade dos pacientes" no acceso a esta tecnoloxía e "rompe a necesaria priorización dos mesmos". Así, alertaban, doentes "procedentes do servizo de radioloxía non terían demoras, mentres que os pacientes doutras áreas estarían sometidos" á lista de espera xeral aínda que a relevancia da súa doenza fose maior. "Isto significa a ruptura da equidade e a distorsión dos sistemas de priorización da demanda" na sanidade pública, onde "a priorización dos estudos non se realiza pola procedencia dun servizo ou doutro, senón pola gravidade da patoloxía".

Fragmento do acordo da Xunta con Medtronic referido aos equipamentos cedidos, incluído no "anexo" ao convenio que Sanidade se negou a publicar CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta, aseguraba a carta asinada polo presidente da SERAM, o doutor Ángel Gayete, estaba a establecer pola vía dos feitos enfermidades "de primeira que pasan por diante do resto" e creando, ademais, unha situación "absurda e irracional", toda vez que "os pacientes oncolóxicos e os procedentes de neuroloxía e traumatoloxía" adoitan representar "o 90% da actividade" dos TAC e das resonancias, "mentres que os pacientes cardiolóxicos non supoñen como promedio máis dun 5% da actividade". Adicionalmente, sinalaba a misiva, "non é admisible que nunha situación xeral de grave obsolescencia dos equipos de diagnóstico por imaxe" e cunhas "listas de espera moi preocupantes", se "dedique esforzo investidor a satisfacer moi discutibles necesidades individuais no canto de afrontar plans serios de renovación do equipamento.

Tras a alerta da SERAM, secundada pola Sociedade Galega de Radioloxía, o Sergas negou que asinase un acordo para o uso "exclusivo" dos equipos na área do hospital atinxida polo pacto

Esta alerta, da que se fixera eco o BNG a través da súa deputada Montse Prado, fora retrucada dende a Xerencia do CHUS. En declaracións á prensa, dende o complexo hospitalario asegurárase que estes equipamentos non ían ser "para uso exclusivo" da área de Cardioloxía, aínda que así foi asinado polo propio conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, senón que este servizo só ía ter "prioridade" no seu emprego atendendo ao "plan de mellora de calidade asistencial", isto é, en virtude do acordo con Medtronic. As doenzas cardiovasculares, xustificaba, presentan "elevadas taxas de mortalidade" e requiren dun "diagnóstico acelerado".

Poucos días despois da alerta da SERAM chegou outra, en termos semellantes, dende a Sociedade Galega de Radioloxía. Alén de "apoiar e adherirse ao manifestdo pola SERAM", a SGR reiterou que "o uso exclusivo ou prioritario" destes equipos nun centro público "quebranta a necesaria equidade no acceso aos recursos de todos os pacientes", polo que esta maquinaria debe poder utilizada "para realizar exploracións a todos os pacientes, non só nin prioritariamente aos da área Cardiovascular. "Non se pode xustificar esta adquisición argumentando a prioridade pola urxencia e/ou mortalidade das enfermidades cardíacas, xa que non é maior que as cerebrovasculares e oncolóxicas, agregaban, como resposta ás explicacións do Sergas. 

Fragmento do "anexo" ao convenio entre Sanidade e Medtronic que a Consellería se negou a entregar á Asociación de Pacientes CC-BY-SA Praza Pública

"Caprichos individuais" e compras "irregulares"

Xunto á crítica xeral ao acordo entre Sanidade e Medtronic, cuxos termos concretos a Consellería segue a tratar como secretos, a SERAM advertiu tamén dos aspectos da operación que consideraba "rechamantes" e mesmo "irregulares". A incorporación da maquinaria de Medtronic, sinalaba, chegaba apenas un ano despois "do concurso de compra de equipos de imaxe para o Sergas", incluíndo TAC e resonancias, que "supostamente contemplaba as necesidades para varios anos". No entanto, lamentaba, pouco despois des acompra "dedícanse recursos a satisfacer caprichos individuais" no canto de trazar "plans obxectivos, serios e globais".

O colectivo profesional amosou preocupación pola incorporación á sanidade pública galega de equipamento "á marxe da lei de contratos"

No seo da SERAM, afirmaban, cundía a "preocupación" polo feito de que "a adquisición destes equipos se realice dunha forma irregular, á marxe da lei de contratos e como contraprestación á adquisición de diverso material funxible e implantable para cardioloxía", así, para o colectivo profesional resulta "ilustrativo" que os convenios con Medtronic chegasen nun contexto no que a empresa é provedora habitual do Sergas. A sociedade radiolóxica refírese, concretamente, á adxudicación en 2016 a Medtronic do subministro de stents coronarios -dispositivos para desobstruír arterias- por importe de algo máis de 2 millóns de euros, se ben a mesma compañía tamén obtivo diversos contratos do Sergas antes e despois do sinalado.

Uso dun equipo de resonancia magnética nun hospital galego © Galaria

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.