A Xunta pon cartos e persoal no pacto secreto que permite a unha multinacional "testar" os seus produtos en hospitais públicos

Fragmento do "anexo" ao convenio entre Sanidade e Medtronic que a Consellería se negou a entregar á Asociación de Pacientes CC-BY-SA Praza Pública

Cero euros que non son tal. A parte pública dos convenios asinados pola Consellería de Sanidade coa multinacional médica estadounidense Medtronic para a "calidade" e "eficiencia" hospitalaria afirma que estes acordos foron pechados "sen achega económica" por ningunha das dúas partes. No entanto, esta versión varía no "anexo" que desenvolve os contidos concretos dos convenios, que a Asociación de Pacientes do Complexo Hospitalario de Santiago pediu formalmente á Xunta, pero que o Goberno galego negou apelando á necesidade de protexer o "segredo comercial" e a "propiedade industrial" da compañía. Segundo consta nun deses documentos, ao que tivo acceso Praza.gal, o Servizo Galego de Saúde achega a estes acordos persoal, instalacións e tamén unha cantidade indeterminada de fondos públicos.

O "programa específico de colaboración" que desenvolve un destes convenios, o asinado o 28 de novembro de 2016 para o hospital compostelán -un dos que pediu, sen éxito, a Asociación de Pacientes- desenvolve ao longo de 22 páxinas os compromisos que asumen empresa e Goberno galego coa intención xenérica de "desenvolver un marco operativo da área cardiovascular" do CHUS que "permita mellorar" a súa "eficiencia" e "calidade". Aínda que o documento non ofrece unha soa cifra, si deixa claro que a Administración sanitaria asume ata finais de 2020 gastos derivados deste acordo, que permite a Medtronic "testar" os seus produtos no hospital público para "fortalecer a súa posición" no mercado e poder "ofertar no futuro" os seus "servizos e solucións" a "todo o espectro de hospitais".

Referencia ao acordo con Medtronic no Rexistro de Convenios da Xunta, no que se indica a inexistencia de achega económica CC-BY-SA Praza Pública

A empresa "cede" temporalmente un TAC e unha resonancia magnética "exclusivamente para servir os fins deste acordo"

Un dos apartados do documento que a Xunta trata como secreto, ao que puido acceder este diario, salienta a necesidade de "potenciar a área de diagnóstico por imaxe" dentro do servizo de Cardioloxía do CHUS. Para isto Medtronic "contempla" a cesión do "dereito de uso durante a actuación do presente programa" de, cando menos, un equipo de TAC e outro de Resonancia Magnética, maquinaria que non estaba "implantada" neste servizo do hospital -si noutros- no momento da sinatura do acordo. Así e todo, estes equipos -xa instalados, segundo puido confirmar Praza.gal- non están ao servizo de todo o hospital, senón que a súa utilización, di o acordo, "farase exclusivamente para servir os fins deste acordo".

O hospital público "corre cos gastos correntes", asume o pagamento de mantemento e reparacións e achega "profesionais coa cualificación necesaria"

O convenio contempla que Medtronic Ibérica "corra cos gastos derivados da promoción e execución, mediante obra civil, do espazo hospitalario necesario para a instalación" destes equipos e advirte, ao tempo, de que "os acabados, mobiliario e iluminación" e "en definitiva, o look and feel da actuación, seguirán os estándares marcados por Medtronic Integrated Health Solutions". Pero o Sergas tamén ten unha parte na factura: o documento, que leva a rúbrica do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, deixa claro que é o hospital público o que "corre cos gastos correntes derivados do uso das instalacións", como electricidade, auga e limpeza, e tamén cos gastos de mantemento e posibles reparacións da maquinaria. A sanidade pública tamén pon "os profesionais sanitarios coa cualificación necesaria" para usar as máquinas e debe "actuar como promotora" das obras de instalación, que paga Medtronic.

Gastos adicionais e un executivo da empresa "a tempo completo" no hospital

O acordo admite que poden existir "gastos aparellados" que non están "expresamente recollidos en ningún apartado" do acordo

Os gastos de instalación, uso e mantemento da maquinaria que Medtronic "cede" para uso exclusivo no marco do acordo son os máis explicitamente sinalados no documento que a Xunta non publica, pero non os únicos. Non en van, o acordo sinal que "pode" decidirse o "uso de novo equipamento ou obras de acondicionamento de espazos" e explica que, unha vez realizada a "análise de procesos" da área cardiolóxica do CHUS, podería "aconsellarse" realizar "determinadas accións que traian consigo gasto aparellado" e "non expresamente recollido en ningún apartado". Ademais, algunhas áreas do acordo, como o seu plan de comunicación, condiciónanse aos "recursos que cada parte poida dedicar" ao mesmo.

Instalacións do Hospital Clínico de Santiago © Sergas

Se isto sucedese os gastos e o seu reparto terían que "someterse á aprobación" da "comisión de seguimento" do pacto, na que sentan a xerente do CHUS cos directores asistencial, de Recursos Ecónómicos e de Enfermaría do hospital, así como os responsables das áreas afectadas -neste caso, Cardioloxía- e tres executivos de Medtronic. Esta comisión ten ligazón directa co denominado Comité Operativo, sete persoas coa función de "dar seguimento ás actividades descritas" no anexo, e nel participan tamén representantes de ambas partes, dous deles de Medtronic. 

O convenio implica o "traballo a tempo completo" no hospital público dun executivo da compañía que transmite información en ambas direccións

Un dos integrantes do Comité Operativo en representación da empresa é o denominado "consultor adscrito ao proxecto". Trátase dunha figura executiva "contratada por Medtronic" que ten "como lugar de traballo a Área Cardiovascular do hospital", onde "desempeña un traballo a tempo completo". O acordo outorga a este empregado da empresa privada influencia directa na actividade do centro público, xa que dá "soporte á dirección" da área "para a xestión dos equipos de traballo que participan no acordo", para facer "seguimento das actividades" da área e para "dar soporte documental aos programas que se vaian implementando.

Do mesmo xeito, o executivo de Medtronic incrustado no hospital do Sergas é o vehículo que "canaliza cara á Área Cardiovascular o know how e as capacidades de Medtronic" ao hospital, pero tamén o responsable de transmitir á empresa o coñecemento, métodos e procedementos do centro sanitario público. A empresa, admite, quere "coñecer en profundidade" como funciona o centro público para "posicionarse estratexicamente" no mercado e "desenvolver un portfolio de servizos e solucións completo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.