0 Gardados para despois

A Xunta ocultou pactos cunha multinacional sanitaria americana que non puxo "impedimento" para revelalos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


No outono de 2017 a Consellería de Sanidade negouse a entregar á Asociación de Pacientes e Usuarios do Clínico de Santiago o contido íntegro dos convenios que asinara o Servizo Galego de Saúde coa empresa sanitaria estadounidense Medtronic. Estes acordos, como revelou Praza.gal, permiten á multinacional americana "testar" os seus produtos en hospitais públicos galegos e, aínda que formalmente non teñen dotación económica, a Xunta achega a eles persoal e tamén cartos. O Goberno galego tratounos como secretos ante a Asociación e ante o Parlamento, mesmo con máis cautela da esixida pola propia Medtronic.

Sanidade negouse a entregar os documentos á Asociación de Pacientes sen consultar coa empresa como marca a lei; tras facelo por orde da Comisión de Transparencia constatou que Medtronic non se opuña a revelalos

Sanidade baseou a súa negativa na necesidade de protexer o "segredo comercial" e a "propiedade industrial" da compañía. Fíxoo, como informou este diario, sen consultar previamente coa propia empresa sobre se autorizaba ou non a revelar os documentos. Segundo o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña, esa consulta non existiu por unha "omisión involuntaria", pero o certo é que supuxo tamén saltar un paso "esencial" da lei estatal de transparencia. Así o ditaminou a Comisión da Transparencia, máximo órgano galego na materia ao que a Asociación de Pacientes recorreu para tentar conseguir a información.

A finais da pasada primavera a Comisión da Transparencia constatou que a Xunta saltara a lei e instou a Consellería a subsanar este "vicio de forma". Debía "retrotraer" o expediente ao momento no que saltou a consulta á empresa. Sanidade acatou a orde de Transparencia e en xuño deste ano "notificou" o acontecido a Medtronic. Ao contrario que o Goberno galego, a multinacional non puxo atrancos á entrega da documentación ao colectivo de pacientes. Segundo a documentación do expediente, ao que tivo acceso Praza.gal, a través dun burofax remitido á Consellería o pasado 5 de xullo Medtronic sinalou que non observa "impedimento para facilitar" á Asociación "o contido íntegro" dos convenios asinados co Sergas para os hospitais de Santiago, A Coruña e Lugo, como pedira.

Fragmento do "anexo" ao convenio entre Sanidade e Medtronic que a Consellería inicialmente se negou a entregar á Asociación de Pacientes / Praza Pública

A Xunta alegara a necesidade de protexer o "segredo profesional" e a "propiedade intelectual" de Medtronic para non revelar os acordos, nos que o Sergas pon diñeiro e persoal

Esta resposta, evidencia o documento asinado polo secretario xeral técnico de Sanidade, Alberto Fuentes, supón "expresa conformidade" de Medtronic a revelar os documentos que a Xunta ocultaba. A Consellería, admite o escrito, "valorou nun primeiro termo como motivo de denegación" que entregar á Asociación todos os papeis podería causar "prexuízo ao segredo profesional e á propiedade intelectual e industrial da multinacional". Nesa negativa Sanidade tampouco valorou que Medtronic asinara convenios semellantes con outras comunidades autónomas como Catalunya, onde a Generalitat publicou integramente o contido do acordo en internet para a súa consulta libre.

Tal e como informou este diario, na parte de documentación que a Xunta inicialmente ocultou detállase, por exemplo, que Medtronic "desenvolve un marco operativo da área cardiovascular" do Clínico de Santiago, instalándose nela con permiso para probar os seus produtos e servizos coa intención de "fortalecer a súa posición" no mercado. O convenio trouxo consigo a instalación dun equipo de TAC e doutro de Resonancia Magnética "exclusivamente para servir os fins deste acordo". A Medtronic correspondéronlle os gastos de instalación e mobiliario seguindo a súa propia guía de estilo, mentres que o Sergas asumiu "os gastos correntes derivados do uso das instalacións", como electricidade, auga, limpeza e mantemento de posibles avarías. Achegou tamén "profesionais sanitarios coa cualificación necesaria" e aceptou a presenza dun executivo da empresa "a tempo completo".

Outros departamentos do Goberno galego tamén atrancan o acceso aos seus acordos con empresas e entidades que, por lei, deben ser publicados

Esta non é a primeira ocasión na que a Xunta pon atrancos á publicación de convenios con outras empresas ou entidades mesmo. Así, por exemplo, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, dependente da Consellería de Industria, incumpriu este mesmo ano prazos legais e interpuxo todo tipo de obstáculos para acceder á información sobre o impacto ambiental de parques eólicos e canteiras. Nun sentido semellante, en 2016 o Goberno galego ocultou o potencial impacto da base de drons de Rozas nunha especie de ave en perigo de extinción, información que o Ministerio de Defensa, participante no acordo, fixera pública sen maior atranco.

Do mesmo xeito, a Xunta mantén paralizado dende hai meses a parte pública do Rexistro de Convenios, onde segundo a propia lei de transparencia ten a obriga legal de publicar todos os seus pactos de empresas e entidades. Ben ao contrario, o Executivo de Alberto Núñez Feijóo está a asumir a práctica de publicalos só se alguén o pide e non facelo por iniciativa propia, como marca a normativa vixente.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.